Cuadrigato

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Cuadrigatus»)
Cuadrigato (ca. 225-212 a. C.), coa cabeza bifronte e laureada e a Vitoria guiando unha cuadriga

O cuadrigato (en latín: quadrīgātŭs) foi unha moeda de prata emitida pola República Romana durante o século III antes de Cristo, caracterizada polo busto bifronte de Xano nos seus anversos e unha representación da Vitoria conducindo unha cuadriga nos seus reversos (que lle dá o nome), coa inscrición ROMA debaixo.[1][2][3]

O peso teórico desta moeda é de 6 escrúpulos (arredor de 6,8 gramos), o que a fai equivalente ao didracma grego do sur de Italia, e o seu diámetro rolda os 20 milímetros.[4] O cuadrigato cuñouse durante varios anos ata pouco antes da introdución do denario (cara ao 211 a. C.). Á parte do cuadrigato, cuñáronse tamén pezas de ouro coa mesma tipoloxía, con idéntico anverso, e que exhiben no seu reverso unha escena de dous soldados facendo un xuramento sobre un terceiro que sostén un porco, tamén coa lenda ROMA no pé.[5][6]

Crese que a elección de Xano para os anversos destas moedas se debe ao pechamento das portas do templo deste deus, indicativo dunha etapa de ausencia de guerra. Michael Crawford, no entanto, suxeriu que a cabeza bifronte de Xano representa os Dióscuros, e non a Xano, xa que este se representa adoito como unha figura madura e con barba.[7]

Os historiadores da época romana, como Tito Livio e Plutarco, refírense frecuentemente a estas moedas temperás como denarios, aínda que as modernas referencias numismáticas as consideran moedas diferentes, producidas antes da estandarización do denario.[8][9]

Tito Livio cita o cuadrigato, entre outros, en Ab urbe condita libri. XXII, 58:

... pretium fore in capita equiti quingenos quadrigatos nummos ...

(... o prezo -do rescate- tería sido para os cabaleiros de cincocentos cuadrigatos cada un...)

En época posterior houbo outra moeda, denominada vitoriato (lat. victoriatus) co valor equivalente a medio cuadrigato e, xa que logo, cun peso de 3 escrúpulos.[10][11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Sistema Monetario en la República Romana: los Quadrigatos". En Imperio-Numismatico.com
  2. Jiménez Peris, J. A. "Quadrigatus, las didracmas romanas Arquivado 06 de abril de 2018 en Wayback Machine.". En Numismático Digital.17 de agosto de 2016.
  3. "Relative arrangement of quadrigatus issues". En Crawford, M. H. (1974). Vol I. Páxina 103.
  4. García Garrido. M. "Acerca de unos divisores hispánicos relacionados con el victoriato". En Acta Numismática. Nº. 26. 1996. Páxinas 67-75: (...) A la llegada de los romanos a Hispania, la moneda de plata de éstos era una didracma llamada cuadrigato, de 6,80 gramos, (...)
  5. Alfaro Asins, C. et al.(2009). "Cuadrigato".
  6. Chaves Tristán, T. "Catálogo. 1. Monedas de plata". En Monedas romanas. I. República. Real Academia de la Historia. Madrid, 2005. Páxina 51 e seguintes. ISBN 84-95983-39-7
  7. Crawford, M. H. (1974). Páxina 715.
  8. Langhorne, J.; Langhorne, W. Plutarch's Lives. Vol. 2. Londres, 1813.
  9. Adkins, L.; Adkins, R. Handbook to Life in Ancient Rome. Oxford University Press. Oxford-Nova York, 1994. ISBN 978-0195123326
  10. "Vitoriato". En Digalego. Dicionario de galego.
  11. "Sistema Monetario en la República Romana: los Victoriatos". En Imperio-Numismatico.com

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]