Comme des Garçons (en xaponés コム・デ・ギャルソン (Komu de Gyaruson)) é unha casa de modas xaponesa dirixida actualmente por Rei Kawakubo e o seu marido Adrian Joffe.
A empresa foi creada en Tokyo en 1969 pola deseñadora xaponesa Rei Kawakubo. No ano 1975 abriu a súa primeira tenda e en 1978 creou a súa primeira liña de roupa masculina. O éxito de Comme des Garçons nesta época foi imparable en practicamente toda Asia, e en 1980 abriu a primeira tenda de Comme des Garçons en Europa, na cidade de París, unha das grandes capitais da moda. A partir de entón a marca xaponesa converteuse nunha das casas de moda de alta costura máis relevantes do panorama internacional.
A constante dende a fundación de Comme des Garçons foi romper coas convencións acerca dos canons de xénero, beleza ou alta costura dentro da industria da moda.
Ó final da década dos 80, Comme des Garçons xa facturaba máis de 100 millóns de dólares e contaba con máis de 300 puntos de venda. Na actualidade ten doce liñas de produtos e unha nutrida gama de perfumes.