Saltar ao contido

Demografía de Angola

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Segundo os do censo de 2014, Angola tiña unha poboación de 25 789 024 habitantes.[1]

Mapa étnico de Angola en 1970.

A poboación angolana presenta unha composición bastante complexa. Cerca do 95 % dos angolanos son negros africanos bantús, pertencentes a unha diversidade de etnias. Entre estas, a máis importante é a dos ovimbundu, que representan máis dun terzo da poboación, seguidos dos ambundus con cerca dun cuarto, e os bakongo, con máis do 10 %. Menor peso demográfico teñen os lunda-chócue, os ovambo, os nyaneka-nkhumbi, os ganguela e os xindonga. Existen aínda pequenos grupos residuais de khoisans (ocasionalmente designados como bosquímanos ou hotentotes), habitantes originais do territorio da Angola de hoxe (e, polo tanto pre-bantús). O habitat destas etnias, tal como existía ao final da época colonial, continúa esencialmente inalterado. Porén, durante a segunda metade do século XX houbo un fluxo permanente de habitantes das zonas rurais para as cidades. Despois de independencia, a guerra civil angolana provocou un verdadeiro éxodo rural, de modo que, contra 2015, pouco máis de metade da poboación total de Angola vive en áreas urbanas. Neste contexto, moitos bakongo e ovimbundu (e continxentes máis limitados doutros grupos) establecéronse en cidades fora do habitat tradicional da súa respectiva etnia. Como resultado deste movemento, existe hoxe unha diversidade étnica moi acentuada en Luanda (e rexións adxacentes), pero tamén en Lubango, mentres que é relativamente máis limitada, por exemplo, en Benguela e en Huambo.

Ao longo do período colonial constituíuse en Angola unha poboación portuguesa que, en 1975 contaba con entre 320 000 e 350 000 persoas.[2][3][4] Entre as varias fontes sobre este número, a que máis crédito merece é a de Gerald Bender & Stanley Yoder,[5] e José Manuel Zenha Rela.[6] Destes, unha parte estaba establecida no país a título permanente, moitas veces na segunda ou mesmo na terceira xeración; a outra parte viñera na fase do "colonialismo tardío" dos anos 1960-70, xeralmente a título temporal. Na súa grand maioría saíron de Angola na época da independencia, pero, porén, algúns deste grupo, sobre todo outros portugueses, afluíron ao país nas dúas últimas décadas, na busca de empregos ou de posibilidades empresariais. O número de portugueses que viven actualmente en Angola estímase en aproximadamente nunhas de 200 000 persoas (rexistros consulares), en 2012,[7] pero é probabelmente superior. Como ao mesmo tempo houbo unha forte inmigración de latinoamericanos, especialmente brasileiros e cubanos, a poboación "caucasiana" volveu a constituír un grupo seguramente non inferior ás 300 000 persoas.

A longa presenza de portugueses en Angola deu lugar a un número considerábel de mestizos, ou sexa, de persoas de ascendencia africana e europea. Tanto en termos administrativos como en termos sociais, estes foron no tempo colonial considerados como unha "raza" distinta das "razas" branca e negra. En ambos os casos, esta distinción continúa en vigor até o presente. A proporción dos mestixos na poboación total estímase en cerca do 2 %.[8]

Evolución demográfica de Angola (1960-2010). Datos da FAO, ano 2005. Número de habitantes en miles.

Finalmente, formouse a partir dos anos 1990, sobre todo a partir do fin da guerra civil en 2002, un novo grupo de poboación, o dos chineses, directa ou indirectamente asociados á forte presenza económica da China en Angola. Hai poucas fontes fiábeis sobre o seu número, pero estímase que, en 2012 eran da orde de 259 000 persoas.[9]

Sobre a poboación global, os datos dispoñíbeis son provisionais. Porén, un estudo presentado por un destacado demógrafo angolano, Luís Colaço, calcula para 2009 unha estimación de 18,5 millóns (contra 6,3 milllóns en 1975),[Cómpre referencia] o que reflicte unha verdadeira explosión de poboación, explicada por un aumento da taxa de natalidade, unha diminución da mortalidade infantil e unha maior esperanza de vida ao nacer, ocorridas esencialment nas crecentes áreas urbanas.[10] Unha consequrncia importante é o considerábel rexuvenecemento da poboación: os menores de 14 anos constitúen o 46 % da pirámide de poboación.

A densidade demográfica é globalmente baixa, con cerca de 15 habitantes por quilómetro cadrado, pero extremamente desigual: ás áreas urbanas, en constante expansión, contrapóñense grandes extensións pouco habitadas, particularmente nas provincias situadas ao leste e ao sur do país.

  1. "Resultados Definitivos Censo Geral 2014" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de maio de 2016. Consultado o 24 de setembro de 2019. 
  2. "Flight from Angola". The Economist. 1975-08-16. ISSN 0013-0613. Consultado o 24 de setembro de 2019. 
  3. "Angola - The Portuguese Coup d'Etat and the End of the Colonial Era". countrystudies.us. Consultado o 24 de setembro de 2019. 
  4. Portugueses em Angola quadruplicaram Arquivado 11 de marzo de 2009 en Wayback Machine., Jornal de Notícias, 10 de marzo de 2009. Consultado o 24 de setembro de 2019.
  5. Bender & Yoder 1976.
  6. Zenha Rela 1992.
  7. Das Glück liegt in Angola. Zehntausende Portugiesen kehren in die einstige Kolonie zurück, um als Gastarbeiter der wirtschaftlichen Misere in ihrem Heimatland zu entfliehen (La suerte está en Angola. Decenas de miles de portugueses regresan á antiga colonia para fuxiren, como traballadoles convidados, da miseria económica no seu país de orixe) (en alemán). Consultado o 24 de setembro de 2019.
  8. CIA. "The World Factbook - Angola- Population". Arquivado dende o orixinal o 06 de maio de 2020. Consultado o 24 de setembro de 2019.  Convén salientar que, en relación cos aspectos aquí examinados, esta fonte non é necesariamente fiábel. O mesmo aplícase a US Department of State Arquivado 12 de outubro de 2013 en Wayback Machine..
  9. Cerca de 259.000 chineses vivem atualmente no país Arquivado 24 de setembro de 2019 en Wayback Machine. Angonotícias, 25-04-2012. Consultado o 24 de setembro de 2019.
  10. Agadjanian & Prata 2002.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Agadjanian, Victor & Ndola Prata (2002): "War, peace and fertility in Angola", Demography, 39 (3): 215-231.
  • Gerald & Stanley Yoder (1976): "Whites in Angola on the Eve of Independence: The politics of numbers", Africa Today, 21 (4): 23-37.
  • Zenha Rela, José Manuel (1992): Angola entre o presente e o futuro. Lisboa: Escher e Agropromotora.