Dólar de prata do Mundial de Fútbol de 1994

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dólar de prata do Mundial de Fútbol de 1994
A/: Dous futbolistas competindo por un balón. Data e marcas de gravador (DEM e TJF).

Lendas: LIBERTY / IN GOD WE TRUST

R/: Logotipo do Campionato Mundial de Fútbol de 1994 dos EEUU; pólas de loureiro. Marcas de ceca e de gravador (DEM).

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURIBUS UNUM / ONE DOLLAR

  • Valor: 1 dólar.
  • Gravador: T. James Farrell (anv.) e Dean McMullen (anv. e rev.).
  • Datas de emisión: 1994
  • Ceca: US Mint: Cecas de San Francisco (S) e de Denver (D).
  • Tiraxe: 658.614 exemplares.
  • Aliaxe: 90 % prata e 10 % cobre.
  • Diámetro: 38,1 mm.
  • Peso: 26,73 g.
  • Espesor: 2,8 mm.
  • Canto: estriado.

O dólar de prata do Mundial de Fútbol de 1994 é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 1994 e cuñada polas Casas da Moeda de San Francisco e de Denver.

Esta moeda dun dólar foi autorizada pola Lei 102-281, do 13 de maio de 1992,[1] pola que se dispuxo a emisión dunha serie de moedas para conmemorar a celebración do Campionato Mundial de Fútbol de 1994 nos Estados Unidos.[2]

Xunto coa moeda dun dólar de prata, as moedas que completan a serie conmemorativa ao abeiro da mesma lei son a de cinco dólares de ouro e a de medio dólar, de cobre revestido con níquel.[1][3] As tres moedas da serie comparten o mesmo deseño no seu reverso.[4]

Deseño[editar | editar a fonte]

No anverso da moeda, deseñado e gravado por Dean McMullen e T James Farrell, represéntase a imaxe de dous futbolistas loitando por un balón. Sobre eles a inscrición LIBERTY ("Liberdade") con seis estrelas intercaladas. Completan as lendas o lema IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos") característico das moedas estadounidenses, e tamén figura no anverso a data de emisión da moeda.[2][4]

Pola súa banda, o reverso, obra de Dean McMullen, reproduce o logotipo do Campionato Mundial de Fútbol da FIFA, celebrado nos Estados Unidos en 1994, con senllas pólas de loureiro aos seus lados. Este motivo do reverso está rodeado polas lendas alusiva ao nome do país e ao valor facial da moeda, así como o lema E PLURIBUS UNUM.[2][4]

Produción e comercialización[editar | editar a fonte]

A lei que autorizou a emisión deste dólar conmemorativo prevía unha tiraxe máxina de cinco millóns de exemplares.[1] A moeda produciuse na Casa da Moeda de Denver na súa versión estándar, en tanto que a Casa da Moeda de San Francisco se encargou da cuñaxe das moedas con acabamento especial (proof).[2][4] A emisión foi presentada e posta ao dispor do público o día 14 de xuño de 1994.[2]

A súa produción foi de 81.524 moedas na súa condición estándar e 577.090 en versión proof, o que fai un total de 658.614 exemplares.[3][4]

Este dólar conmemorativo comercializouse aos prezos de 28 dólares en condición estándar e 31 en versión proof.[4] Consonte a lei que autorizou esta emisión, os beneficios acadados coa súa comercialización foron destinados a World Cup USA 1994, Inc., para colaborar no financiamento da organización do Mundial de Fútbol dos EEUU de 1994, e un 10 % destes fondos foi posto ao dispor da Federación de Fútbol dos EEUU para a concesión de bolsas de estudos.[2][4]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]