Castino
Biografía | |
---|---|
Nacemento | século IV Escitia |
Morte | década de 420 |
Cónsul romano | |
Senador romano | |
Actividade | |
Ocupación | Patrikios (en) , político, militar |
Período de tempo | Baixo Imperio Romano e Antigüidade tardía |
Período de actividade | (Con vida en: 423 ) |
Descrito pola fonte | Paulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft |
Flavio Castino (en latín: Flavius Castinus) foi un patricio e xeneral do Imperio Romano de Occidente, unha figura política de grande influencia na corte do emperador Honorio despois da morte de Constancio III.
Mentres o emperador oriental Teodosio II vacilaba en nomear un novo emperador en Occidente, Castino optou por facelo el mesmo e declarar a Xoán Primicerius, un primicerius notariorum ou funcionario civil maior, como novo emperador occidental.[1]
Campaña en Hispania
[editar | editar a fonte]Trala morte do coemperador do Imperio romano de Occidente, Constancio III, en 421, Honorio permaneceu como o único emperador de Occidente. O seu eventual sucesor debería ser o futuro Valentiniano III, pero daquela era moi novo. A nai de Valentiniano, Gala Placidia, decidiu evitar que un xeneral se volvese tan poderoso como para tomar o poder efectivo despois da morte de Honorio, en detrimento de Valentiniano. E un deses xenerais era o propio Castino.
Castino foi come domesticorum ("comandante da garda") de Constancio, e continuou a súa carreira militar, ata que, no 421, chegou a súa asociación co trono por Honorio. Baixo Constancio, loitou contra os francos no 419. Á morte de Constancio, ou quizais incluso antes, Castino foi elevado ao rango de magister militum, encargado de dirixir unha campaña contra os vándalos na Península Ibérica. Bonifacio incorporouse como segundo ao mando, formando as tropas un gran continxente de visigodos ao mando do rei Teodorico I de Aquitania. A campaña xa comezou mal, cando Bonifacio abandonou a Castino despois dun desacordo, incluso antes de deixar Italia, para ir á provincia de África.
Aínda que tivo algúns éxitos en Baetica, onde Castino conseguiu asediar aos vándalos, case obrigándoos a renderse a sorte rematou cando, despois de escoller, de súpeto, enfrontarse aos vándalos na batalla, foi abandonado polos continxentes visigodos, que estaban insatisfeitos co seu mando, o que o levou a ser derrotado, e tivo que se retirar a Tarraco.[2][3][4]
Castino culpou da derrota a Gala Placidia, quen estaría detrás da traizón dos visigodos, dos que antes fora raíña, e detrás do abandono de Bonifacio, que, de feito, converteuse aliado dela nos últimos anos. Honorio, antes das queixas de Castino, enviou ao exilio a Placidia, que se instalou na corte de Constantinopla (423).[5]
Ascenso e caída de Xoán
[editar | editar a fonte]Castino xa era patricio cando se produciu a morte de Honorio o 15 de agosto do 423. Esta morte, despois da morte de Constancio III no 421, e o exilio de Gala Placidia en Constaninopla, creou un baleiro de poder "se se pode describir así", que, en palabras de Matthews, "encheuse, como era de esperar, por usurpación".[1]
O emperador de Oriente, Teodosio II, dubidou en nomear ao sucesor de Honorio, quizais considerando a posibilidade de reunir os dous imperios baixo o seu propio mando pois trala morte de Honorio, "técnica e legalmente converteuse no único gobernante de todo o Imperio Romano".[6] En calquera caso, parecía confiar en Castino, xa que foi nomeado cónsul no 424. Así, Oost argumenta que Teodosio chegou a un acordo con Castino, de tal xeito que Castino actuaría como o seu vicerrexente en Occidente e, a cambio, o nomearía cónsul da parte occidental para o 424, xunto con Victor para a parte oriental.[7]
De facerse tal acordo, rachouno Castino cando decidiu rebelarse contra Teodosio a finais do 423 nomeando a Xoán como novo emperador occidental.[1] Non está claro por que Castino decidiu rebelarse contra Teodosio. Probablemente se deba á presenza na corte de Teodosio de Gala Placidia, que probablemente fixo presión para elevar a Valentiniano ao trono de Occidente, que entón tiña catro anos, e nomearse a si mesma a gardiá do novo emperador. Ademais, o nomeamento por Teodosio como Comes Africae a Bonifacio, aliado de Gala Placidia e, contra Castino, parece que se remonta a este período.[8]
En calquera caso, Castino tomou a iniciativa e, o 20 de novembro de 423, conferiu a púrpura ao primicerius notariorum Xoán, un funcionario ancián. Os historiadores modernos preguntáronse por que Castino non asumiu directamente o poder e unha posible explicación sería que os que estaban no cumio do exército preferían quedar atrás da situación política, manter o contacto coas tropas e actuar sen molestias polas condicións diplomáticas que implican o papel de emperador como xa sucedeu en múltiples casos: Arbogasto escollera emperador a Eugenio, Ardaburio rexeitou o nomeamento que lle ofreceu o Senado e pediu que se lle entregase a seu fillo Flavio Ardabur Aspar e, posteriormente, Flavio Orestes colocou no trono a seu fillo Rómulo Augústulo.[9]
Non obstante, o destino de Xoán e Castino quedou selado cando a maioría do imperio permaneceu leal á dinastía teodosiana e Teodosio, de feito, rexeitou recoñecer ao vello Xoán como collega e nomeou a Valentiniano como César, ademais de confirmar a Gala Placidia como Augusta. Xoán e Castino víronse obrigados a enfrontarse á ameaza dun ataque de Oriente sen ter o control total da metade occidental do Imperio. Bonifacio, en África, rexeitou recoñecer a Xoán, poñéndose xunto a Valentiniano e a súa titora, Placidia. Xoán, foi finalmente capturado e executado polo exército oriental en xuño ou xullo do 425 en Rávena.[10][11]
Descoñécese o papel de Castino nestes acontecementos.[12] Matthews afirma sucintamente que o enviaron ao exilio,[13] mentres Oost engade que "unha fonte dubidosa di que atopou refuxio na magnanimidade cristiá doutro vello inimigo, o conde Bonifacio.[12]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Matthews (1990), p. 379.
- ↑ Chronica gallica anno 452, s.a. 422
- ↑ Parece ser que o único éxito colleitado na expedición a Hispania foi a captura do usurpador Máximo, que foi levado a Rávena para, posterioremente, ser executado.
- ↑ Oost (1968), p. 172.
- ↑ Vito (1996), pp. 49-50.
- ↑ Oost (1968), p. 178.
- ↑ Oost (1968), p. 179.
- ↑ Hughes (2012).
- ↑ Jones (2014), p. 128.
- ↑ Matthews (1990), p. 380.
- ↑ Oost (1968), pp. 183-189.
- ↑ 12,0 12,1 Oost (1968), p. 190.
- ↑ Matthews (1990), p. 381.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Hughes, Ian (2012). Aetius: Attila's Nemesis (en inglés). Havertown, Pa.: Pen & Sword. ISBN 978-1848842793.
- Jones, A.H.M. (2014). The Decline of the Ancient World. Colección: General History of Europe (en inglés). Abingdon / Nova York: Routledge. ISBN 9781317873051.
- Matthews, John (1990). Western Aristocracies and Imperial Court AD 364 - 425 (en inglés). Oxford: Clarendon Press. ISBN 978-0198144991.
- Oost, Stewart Irvin (1968). Galla Placidia Augusta: A Biographical Essay (en inglés). Chicago: University of Chicago Press. OL 5616704M.
- Vito, Antonio Sirago (1996). Galla Placida : la nobilissima (392-450) (en italiano). Milán: Jaca Book. ISBN 88-16-43513-5.
Predecesor: Asterio |
Magister militum | Sucesor: Flavio Félix |
Predecesor: Flavio Asclepiodoto e Flavio Avito Mariniano |
Cónsul do Imperio romano 424 con Víctor (en Oriente) |
Sucesor: Xoán e Teodosio II e Valentiniano III |