Latimeria chalumnae

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Celacanto das Comores")
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Artigo principal: Actinistios.
Latimeria chalumnae
Celacanto
Latimeria chalumnae. Museo de Historia Natural. Viena
Latimeria chalumnae. Museo de Historia Natural. Viena
Estado de conservación
Crítico
Crítico[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Infrafilo: Gnathostomata
Superclase: Osteichthyes
Clase: Sarcopterygii
Subclase: Actinistia = Coelacanthimorpha
Orde: Coelacanthiformes
Familia: Latimeriidae
Xénero: Latimeria
Especie: L. chalumnae
Nome binomial
Latimeria chalumnae
Smith, 1939 [2]
Sinonimia
  • Malania anjouanae Smith, 1953 [2]

Latimeria chalumnae é unha especie de peixe osteíctio da superclase dos sarcopterixios, orde dos celacantiformes, única da subclase dos actinistios, e familia dos latimeríidos, unha das dúas integrantes do xénero Latimeria, e que se coñece vulgarmente como celacanto.[3]

A principios do século XX críase que estaba extinguido desde hai 65 millóns de anos, até que se capturou o primeiro exemplar en 1938.

Vive no oeste do océano Índico, nas costas de Suráfrica e das Comores (por iso algúns denomínano celacanto das Comores, para distinguilo da outra especie do xénero, Latimeria menadoensis, o celacanto de Manado, ou de Indonesia, que se descubriu en 1999).

É unha especie gravemente ameazada de extinción.[1]

Descrición[editar | editar a fonte]

Latimeria chalumnae.

O celacanto mide entre 1,5 e 1,8 m e chega a pesar entre 65 e 98 kg. Presenta unha coloración negra, un pouco azulada, con manchas brancas e lixeiramente rosadas. Ten unha complexión maciza, de depredador ao axexo, e non está adaptado á natación rápida. A pesar de ser un peixe sarcopterixio, cunha base muscular nas aletas, non se arrastra polo fondo mariño, senón que nada lentamente.
A súa cabeza é grande, cunha boca ancha e uns ollos grandes e negros. No cranio ten gonzos (articulacións). As súas escamas son duras, grandes e grosas.
A súa aleta caudal é trilobulada, unha característica insólita. Posúe unha segunda aleta dorsal próxima á caudal.

A vexiga natatoria non é funcional e está chea de graxa.[4]

Bioloxía e comportamento[editar | editar a fonte]

O celacanto pasa case todo o día agochado en covas nas rochas e fondos volcánicos, entre os 70 e os 700 m de profundidade e sae á noite para alimentarse. É un peixe carnívoro, que caza ás súas presas (peixes e cefalópodos) ao axexo.
É un peixe ovovivíparo e as femias, que son máis grandes que os machos (dimorfismo sexual), producen ovos e paren crías tras un longo período de xestación, aínda que a súa reprodución segue a ser un misterio. Os ovos son grandes, os maiores de entre todos os peixes, duns 9 cm de diámetro. As femias poden vivir até 48 anos.[4]

Historia[editar | editar a fonte]

Placa de latón en Latimer's Landing (East London), na honra de Marjorie Courtenay-Latimer, que salvou para a ciencia o celacanto, e de Hendrik Goosen, que o capturou.

Debido a que non se encontrata un fósil deste peixe en todo o cenozoico (aínda que si no mesozoico), críase a principios do século XX que este estaba extinto. Porén, no verán de 1938, Marjorie Courtenay-Latimer, directora do East London Museum, de East London, provincia do Cabo Oriental, Suráfrica, recibiu unha chamada telefónica de Hendrik Goosen, patrón dun pesqueiro, que lle comunicou que, cerca da desembocadura do río Chalumna, preto de East London, que capturara un estraño peixe azul nunca antes visto.[5] Tras observalo, o espécime levouse ao museo, onde se conservou en formol, aínda que o peixe acabou estragándose.

O ictiólogo surafricano James Leonard Brierley Smith, da universidade Rhodes, en Grahamstown, conseguiu chegar a velo no museo e, tras varios meses, deulle o seu nome científico, dedicándolle o xénero, Latimeria, á directora do museo,[6] e o específico, chalumnae ("do Chalumna") ao río cerca do cal se descubiu.[5][6]

Tras 14 anos de exhaustiva busca, no inverno de 1952, encontrouse o segundo espécime de celacanto nas illas Comores. Curiosamente se, por unha parte, o achado conmocionou a comunidade científica, por outra, os habitantes do arquipélago xa estaban familiarizados coa existencia desta especie. Varias capturas máis fixéronse en augas das Comores ao longo do século XX.

En outubro do ano 2000, en Suráfrica encontrouse unha nova poboación desta especie. Estes achados suxiren que o celacanto puidese estar máis estendido no Índico do que se pensaba.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Musick, J. A. (2000): Latimeria chalumnae na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2015-4. Consultada o 12-02-2016.
  2. 2,0 2,1 Latimeria chalumnae Smith, 1939 no WoRMS.
  3. Gran dicionario Xerais da lingua, (2009): celacanto. s. m. Peixe crosoptrerixio da orde dos celacantiformes (Latimeria chalumnae), que posúe unha articulación intracranial.
  4. 4,0 4,1 Latimeria chalumnae Smith, 1939 en FishBase.
  5. 5,0 5,1 Milestones - Coelacanth, Latimeria chalumnae Smith, 1939.
  6. 6,0 6,1 Romero, P. (2002): An etymological dictionary of taxonomy. Madrid, non publicado.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Eschmeyer, William N., ed. (1998): Catalog of Fishes. Special Publication of the Center for Biodiversity Research and Information, num. 1, vol. 1-3. San Francisco (California, Estados Unidos): California Academy of Sciences. ISBN 978-0-940228-47-5.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. New York, NY, USA: John Wiley & Sons. ISBN 978-0-471-25031-7.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]