Dólar de prata do bicentenario de West Point
Dólar de prata do bicentenario de West Point | |
---|---|
A/: A Garda de Cor da Academia de West Point desfilando, coa capela e o Washington Hall ao fondo. Marca de gravador (TJF).
Lendas: 1802 · LIBERTY · 2002 / IN GOD WE TRUST |
R/: Logotipo do bicentenario da Academia de West Point. Marcas de ceca (W) e de gravador (JM).
Lenda: 1802 WEST POINT 2002 / BICENTENNIAL / UNITED STATES OF AMERICA / E PLURIBUS UNUM / ONE DOLLAR |
|
O dólar de prata do bicentenario de West Point é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 2002 e cuñada pola Ceca de West Point.
Esta moeda dun dólar foi autorizada pola Lei 103-328, do 29 de setembro de 1994,[1] pola que se dispuxo a emisión dunha moeda como tributo á Academia Militar dos Estados Unidos de West Point, Nova York, en conmemoración do bicentenario da súa fundación o 16 de marzo de 1802.[2]
Deseño[editar | editar a fonte]
No anverso da moeda, deseñado por James Ferrell, reprodúcese unha escena da Garda de Cor da Academia Militar dos Estados Unidos de West Point desfilando con bandeiras, coa capela e o Washington Hall ao fondo. A dobre data 1802-2002 refire ao mesmo tempo ao bicentenario conmemorado e ao ano de emisión da moeda.[2][3]
Pola súa banda, o reverso, obra do gravador da US Mint John Mercanti, reproduce o logotipo do bicentenario, constituído por un casco e unha espada, extraído da parte central do escudo de armas da Academia Militar de West Point.[2][3]
Produción e comercialización[editar | editar a fonte]
A lei que autorizou a emisión destas moedas conmemorativas prevía unha tiraxe máxina de 500.000 de exemplares.[1] A moeda produciuse na Casa de Moeda de West Point[3] e estivo dispoñible para a súa adquisición por parte da poboación desde o 16 de marzo de 2002 ata o 16 de marzo de 2003.[2]
A súa produción foi de 103.201 moedas na súa condición estándar e 288.293 en versión con acabamento especial (proof), o que fai un total de 391.494 exemplares.[3][4]
A moeda comercializouse aos prezos de 32 dólares en condición estándar e 37 en versión proof,[3] e o beneficio conseguido coa súa venda destinouse á Asociación de Graduados, para financiar os programas de desenvolvemento académico, militar, físico, moral e ético do Corpo de Cadetes.[2]
Recoñecementos[editar | editar a fonte]
O dólar de prata do bicentenario de West Point foi recoñecido co Premio Moeda do Ano 2004 á mellor moeda de módulo grande das emitidas no mundo en 2002.[5]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 "Public Law 103-328 - SEPT. 29, 1994. TITLE I. Sec.207". Govinfo.gov
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "West Point Bicentennial Commemorative Coin". United States Mint.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "1 Dollar White House Bicentenary". Numista.com
- ↑ "Historical Commemorative Coin Sales Figures: 2002 West Point Bicentennial or 2002 U.S. Military Academy Bicentennial Silver Dollar". United States Mint.
- ↑ Scarinci, D. (2015). Coin of the Year: Celebrating Three Decades of the Best in Coin Design and Craftsmanship. Krause Publications. ISBN 978-1-4402-4476-6
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Outros artigos[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- "2002 West Point Silver Dollar" (ModernCommemoratives.com)