Cequeril, Cuntis
| Cequeril | |
|---|---|
Petróglifos da Laxe dos Homes | |
| Concello | Cuntis[1] |
| Provincia | Pontevedra |
| Coordenadas | 42°35′49″N 8°31′58″O / 42.59694444, -8.53277778 |
| Poboación | 195 hab. (2011) |
| Entidades de poboación | 10[1] |
| [ editar datos en Wikidata ] | |
Santa María de Cequeril é unha parroquia que se localiza no sur do concello de Cuntis. Segundo o IGE en 2011 tiña 195 habitantes (115 mulleres e 80 homes), 52 menos ca en 1999. Ten dez entidades de poboación.
Patrimonio
[editar | editar a fonte]No termo parroquial atópanse cinco estacións arqueolóxicas con distintos petróglifos, descritos por Ramón Sobrino Buhigas na década de 1920:
- A Laxe dos Homes contén dúas figuras antropomórficas, identificadas por Alfredo García Alén e Antonio de la Peña Santos como masculina e feminina: esta máis completa e dotada de brazos e o que semellan uns cornos na cabeza.
- A Laxe dos Gatos ten outras dúas figuras antropomórficas, máis esquemáticas e co corpo arredondado, e unha delas co que semella un rabo (ó que debe o nome dos gatos). Tanto estas figuras como as da estación anterior mostran unha cabeza circular que inscribe unha cruz.
- Outeiro dos Campiños: combinacións de figuras circulares e cruciformes, con círculos e cazoletas.
- Outeiro do Casal: con figuras semellantes á estación anterior.
- Outeiro do Galiñeiro: nunha masa rochosa alta, mostra na parede vertical unha densa agrupación de debuxos cruciformes inscritos en rectángulos e cadrados.
Os arqueólogos dubidan do carácter prehistórico dos petróglifos das estacións 1, 2 e 5, non só polos motivos debuxados, que non se corresponden coa iconografía propia dos petróglifos, senón pola sección en V das liñas, o que fai pensar nun instrumento metálico e aguzado, no canto da sección en U característica dos orixinais. Igualmente, os deseños cruciformes da estación nº 3 semellan ser da Idade Media, labrados nun intento de cristianizar antigos espazos pagáns, á vez que se profundaron e modificaron algunhas das liñas orixinais. En calquera caso, parece seguro que estas modificacións aproveitaran insculturas prehistóricas[2].
Castelao non tiñas estas dúbidas cando describiu estas insculturas:
"Tamén aparesce no rupestre galego a representación dos cornos sagros, que tan decote xurden na Europa, a partir do Neolítico, como formas simbólicas de culto zoolátrico. Non amostramos exemplos deste tipo nun traballo adicado escrusivamente ás cruces de Galiza, pero na figura 13 aparescen craramente os cornos sagros ou máxicos na figura principal da Laxe dos Homes de Cequeril. Repárese nos cornos que coroan o disco crucífero que representa a cabeza dunha das figuras antropomorfas."Castelao: As cruces de pedra na Galiza, 24
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Cruceiro da Igrexa.
- Igrexa de Santa María Cequeril.
- Retablo da igrexa parroquial.
- Petróglifos da Laxe dos Homes.
- Petróglifos da Laxe dos Gatos.
Lugares e parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Cequeril
[editar | editar a fonte]| Lugares da parroquia de Cequeril no concello de Cuntis (Pontevedra) | |
|---|---|
|
Agro do Monte | Cequeril | Corga de Abaixo | Corga de Arriba | A Cruz | A Igrexa | Mato | A Penela | Sebil | Vilar de Mato |
Parroquias de Cuntis
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 DECRETO 27/2026, do 30 de marzo, polo que se aproba o Nomenclátor de Galicia.
- ↑ García Alén, A., de la Peña Santos, A. (1981): Grabados rupestres de la provincia de Pontevedra. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza.