Civitio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O civitio é o sentimento de pertenza a unha comunidade, o vínculo que une aos membros que a forman compartindo unha mesma identidade. [1] A través da civitio, o ser humano convive en comunidades heteroxéneas de individuos dispares unidos polos mesmos valores, afectos e cultura propia. [2] O civitio forma parte da conciencia de pertenza a unha comunidade e de diferenzas concretas. [3] Non se debe confundir co concepto de topofilia, que é o sentimento de pertenza ao lugar onde se vive, fronte ó civitio, que é o vínculo que integra á persoa coa comunidade. Ambas as nocións afectivas tenden a estar tan unidas que se poden confundir, pero unha é xeográfica e a outra social. [4]

Orixe[editar | editar a fonte]

Etimoloxicamente, civitio provén da raíz latina cīvis ("cidadán") que dá lugar a cīvitās ("comunidade de cidadáns") e ao sufixo -iō ("característica de"). Define o nexo afectivo de grupos de persoas con intereses comúns que vivían en comunidades con dereitos romanos, ou en mūnicipia (comunidades autónomas) que rexían os seus propios asuntos locais nun ámbito determinado dentro dunha sociedade máis ampla. [5]

Xa na Grecia clásica algúns filósofos estudaban a natureza e as virtudes do κοινοτική αγάπη ("amor á comunidade") como forza que une aos veciños dun lugar. As súas observacións parten da importancia familiar fronte a outros lazos sociais. O parentesco de sangue vincula aos membros da familia, pero o civitio que vincula firmemente aos membros dunha comunidade é a identidade do grupo coa paisaxe, a súa historia e os seus propios rituais. [6]

Empédocles destacou unha particular visión a través da súa postulación das forzas espirituais Amor e Discordia (Eros e Eris), vinculando o civitio ou sentimento de pertenza co cariño que reconforta ao guerreiro cando está fóra de casa. [7]

No pensamento de Aristóteles, a desaparición do civitio nas cidades a medida que medran en poboación aparece como un perigo. [8] Para este filósofo, vivir con descoñecidos supón unha perda de lazos civíticos que acaban diluíndose nun anonimato irrecoñecible. Por iso, conclúe que para que o amor aos veciños siga vivo e sexa legado ás xeracións vindeiras, é necesario que os membros dunha comunidade sintan a concomitancia que os protexe do desarraigo, destacando que cada cidadán debe participar nas tarefas comunitarias, e insiste na importancia da educación para manter e mellorar unha vida digna e libre. [9]

Aspectos sociais e culturais[editar | editar a fonte]

Nas construcións conceptuais do pensamento do século XIX, o termo civitio aparece arredor de dous polos semánticos, segundo procedan dun enfoque culturalista ou histórico. No primeiro caso, son os aspectos psicosociolóxicos os que destacan, mentres que no segundo o seu centro é a dimensión antropolóxica. Unha discusión clásica trata sobre a orixe das comunidades, concibidas como agrupacións naturais ou como produto de procesos históricos. [10]

Os movementos migratorios internacionais adquiren novas relacións civíticas que teñen que ver co proceso de globalización, marcando a vida das persoas no seu día a día. Así, as identidades, os sentidos de pertenza e as comunidades constrúense en función de parámetros locais, nacionais, pero tamén transnacionais. Aínda que a maioría dos procesos e entidades que se atopan no nacional son internas, cada vez hai máis casos de localización do global. [11]

A cultura das comunidades locais, enriquecida pola diversidade etnográfica, xera novas cidades que inflúen na modelización da paisaxe humana, na organización do espazo e no cambio ambiental. Os problemas para a existencia de mobilidade da poboación e para a convivencia de colectivos sociais de orixe diversa non son económicos nin políticos, xa que os inmigrantes constitúen con frecuencia unha forza de traballo necesaria e os países dispoñen de mecanismos para incorporalos. Os problemas ás veces están relacionados co racismo e a xenofobia, pero son, sobre todo, problemas de identidade, é dicir, de carácter cultural. [12]

A globalización tecnolóxica, coas grandes redes sociais que estandarizan o pensamento, pode supoñer un perigo para a supervivencia do afecto civítico nas pequenas comunidades. O seu impacto nas relacións persoais ameaza con estimular a perda da identidade local. Só a incipiente aparición de comunidades dixitais que funcionan de forma democrática, independente e autónoma pode manter o civitio como nexo da veciñanza nas pequenas comunidades rurais. [13]

Ás veces, a identidade e os sentimentos de pertenza expoñen un vínculo co lugar onde se vive, manifestando o civitio do medio. É onde se establecen as interrelacións culturais e onde se viven as experiencias máis significativas. Estes sitios vividos, coas súas características, configuran a identidade das persoas que acaban dándolles valores positivos (topofílicos) ou negativos de arraigamento e rexeitamento (topofóbicos). [14]

Todo grupo social tende a desenvolver unha forza de conservación, unha consistencia, independente dos motivos aglutinantes que actuaron na súa orixe. Sen o civitio que posúen unha vez constituídas, as comunidades verían perigar a súa permanencia dun xeito imprevisible. A conservación da unidade verifícase por varios factores positivos e negativos. As estruturas sociais e culturais poden chegar a ter unha vida propia a través da conciencia colectiva cuxa capacidade creativa transcende o pensamento individual en solitario. [15]

Referencias[editar | editar a fonte]

  1. David L. Sills, Vicente Cervera Tomás, ed. (1974). Enciclopedia internacional de las ciencias sociales. Madrid: Aguilar. ISBN 8403189966. 
  2. Ritzer, George (1993). Teoría sociológica contemporánea. Madrid: McGraw-Hill / Interamericana de España. ISBN 9788448101794. 
  3. Campo A., Lorena (2008). Diccionario básico de Antropología. Quito - Ecuador: Abya-Yala. ISBN 978-9978-22-760-2. 
  4. Tuan, Yi-Fu (2007). Topofilia. Un estudio de las percepciones, actitudes y valores sobre el entorno. Barcelona: Melusina. ISBN 9788496614178. 
  5. Encyclopædia Britannica: Civitia. 
  6. García Gual, Carlos (2004). Historia De La Filosofía Antigua: Vol. 14 (Enciclopedia Iberoamericana de Filosofía). Madrid: Trotta. ISBN 9788481641547. 
  7. Eggers Lan, Conrado; E. Juliá, Victoria. Los filósofos presocráticos. Madrid: Gredos. ISBN 978-84-249-3511-5. 
  8. Ponsatí-Murlà, Oriol (2022). Introducción a Aristóteles. Madrid: Gredos. ISBN 9788424940133. 
  9. Aristóteles (2011). Política. Espasa. ISBN 9788467036640. 
  10. Bonte, Pierre; Izard, Michael (1997). Diccionario Akal de Etnología y Antropología. Madrid: Ediciones Akal. ISBN 978-84-460-0451-6. 
  11. Sassen, Saskia (2007). Una sociología de la globalización. Katz. ISBN 9788493543266. 
  12. Capel Sáez, Horacio (2003). La cosmópolis y la ciudad. Ediciones del Serbal. ISBN 9788476284230. 
  13. Greenwood, Margaret; Mead-Galinier, Edith; Lewin, Gilbert (1996). El civitio, la identidad que nos une a nuestra aldea. Salamanca: San Esteban. ISBN 9798837116520. 
  14. Palos Rodríguez, José. Dinámica de las periferias urbanas y su percepción. Universitat de Barcelona. ISBN 9788447501267. 
  15. Simmel, Georg (2020). La autoconservación de los grupos sociales. Sequitur. ISBN 9788415707707. 

Ver tamén[editar | editar a fonte]