Castelo de Haapsalu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Castelo de Haapsalu
architectural monument
Coordenadas58°56′50″N 23°32′19″L / 58.947222222222, 23.538611111111Coordenadas: 58°56′50″N 23°32′19″L / 58.947222222222, 23.538611111111
Estilo arquitectónico
Estilo orixinal(século XIII)
Véxase tamén
Castelos de Estonia
editar datos en Wikidata ]
Vídeo da Castelo de Haapsalu en 2022.

O castelo de Haapsalu, tamén coñecido como castelo episcopal de Haapsalu (en estoniano: Haapsalu piiskopilinnus), é un castelo con catedral situado en Haapsalu, no oeste de Estonia. Foi fundado no século XIII para ser o centro do bispado de Ösel-Wiek.[1][2] Dise que nas noites de Lúa chea de agosto aparécese a imaxe dunha doncela, a "Dama Branca" (en estoniano: Valge Daam; en inglés: White Lady), no interior da capela.

Historia[editar | editar a fonte]

En 1228, o arcebispo de Riga, Alberte de Riga, formou unha nova diocese que comprendía Läänemaa, Saaremaa e Hiiumaa e designou como bispo a Gottfried, un abade do mosteiro cisterciense de Daugavgrīvai. O bispado foi creado por Henrique Hohenstaufen, rei de Romanos, como un Estado do Sacro Imperio Romano Xermánico o 1 de outubro de 1228. En 1234, o legado papal, Guillermo de Módena, fixou de forma permanente as fronteiras do bispado. A primeira residencia do bispado de Ösel-Wiek atopábase no castelo de Lihula onde, coa axuda dos Irmáns Livonios da Espada, erixiuse unha fortaleza de pedra. Tentando evitar conflitos coa influente orde, o bispo trasladou a residencia da diocese a Pärnu, pero foi incendiada polos lituanos dez anos despois. Como novo centro da diocese elixiuse Haapsalu, onde se empezaron a construír a fortaleza episcopal e a catedral. A construción do castelo durou tres séculos.[1][2]

Castelo[editar | editar a fonte]

Gravado de 1889 que amosa o complexo.

A construción, ampliación e reconstrución da fortaleza tivo lugar ao longo de varios séculos, polo que a arquitectura do complexo foi variando conforme ía evolucionando o armamento da época. Ao redor do pequeno castelo atopábanse o resto de edificios, como os cortellos, as cuadras e as casas da gornición. No patio levaban a cabo torneos e exercicios militares. Ao redor construíuse unha muralla circular.[3] A fortaleza alcanzou as súas dimensións definitivas -unha superficie de máis de 30.000 m², un grosor das murallas entre 1,2 e 1,8 metros e unha altura máxima de máis de 10 metros- durante o mandato do bispo Johannes IV Kievel (1515-1527).[1][4] No lado oeste do castelo hai unha atalaia de 29 metros de altura que data do século XIII e que posteriormente foi usada de campanario. Máis tarde os muros foron elevados até alcanzar unha altura de 15 metros.

As gabias e blindaxes, que foron construídas para os canóns e como protección fronte aos bombardeos, datan da Guerra Livona (1558-1582), pero nesta contenda a fortaleza foi seriamente danada. As murallas do pequeno castelo e as fortificacións exteriores quedaron parcialmente destruídas.[2] Trala guerra, as pedras do castelo usáronse na poboación como material de construción e o patio como terreo de pasto.[3]

No século XVII, os suecos, que gobernaban a Estonia sueca naquel entón, non usaron o castelo como edificio con fins defensivos e mesmo non chegou ser incluído nunha lista de tales edificios.[1] En 1710, durante a Gran Guerra do Norte, Estonia caeu en poder do Imperio ruso e o tsar Pedro I de Rusia mandou demoler as murallas e as sete torres das mesmas, quedando o castelo en ruínas. No museo da cidade exhíbense as armas atopadas durante unha escavación no castelo, e consisten principalmente en armas e munición que se usaban para defender a poboación e datan dos séculos XV e XVI.

No patio do castelo levantouse un escenario, e en 1896 celebrouse o primeiro festival da canción de Läänemaa. Enfronte do escenario construíuse un campo deportivo nos anos 1930, que foi usado até os anos 1960.[3]

Catedral de San Nicolás[editar | editar a fonte]

Interior da catedral.

A Catedral de Haapsalu, adicada a san Nicolao de Bari, era o principal templo do bispado de Ösel-Wiek, e nela atopábase a sé episcopal e onde traballaba o cabido catedralicio. Trátase da igrexa dunha soa nave máis grande de todos os países bálticos, con 15,5 metros de altura e unha superficie de 425 m².[1][2]

O primeiro documento escrito no que se menciona o templo é o foro de Haapsalu, onde o bispo Hermann I, o fundador da poboación, escribiu: "... nós, os que establecendo a catedral en Haapsalu e proporcionando os nosos canóns coas debidas casas e rendas, determinamos que é un lugar seguro para ser un pobo, onde todo o mundo que o elixiu para vivir connosco, poida quedarse e atopar refuxio; e se fose necesario deberían ser capaces de defender a igrexa con todos os medios dos que dispuxesen."[1]

De 1260, a igrexa foi construída nun período de transición entre o Románico e o Gótico. O primeiro destes estilos arquitectónicos pódese observar na ornamentación dos capiteis e o segundo nas bóvedas e arcos apuntados. O pórtico tamén era orixinario do Románico, adornado cun frontón cun nicho que alberga a estatua do santo patrón. Os muros interiores estaban cubertos con pinturas e no chan había tumbas de clérigos e nobres distinguidos. Na segunda metade do século XIV construíuse unha capela bautismal.[2]

Durante a Guerra Livona, Estonia pasou a formar parte do reino luterano de Suecia e o estado do Bispado de Ösel-Wiek desapareceu. A catedral católica foi convertida nun templo luterano e pasou a denominarse a Igrexa do castelo. En 1625, o rei Gustavo II Adolfo de Suecia vendeu o pobo de Haapsalu, o castelo e as terras circundantes ao conde Jacob De la Gardie, quen planeou converter a fortaleza en ruínas nun castelo moderno. Recorreuse a Arent Passer, un coñecido escultor e mestre albanel, como asesor.[5]

O altar da nai conmemora ás nais estonianas mortas durante a ocupación soviética.

O 23 de marzo de 1688, o tellado de cobre da igrexa foi destruído por un incendio, pero a igrexa foi restaurada con relativa rapidez. Unha tormenta volveu esnaquizar o tellado en 1726. Debido ao baixo número de fieis que non podían custear a restauración, estes tiveron que trasladarse á igrexa da localidade. No século XIX empezouse a remodelar para converter as ruínas nun romántico parque con castelo.[2]

En 1886-1889, a igrexa foi reconstruída. A porta en ruínas de estilo románico foi substituída por un portal pseudogótico con chanzos, cubríronse os restos das pinturas das paredes e sacáronse da igrexa as tumbas do chan. O 15 de outubro de 1889 celebrouse o primeiro oficio relixioso dedicado a san Nicolao.

A ocupación soviética de 1940 obrigou a pechar a igrexa. Durante a Segunda guerra mundial, puideron continuar celebrándose servizos relixiosos, pero na primavera de 1944, uns vándalos entraron na igrexa e esnaquizaron o altar, o órgano, as cadeiras e as xanelas. En 1946, os fieis pediron ao goberno soviético que declarase a catedral como monumento histórico protexido, pero a súa petición non foi aceptada. A igrexa permaneceu baleira durante anos; durante algún tempo usouse como celeiro e mesmo se fixeron plans para convertela nunha piscina.[5] En 1979 empezaron as obras de reconstrución e pensouse habilitar a igrexa como un salón de concertos. Con todo, coa chegada da democracia decidiuse conservala como igrexa. O arquitecto que estivo á fronte da restauración foi Kalvi Aluve, mentres que Aala Buldas deseñou o interior, a capela bautismal e as sancristías. En 1990 celebrouse o primeiro servizo relixioso despois da longa paréntese e foi rededicada a san Nicolao.[1]

O Día da Nai de 1992, consagrouse un altar en conmemoración das nais estonianas mortas durante a ocupación soviética. As esculturas da Virxe María e o Neno foron obra do escultor Hille Palm.[1]

A lenda da Dama Branca[editar | editar a fonte]

Dise que nas noites de Lúa chea de agosto, unha doncela aparece no interior da capela, a Dama Branca.

Durante o goberno do bispo de Ösel-Wiek, supúñase que todos os cóengos debían levar unha vida casta e virtuosa de acordo coas regras do mosteiro. O acceso ás mulleres estaba prohibido baixo pena de morte. Unha lenda conta que un cóengo se namorou dunha moza estoniana e que en segredo levou á doncela ao castelo. Esta disfrazouse de neno do coro e permaneceu no castelo durante moito tempo, pero cando o bispo volveu ao castelo, este fixouse no mozo cantante e pediu saber o sexo do cantante.[6]

Ao descubrir que se trataba dunha muller, o bispo convocou ao seu consello e decidiron que a moza debía ser emparedada na capela e que o cóengo debía entrar en prisión, onde morreu de inanición. Os encargados de executar a pena deixaron unha cavidade no muro e a moza foi deixada nel cun anaco de pan e unha xerra de auga. Durante un tempo escoitáronse os seus berros pedindo auxilio. A súa alma non puido atopar a paz e como resultado aparécese na xanela do baptisterio para chorar durante séculos a perda do seu amado e probar a inmortalidade do seu amor.[1][6][7]

Na lúa chea de agosto celébrase un festival de música chamado "The White Lady Days", que recibe o seu nome por mor desta lenda.[8]

Castelo de Haapsalu.

Castelo de Haapsalu.


Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 "Episcopal castle of Haapsalu – 300 years the centre of Saare-Lääne Diocese". Haapsalu Episcopal Castle. Consultado o 24 de abril de 2008. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Paras, Ülla (2003). Haapsalu Episcopal Castle & Dome Church. Haapsalu Tourism.
  3. 3,0 3,1 3,2 "Episcopal castle". Haapsalu Episcopal Castle. Consultado o 25 de abril de 2008. 
  4. "Haapsalu Castle". Castles.info. Arquivado dende o orixinal o 29 de maio de 2019. Consultado o 25 de abril de 2008. 
  5. 5,0 5,1 "The St. Nicholas Dome Church of Haapsalu". Haapsalu.ee. Arquivado dende o orixinal o 10 de xuño de 2007. Consultado o 25 de abril de 2008. 
  6. 6,0 6,1 "The White Lady on the window". Haapsalu Episcopal Castle. Consultado o 25 de abril de 2008. 
  7. "The Immured Lady" (en inglés). Haapsalu.ee. Arquivado dende o orixinal o 19 de agosto de 2009. Consultado o 25 de abril de 2008. 
  8. "The UBC Bulletin 1/00" (en inglés). UBC. Arquivado dende o orixinal o 06 de setembro de 2008. Consultado o 25 de abril de 2008. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]