Colin Greenwood
(2006) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (en) Colin Charles Greenwood 26 de xuño de 1969 (55 anos) Oxford, Reino Unido |
Educación | Peterhouse (en) Abingdon School (en) |
Actividade | |
Ocupación | guitarrista, compositor de cancións |
Período de actividade | 1985 - |
Membro de | |
Xénero artístico | Rock alternativo e electrónica |
Instrumento | Guitarra, baixo e baixo |
Selo discográfico | XL Recordings |
Familia | |
Irmáns | Jonny Greenwood |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
Páxina web | radiohead.com |
Colin Charles Greenwood, nado o 26 de xuño de 1969 en Oxford (Oxfordshire) é un músico e compositor inglés coñecido por ser o baixista de banda de rock alternativo Radiohead. O seu irmán máis novo, Jonny Greenwood, é outro dos integrantes do grupo.
Inicios
[editar | editar a fonte]De pai militar,[1] Greenwood viviu de pequeno en Alemaña o tempo suficiente como para falar a lingua con soltura.[2] A súa familia relacionouse historicamente co Partido Comunista de Gran Bretaña e a Sociedade Fabiana.[3] Ten mencionado á súa irmá, Susan, como unha grande influencia no seus gustos musicais durante a adolescencia. Como dixo Greenwood: "Ela é a responsable do noso amor precoz pola música deprimente. The Fall, Magazine, Joy Division. Facíannos o baleiro na escola porque a todos os demais lles gustaba Iron Maiden.”[4]
Con 12 anos, Greenwood coñeceu ao seu futuro compañeiro de banda, Thom Yorke, na Abingdon School, unha escola privada masculina.[5] Tamén os futuros compañeiros de grupo Ed O'Brien e Phil Selway estudaban alí.[6] Cando tiña 15 anos, Greenwood mercou a súa primeira guitarra[7] e comezou a estudar guitarra clásica co influente profesor Terence Gilmore-James. Foi Gilmore-James quen os introduciu a el e aos futuros membros de Radiohead no jazz, as bandas sonoras de cinema, a música de vangarda da era posterior á segunda guerra mundial e a música clásica do século XX. Segundo as palabras do propio Greenwood: "Cando comezamos, foi moi importante que el nos apoiase porque o director non o facía. Unha vez, o home enviounos unha factura cobrándonos polo uso da propiedade escolar por ensaiar nunha das salas de música un domingo."[1]
Como sinala Greenwood, escolleu o baixo por necesidade e aprendeu a tocalo practicando mentres escoitaba cancións de New Order, Joy Division e Otis Redding. “Fomos xente que escolleu os seus respectivos instrumentos porque queriamos facer música xuntos e non porque porque quixesemos tocar ese instrumento en particular. Así que foi máis unha visión colectiva e, se podías contribuír tendo a outro que tocase o teu instrumento, iso era xenial. Non me vexo a min mesmo como un baixista, simplemente estou nunha banda con outra xente."[5] Entre as súas maiores influencias musicais atopamos a Booker T and the MGs. “Eu son máis un rapaz de soul. Bill Withers e Curtis Mayfield, esa foi a xente que me ensinou como tocar o baixo. Esa combinación de ritmo e melodía.”[2]
Radiohead
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Radiohead.
En 1986, Greenwood e un compañeiro seu de clase na Abingdon School, Thom Yorke, decidiron formar unha banda. Tras unírselles Ed O'Brien, falaron con Phil Selway, un estudante dous anos maior, para que entrase no grupo. Sería algo máis tarde cando o irmán máis novo de tan só 14 anos de Colin, Jonny Greenwood, se acabaría unindo á formación de On A Friday, que era como se facían chamar daquela. Sobre Jonny, Colin afirma que, alén de ser o seu irmán, o respecta como persoa e como músico.[7]
Entre 1988 e 1991, Greenwood estudou lingua e literatura inglesa na Universidade de Cambridge. No seu college, Peterhouse, Greenwood colaborou como encargado das actividades de entretemento e axudou a conseguirlles varias actuacións a On A Friday. Máis tarde, mentres traballaba na cadea de establecementos musicais Our Price, tivo bastante que ver na engalaxe da banda. Cando Keith Wozencroft, representante de vendas de EMI, entrou un día no local, Greenwood non dubidou en lle entregar a súa demo. Meses despois, a finais de 1991, o grupo asinaría un contrato por seis discos con EMI[1] e acabaría mudando o seu nome a Radiohead.
Greenwood toca diferentes instrumentos con Radiohead, entre os que atopamos o baixo eléctrico e o acústico, o contrabaixo, o teclado, o sampler, os sintetizadores e unha serie de instrumentos de percusión. Os seus baixos favoritos son os Fender.[8] Como afirma Greenwood: "O meu papel é tocar o baixo, pero as nosas ideas e suxestións en certas áreas, como cara onde debe ir ou como debe desenvolverse a música, son tidas en conta. Somos realmente unha banda."[9]
- Greenwood xogou un papel decisivo na creación do tema "Dollars and Cents", o cal xurdiu mentres tocaba a súa liña de baixo sobre un disco de Alice Coltrane que a el lle gustaba especialmente; o seu irmán Jonny encargouse despois de crear un arranxo de corda orixinal sobre esa mesma idea.
- A liña de baixo en "The National Anthem", quizais a máis recoñecible de toda a discografía de Radiohead, foi, de feito, tocada na gravación do Kid A por Thom Yorke. Porén, Colin encárgase de tocala en directo.[10]
- Aínda que Greenwood adoita empregar a técnica do fingerpicking, tamén se lle pode escoitar tocando o baixo ao estilo slap na canción "My Iron Lung", incluída no disco The Bends.
Traballo fóra de Radiohead
[editar | editar a fonte]No 2003, Colin colabourou tocando o baixo na canción "24 Hour Charleston", do disco Bodysong, debut en solitario do seu irmán Jonny Greenwood.
En 2008, no seu primeiro proxecto musical que non incluía a ningún outro membro de Radiohead, Colin tocou o baixo na composición musical de James Lavino para o filme Woodpecker, de Alex Karpovsky. Nesa banda sonora tamén participaron Lee Sargent and Tyler Sargent, do grupo Clap Your Hands Say Yeah.[11]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]En decembro de 1998 Greenwood casou con Molly McGrann, unha novelista e crítica literaria estadounidense.[12][13] A parella ten tres fillos: Jesse,[14] nado en decembro do 2003, Asa, en decembro do 2005, e Henry, nado en decembro de 2010. Vive con todos eles nunha pequena vila do condado de Oxfordshire, Inglaterra.[15]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Ross, Alex (2001-08-21). "The Searchers: Radiohead's unquiet revolution". The New Yorker. Arquivado dende o orixinal o 14 de febreiro de 2008. Consultado o 2007-06-14.
- ↑ 2,0 2,1 Eshun, Kodwo (2001-06-21). "The A-Z on Radiohead: An interview with Colin Greenwood". Culture Lab UK. Arquivado dende o orixinal o 07 de febreiro de 2012. Consultado o 2007-06-14.
- ↑ "Radiohead". UNCUT Magazine. 2001-08-01.
- ↑ Hendrickson, Matt (1997-10-16). "Dream Weavers". Rolling Stone. Arquivado dende o orixinal o 21 de febreiro de 2012. Consultado o 2007-06-17.
- ↑ 5,0 5,1 Kelly, John (2001-09-15). "Taking Music To Strange Places". The Irish Times. Arquivado dende o orixinal o 12 de outubro de 2012. Consultado o 2007-06-16.
- ↑ Myers, Caren (1993-11-01). "Dork Radio". Details. Arquivado dende o orixinal o 21 de febreiro de 2012. Consultado o 2007-06-16.
- ↑ 7,0 7,1 Clark, Stewart (1995-07-12). "Transistor Act". Hot Press. Consultado o 2007-06-16.
- ↑ Clements, Peter (2007-06-07). "Plank's Blog - full archive". StringsReunited - getting your sound back. Consultado o 2007-06-16.
- ↑ MacDonald, Patrick (1998-02-04). "Radio wave: Britain's band rides crest of superstardom with low-wattage egos". Seattle Times. Arquivado dende o orixinal o 06 de febreiro de 2012. Consultado o 2007-06-17.
- ↑ Fricke, David (2001-08-02). "Making Music That Matters". Rolling Stone. Arquivado dende o orixinal o 09 de abril de 2009. Consultado o 2007-06-17.
- ↑ "Pitchfork.com article". Arquivado dende o orixinal o 05 de agosto de 2008. Consultado o 05 de agosto de 2008.
- ↑ "Class Notes 2000". Skidmore Scope Magazine. 2000-08-01. Consultado o 2007-06-16.
- ↑ Klosterman, Chuck (2003-06-01). "Fitter Happier: Radiohead Return". Spin. Arquivado dende o orixinal o 29 de setembro de 2007. Consultado o 2007-06-17.
- ↑ Greenwood, Colin (2005-04-01). "Operatic". Thrasher Magazine. Arquivado dende o orixinal o 12 de outubro de 2007. Consultado o 2007-06-17.
- ↑ "Into the Light". MOJO. 2003-08-01. Arquivado dende o orixinal o 21 de febreiro de 2012. Consultado o 2007-06-17.