Albumina
- Para a albumina do soro sanguíneo humano ver seroalbumina humana.
As albuminas (palabra derivada do latín albumen, “clara de ovo”) son un tipo de proteínas globulares que se caracterizan por ser solubles en auga, moderadamente solubles en solucións salinas concentradas, e insolubles en alcohol, que se desnaturalizan con calor, e precipitan por saturación con (NH2)SO4, pero non con NaCl e sulfato magnésico.[1] Son proteínas simples, de carácter ácido, xeralmente ricas en ácido glutámico e aspártico, lisina e leucina e pobres en triptófano.[2][3] As albuminas encóntranse no plasma sanguíneo, leite, clara do ovo, músculo (mioalbuminas), e outros tecidos e fluídos, e mais en tecidos vexetais como os das sementes.[4][5] Non todas están relacionadas entre si, pero algunhas forman familias proteicas como a das seroalbuminas.
Principais albuminas[editar | editar a fonte]
- Seroalbumina. É a albumina do soro sanguíneo e a máis coñecida. A seroalbumina humana controla a presión oncótica do sangue e transporta diversas substancias como ácidos graxos e hormonas, e ás veces se lle chama simplemente albumina. A seroalbumina bovina é moi utilizada en técnicas de laboratorio.
- Lactoalbumina. É a albumina do leite. A alfa-lactoalbumina pode extraerse do soro lácteo.
- Ovoalbumina. A ovoalbumina é unha proteína de almacenamento que se encontra na clara do ovo.
- Albuminas vexetais. Son proteínas de almacenamento que se encontran en sementes vexetais, como por exemplo, a legumelina[6][7] do chícharo e a leucosina do trigo.[1]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 Jabde, P.V. Text Book of General Physiology. Google books
- ↑ Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. Tomo I. Páxina 276. ISBN 84-7680-288-9 (da colección), 84.7680-288-7 (do tomo).
- ↑ The Free dictionary albumin
- ↑ Larousse 2000. Salvat. Tomo I. Páxina 167. ISBN 84-89898-50-2 (da colección); 84-89898-51-0 (do tomo).
- ↑ Merrian Webster dictionary Albumin
- ↑ Merriam Webster dictionary legumelin
- ↑ Thomas B. Osborne, Frederick W. Heyl. The pea (Pisum sativum) Hydrolysis of legumelin. J. Biol, Chem. 1908, 5:197-205.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Albumina ![]() |