Saltar ao contido

Cerceta eurasiática

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cerceta eurasiática
 Nome taxon
    Anas crecca
 Nome curto
    A. crecca (mul) Editar o valor en Wikidata
Imaxe
 Instancia de
 Categoría taxonómica
 Sinonimia
Anas crecca crecca Linnaeus, 1758
Anas crecca nimia Friedmann, 1948
 Conservación
Especie pouco preocupante
Clasificación taxonómica
SuperreinoHolozoa
ReinoAnimalia
FiloChordata
ClaseAves
OrdeAnseriformes
FamiliaAnatidae
XéneroAnas
EspecieAnas crecca Editar o valor en Wikidata
Linnaeus, 1758 Anas crecca Editar o valor en Wikidata
Cifras e dimensións
 Envergadura
   0,59 m Editar o valor en Wikidata
Localización
 Mapas
Distribución
Fontes e ligazóns
Freebase/m/01hlkm Editar o valor en Wikidata
ITIS175081 Editar o valor en Wikidata
OTT656799 Editar o valor en Wikidata
UICN22680321 Editar o valor en Wikidata
CoLDGND Editar o valor en Wikidata
EOL45510572 Editar o valor en Wikidata
Wikidata G:Commons C:Commons
Ovos de cerceta.

A cerceta eurasiática[1], comunmente cerceta[2][3] ou charneco,[4] (Anas crecca) é unha ave anseriforme do xénero dos patos nadadores (Anas). É o pato máis pequeno dos que viven en Europa, cunha lonxitude de entre 35 e 36 cm. Nas ribeiras do río Louro atópase a única zona de cría regular da Península Ibérica.

Descrición

[editar | editar a fonte]

As cercetas pesan entre 250 e 400 gramos, sendo os machos algo máis pesados que as femias, e teñen unha envergadura de ás que vai dos 53 ós 59 cm.

Coma moitos outros parrulos, amosan un notable dimorfismo sexual. Os machos teñen unha plumaxe de gala predominantemente agrisada. A diferenza da tamén pequena cerceta albela (Anas querquedula) o peito de ámbolos dous sexos ten unha coloración clara, con manchas da cor do ante ou pardas claras. A cabeza é castaña brillante, cunha faixa lateral ancha verde que rodea os ollos e chega á caluga. Esta faixa ten unha beira de cor crema, que non aparece na variedade norteamericana, que é considerada por algúns autores unha especie separada, a cerceta de Carolina co nome científico de Anas carolinensis. A parte posterior do corpo dos machos é negra cun triángulo de cor amarelada. O espello alar ten en ámbolos dous sexos unha coloración verde brillante e ten as beiras brancas. As femias son amarronadas, coa cabeza máis escura e co pescozo e as meixelas cun raiado fino pardo.

A plumaxe de eclipse dos machos, á que mudan entre xuño e agosto e que perden entre setembro e novembro, é moi semellante á das femias, por ben que é algo máis escura polo lombo e as ás. Os dous sexos teñen os lados do bico con cores que van do laranxa ó verdoso. As patas son grises e o iris ocular castaño.

Subespecies e distribución

[editar | editar a fonte]
Macho de cerceta común.

A especie adoita separarse en tres subespecies:

  • A eurasiática (Anas crecca crecca), propia do norte de Europa e Asia, ata os Alpes e o Cáucaso polo sur. A área de invernada das poboacións europeas e do occidente asiático espállase dende o centro e oeste de Europa ata África, mentres que as máis orientais pasan o inverno na India e o sueste de Asia.
  • Anas crecca nimia, algo máis pesada, reprodúcese no noroeste de América e nas Alëutianas. No inverno emigran ó sur de Norteamérica.
  • Anas crecca carolinensis cría no Canadá ata latitudes moi boreais, desprazándose no inverno ós Estados Unidos e México.

A poboacións meirandes da especie reprodúcense na zona dos bosques boreais de coníferas e na tundra.

Na época reprodutora permanecen preto de pequenas zonas acuáticas. Durante a migración descansan principalmente en zonas de auga doce.

Alimentación

[editar | editar a fonte]

Son principalmente vexetarianas, malia que capturan tamén invertebrados que buscan entre a lama. O seu pequeno tamaño obrígaas a busca-lo alimento na auga por riba dos 20 cm de profundidade.

Reprodución

[editar | editar a fonte]
Cartaz explicativo sobre o charneco na vila de Caión.

Coma en tódolos patos nadadores auténticos, as parellas fórmanse xa a finais do inverno. O punto culminante do cortexo empeza coa chegada ás zonas de reprodución. As cerimonias inclúen voos de persecución, que serven para marca-lo territorio.

Fan os niños entre a vexetación que medra ó longo da auga, por ben que ás veces poden verse niños a algunha distancia das ribeiras. As femias poñen, a partir de finais de abril, entre oito e dez ovos averdesados, nalgunhas ocasións de cor crema. Cando empezan a poñer, as cercetas vólvense moi discretas e prefiren pasa-lo día entre a vexetación mesta.

A incubación, que dura entre 21 e 23 días, realízana exclusivamente as femias, que tamén se encargan de criar os polos, xa que os machos comezan a remuda-las plumas cando as femias aínda están chocando. Nai e polos pasan o máis do tempo entre as plantas da ribeira. Só cando os polos empezan a voaren, uns 53 días despois da posta, ousan saír a augas abertas.

A desaparición das zonas tradicionais de cría fixo reducir as poboacións da especie nelgunhas áreas. Malia isto, as cercetas son, a nivel global, unha das aves acuáticas máis abundantes e mesmo están a vivir unha certa recuperación. No oeste da rexión paleártica calcúlase os seus números en ó redor de 1,4 millóns de exemplares, e a poboación norteamericana é duns 1,7 millóns.

A cerceta como ave doméstica

[editar | editar a fonte]

As cercetas son criadas en catividade dende hai moito tempo. En Europa é sobre todo a raza local Anas crecca crecca a que se utiliza como ave doméstica. A cría doutras razas pode causar problemas, porque existe a posibilidade de que exemplares fuxidos se mesturen coas aves da zona.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]