Cova de Gorham

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Complexo de covas de Gorham
A cova de Gorham
Patrimonio da Humanidade - UNESCO
PaísReino Unido Reino Unido
(Xibraltar Xibraltar)
Localización36°07′13″N 5°20′31″O / 36.12028, -5.34194
TipoCultural
CriteriosIII
Inscrición2016 (40ª sesión)
Rexión da UNESCOEuropa e América do Norte
Identificador1500
Vista aérea de Xibraltar

A cova de Gorham (en inglés Gorham's Cave) é unha gruta sita en Xibraltar, no extremo sur da Península Ibérica. Está considerada un dos últimos lugares coñecidos nos que se refuxiaron os derradeiros representantes dos neandertais, que viviron nela hai uns 24.000 anos.

Situación xeográfica[editar | editar a fonte]

A cova de Gorham está situada no lado sur da Rocha de Xibraltar. Na actualidade está localizada a uns poucos metros de distancia do mar, pero no tempo en que foi habitada ficaba a uns cinco quilómetros do litoral.

Descubrimento e nome[editar | editar a fonte]

A gruta foi descuberta polo capitán A. Gorham, membro do 2º Batallón dos Reais Fusileiros de Munster (Royal Munster Fusiliers), en 1907. Del recibe o nome con que é coñecida.

Arqueoloxía[editar | editar a fonte]

Niveis post-paleolíticos[editar | editar a fonte]

Desde a súa descuberta a caverna de Gorham foi un lugar de elevado interese arqueolóxico. As escavacións realizadas no sitio deron lugar ao descubrimento de catro capas estratigráficas. O primeiro nivel revelou evidencias da estancia de fenicios e cartaxineses entre o VIII e o III século a.C. Na capa inmediatamente inferior apareceron restos dun breve uso da gruta durante o período neolítico.

Niveis paleolíticos[editar | editar a fonte]

No nivel III saíron a luz non menos de 240 artefactos do Paleolítico Superior, clasificados dentro dos subperíodos Magdaleniano e Solutreano. Aos antigos moradores desta capa pertencen as realizacións de arte rupestre que se atoparon nas paredes da gruta.

O nivel IV revelou até 103 instrumentos, incluíndo puntas de lanza, coitelos e raspadeiras, identificados como pertencente á época Musteriano, e que mostraban unha utilización durante varios centos de anos. As análises a partir de AMS deron datas para este nivel de entre hai 33.000 e 23.000 anos. Tales datos suxiren unha ocupación até polo menos 28.000 a.C., e talvez mesmo até 24.000.[1] Porén non foi achado ningún resto fósil que permitise unha identificación anatómica que indicase que se estaba ora ante neandertais ou ora ante humanos modernos, ou ben asociábeis ou non cos achados dun humano moderno no relativamente próximo Abrigo do Lagar Velho, Portugal, datado hai uns 24.500 anos, e do que se insinuou que presentaba características de hibridación con neandertais[2]. Con todo a cultura musteriana identifícase habitualmente, en Europa, con neandertais. Isto é o que leva a considerar a cova de Gorham coma un dos refuxios últimos de poboacións neandertais.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Clive Finlayson, Francisco Giles Pacheco, Joaquín Rodríguez-Vidal, Darren A. Fa, José María Gutiérrez López, Antonio Santiago Pérez, Geraldine Finlayson, Ethel Allue, Javier Baena Preysler, Isabel Cáceres, José S. Carrión, Yolanda Fernández Jalvo, Christopher P. Gleed-Owen, Francisco J. Jiménez Espejo, Pilar López José Antonio López Sáez, José Antonio Riquelme Cantal, Antonio Sánchez Marco, Francisco Giles Guzmán, Kimberly Brown, Noemí Fuentes, Claire A. Valarino, Antonio Villalpando, Christopher B. Stringer, Francisca Martinez Ruiz & Tatsuhiko Sakamoto, Late survival of Neanderthals at the southernmost extreme of Europe, Nature 443, 850-853 (19 October 2006) | doi:10.1038/nature05195, pdf at [1] Arquivado 27 de agosto de 2008 en Wayback Machine.
  2. The early Upper Paleolithic human skeleton from the Abrigo do Lagar Velho (Portugal) and modern human emergence in Iberia - Cidália Duarte, João Maurício, Paul B. Pettitt, Pedro Souto, Erik Trinkaus, Hans van der Plicht, and João Zilhão, PNAS Vol. 96, Issue 13, 7604-7609, June 22, 1999 [2]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]