"Creep" é unha canción da banda inglesa de rock alternativoRadiohead, editada como o seu sinxelo de estrea en setembro de 1992. Posteriormente apareceu no seu primeiro álbum Pablo Honey. "Creep" é un dos temas máis coñecidos da banda, e ten sido usado en varios medios ademais de ser versionada por un feixe de artistas.
Durante a súa edición inicial "Creep" non foi un éxito nas listas. Porén, coa súa reedición en 1993 converteuse nun éxito en todo o mundo. Os asistentes aos primeiros concertos de Radiohead adoitaban a amosar pouco interese polos outros temas do grupo, causando que a banda reaccionase en contra de "Creep" e a tocasen con menos frecuencia de mediados a finais dos 90. En 1998, na metade da súa xira do OK Computer, a banda eliminou a canción de todos os seus setlists. "Creep" non foi tocada ao vivo novamente ata o ano 2001, e dende entón reapareceu varias veces nos seus concertos.
Segundo o baixista da banda Colin Greenwood, Thom Yorke compuxo "Creep" metres estudaba na Universidade de Exeter a finais dos anos 80[1]. O guitarrista Jonny Greenwood dixo que estaba inspirada nunha rapaza á que Yorke seguira e que se presentou un día de forma inesperada nun concerto a banda.
En 1992, durante as sesións de ensaio cos produtores Sean Slade e Paul Q. Kolderie, Radiohead espontaneamente tocou "Creep". Yorke describíulles "Creep" aos produtores como "a nosa canción Scott Walker"; Slade e Kolderie, confundidos pola observación do cantante, pensaron que era unha versión. Despois da tensión xurdida debido aos intentos infructuosos de gravar outros temas, Slade e Kolderie procuraron subir a moral pedíndolle á banda que tocase "Creep" novamente. Readiohead gravou a canción nunha única toma; despois da intepretación todo o mundo na sala comezou a aplaudir. Unha vez que o grupo lle asegurou a Kolderie que "Creep" era un tema orixinal, chamou a EMI para propoñerlle a canción como o seguinte sinxelo de Radiohead[2]. Á canción graváronselle uns overdubs mínimos pero a banda non tiña intención de editala, aínda que os produtores quedaron impresionados con ela. Debido ás semellanzas con "The Air That I Breathe", unha canción gravada por The Hollies en 1973, Albert Hammond e Mike Hazlewood están acreditados como co-compositores de "Creep"[3].