Dólar de prata do 250 aniversario de Thomas Jefferson
Dólar de prata do 250 aniversario de Thomas Jefferson | |
---|---|
A/: Busto espido de Thomas Jefferson cara á esquerda. Marca de gravador (TJF).
Lendas: THOMAS JEFFERSON · ARCHITECT OF DEMOCRACY / LIBERTY / 1743 1993 / IN GOD WE TRUST |
R/: Fachada principal da residencia de Monticello. Marca de ceca.
Lenda: UNITED STATES OF AMERICA / MONTECELLO / E PLURIBUS UNUM / ONE DOLLAR |
O dólar de prata do 250 aniversrio de Thomas Jefferson é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 1993 e cuñada polas Casas da Moeda de San Francisco e de Filadelfia.
Esta moeda dun dólar foi autorizada pola Lei 103-186, do 14 de decembro de 1993,[1] pola que se dispuxo a emisión dunha moeda en conmemoración do 250 aniversario do nacemento do terceiro presidente dos Estados Unidos, Thomas Jefferson, o 13 de abril de 1743.[2]
Deseño
[editar | editar a fonte]No anverso da moeda, deseñado por James Farrell, represéntase un busto espido de Thomas Jefferson cara á esquerda, tomado do retrato pintado para un medallón por Gilbert Steward en 1805. A lenda alusiva ao feito conmemorado é THOMAS JEFFERSON · ARCHITECT OF DEMOCRACY ("Thomas Jefferson arquitecto da democracia") e vai acompañada polos lemas IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos") e LIBERTY ("Liberdade"), tradicionais das moedas estadounidenses. A dobra data que se amosa, 1743 1993, refire ao mesmo tempo ao 250 aniversario conmemorado e á data de cuñaxe.[2][3]
Pola súa banda, o reverso, obra do mesmo gravador, está caracterizado por unha imaxe da fachada de Monticello, en Virxinia, que foi unha das residencias de Thomas Jefferson. Esta imaxe foi tomada dun debuxo realizado polo Historical American Buildings Survey, do Servizo de Parques Nacionais dos Estados Unidos. Completan o reverso as inscricións MONTICELLO, o habitual lema E PLURIBUS UNUM e as lendas alusivas ao nome do país e ao valor facial da moeda.[2][3]
Produción e comercialización
[editar | editar a fonte]A lei que autorizou a emisión destas moedas conmemorativas prevía unha tiraxe máxina de 600.000 exemplares.[1] A moeda produciuse na Casa da Moeda de Filadelfia na súa versión estándar, en tanto que a Casa da Moeda de San Francisco se encargou da cuñaxe das moedas con acabamento especial (proof), e a emisión non estivo dispoñible para a súa adquisición por parte da poboación ata 1994.[2][3]
A súa produción foi de 266.927 moedas na súa condición estándar e 332.891 en versión proof, o que fai un total de 599.818 exemplares, practicamente no límite da tiraxe máxima autorizada.[3][4]
Este dólar conmemorativo comercializouse aos prezos de 32 dólares en condición estándar e 35 en versión proof.[3] Consonte a lei que autorizou a moeda, o beneficio acadado pola venda dos primeiros 500.000 exemplares destinouse á Thomas Jefferson Memorial Foundation, para os seus programas educativos e para o mantemento da residencia de Jefferson en Monticello, Virxinia, e da súa moblaxe histórica; e a parte restante foille outorgada á Corporation for Jefferson’s Poplar Forest, para a preservación de Poplar Forest, a casa de plantación que serviu para o retiro de Jefferson, tamén en Virxinia.[2][3]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]O dólar de prata do 250 aniversario de Tomas Jefferson foi recoñecido co Premio Moeda do Ano de 1996 á moeda de maior relevancia histórica presentada en 1994 –aínda que a cuñaxe se produciu en 1993–.[5][6]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Public Law 103-186 - DEC. 14, 1993. TITLE I". Govinfo.gov
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "Thomas Jefferson 250th Anniversary Dollar". United States Mint.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 "1 Dollar Birth of Thomas Jefferson". Numista.com
- ↑ "Historical Commemorative Coin Sales Figures: 1994 Thomas Jefferson 250th Anniversary Dollar". United States Mint.
- ↑ "COTY goes to Mongolia". En Numismatic News. 11 de febreiro de 2009.
- ↑ Scarinci, D. (2015). Coin of the Year: Celebrating Three Decades of the Best in Coin Design and Craftsmanship. Krause Publications. ISBN 978-1-4402-4476-6
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "1993 Thomas Jefferson Silver Dollar" (ModernCommemoratives.com)