Gustavo II Adolfo de Suecia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Gustavo II Adolfo de Suecia
Attributed to Jacob Hoefnagel - Gustavus Adolphus, King of Sweden 1611-1632 - Google Art Project.jpg
Rei de Suecia
Período 30 de outubro de 1611 - 6 de novembro de 1632
Antecesor Carlos IX
Sucesor Cristina
Datos persoais
Nacemento 9 de decembro de 1594
Lugar Estocolmo
Falecemento 6 de novembro de 1632
Lugar Lützen
Cónxuxe María Leonor de Brandeburgo
Fillos Cristina
Relixión luterana

Gustavo II Adolfo (9 de decembro de 1594 - 6 de novembro de 1632) foi o rei de Suecia dende 1611 ata 1632 e considérase un dos fundadores do Imperio Sueco. Levou a Suecia á supremacía militar durante a guerra dos Trinta Anos, axudando a determinar o equilibrio de poder político e relixioso en Europa. Posthumamente recibiu o nome de Gustavo Adolfo o Grande (sueco: Gustav Adolf den store, latín: Gustavus Adolphus Magnus) por parte do Riksens ständer en 1634.[1][2]

Adoita a ser considerado un dos mellores mandos militares de todos os tempos polo seu innovador uso de armas combinadas. A súa vitoria militar máis destacada foi a batalla de Breitenfeld (1631). Cunha excelente maquinaria militar, boas armas, un bo adestramento e artillería de campo efectiva, respaldada por un goberno eficiente que podía proporcionar os fondos necesarios, Gustavo Adolfo estaba preparado para converterse nun gran líder europeo.[3] Porén, morreu un ano despois na batalla de Lützen (1632). Foi habilmente axudado nos seus esforzos polo conde Axel Oxenstierna, o Gran Chanceler de Suecia, que tamén actuou como rexente despois da súa morte.

Nunha época caracterizada por un estado de guerra constante, Gustavo Adolfo herdou tres guerras en curso simultáneas do seu pai con 16 anos. Dúas delas foron guerras fronteirizas con Rusia e Dinamarca, e a outra unha guerra máis persoal (polo menos para o seu pai) contra o primeiro curmán de Gustavo, o rei Sixismundo III Vasa de Polonia.[4] Desas tres guerras a guerra contra os daneses foi a máis grave.[4]

Durante o seu reinado, Suecia pasou de ter o status de potencia rexional da conca do mar Báltico a ser unha das principais potencias de Europa e un modelo de goberno da era moderna. Gustavo Adolfo é coñecido como o "pai da guerra moderna",[5] ou o primeiro gran xeneral moderno. Baixo a súa tutela, Suecia e a causa protestante desenvolveron unha serie de excelentes comandantes, como Lennart Torstensson, quen derrotaría aos inimigos de Suecia e expandiría as fronteiras e o poder do imperio moito despois da morte de Gustavo Adolfo en batalla. Os botíns dos seus inimigos convertérono nun exitoso traficante de libros en Europa, especificamente coas Colección Xesuítas.[6]

Chamado "O Rei Dourado" e "O León do Norte", fixo de Suecia unha das grandes potencias de Europa, en parte grazas á reforma da estrutura administrativa. Por exemplo, comezou a facer rexistros parroquais de poboación, polo que o goberno central podía impoñer impostos e recrutar á xente de xeito máis eficiente.[7] O historiador Christer Jorgensen sostén que o seu logro no campo da reforma económica, comercio, modernización e creación da autocracia burocrática moderna foi tan importante como as súas fazañas nos campos de batalla. As súas reformas domésticas, que transformaron unha sociedade e economía atrasada e case medieval, foron de feito non só as bases das súas vitorias en Alemaña, senón tamén absolutamente cruciais para a creación e supervivencia do Imperio Sueco.[8]

Gustavo Adolfo é amplamente conmemorado polos protestantes en Europa como o principal defensor da súa causa durante a guerra dos Trinta Anos, con múltiples igrexas, fundacións e outras empresas que levan o seu nome, como a sociedade Gustav-Adolf-Werk.

Vida[editar | editar a fonte]

Gustavo Adolfo naceu en Estocolmo como o fillo máis vello do duque Carlos da dinastía de Vasa coa súa segunda esposa, Cristina de Holstein-Gottorp. Nese momento o rei de Suecia era o curmán de Gustavo Adolfo Sixismundo. O acérrimo protestante dique Carlos obrigou ao católico Sixismundo a abandonar o trono de Suecia en 1599, unha parte das disputas relixiosas previas á guerra dos Trinta Anos, e reinou como rexente antes de tomar o trono como Carlos IX de Suecia en 1604. O príncipe herdeiro Gustavo Adolfo tivo a Gagnef-Floda en Dalecarlia como un ducado dende 1610. Tras a morte do seu pai en outubro de 1611 Gustavo Adolfo, que nese momento tiña dazaseis anos, herdou o trono e unha serie de disputas belixerantes pola sucesión co seu curmán polaco. Sixismundo III quería recuperar o trono de Suecia e intentou obrigar a Gustavo Adolfo a que renunciase ao título.

Nunha volta desta disputa dinástica, Gustavo invadiu Livonia cando tiña 31 anos, comezando a guerra polaco-sueca de 1626-1629. Interveu no nome dos literanos en Alemaña, que lle abriron as portas das súas cidades. O seu reinado fíxose famoso por estas accións uns poucos anos despois, cando en xuño de 1630 aterrou en Alemaña, marcando a intervención sueca na guerra dos Trinta Anos. Gustavo interveu no lado anti-imperial, que nese momento estaba perdendo contra o Sacro Imperio Romano Xermánico e os seus aliados católicos; as forzas suecas revertirían rapidamente esa situación.

Gustavo estivo casado con María Leonor de Brandeburgo, a filla de Xoán Sexismundo, Elector de Brandenburgo, e elixiu a cidade prusiana de Elbing como base para as súas operacións en Alemaña. Morreu na batalla de Lützen en 1632. A súa prematura morte foi unha gran perda para o lado luterano, facendo que grandes partes de Alemaña e outros países, que foran conquistadas polo luteranismo, fosen reconquistadas polo catolicismo (a través da Contrarreforma).

Innovador militar[editar | editar a fonte]

O historiador Ronald S. Love atopou que en 1560-1660 houbo "un feixe de innovadores, destacando Mauricio de Nassau e Gustavo Adolfo de Suecia, a quen moitos académicos atribúen os desenvolvementos revolucionarios na guerra e ter sentado as bases da práctica militar para os seguintes dous séculos".[9] Os académicos están de acordo en que Gustavo Adolfo foi un comandante militar extremadamente capaz.[10] A súa innovadora integración táctica de infantería, cabaleiría, loxística e particularmente o seu uso da artillería, fixo que gañase o título de "pai da guerra moderna". Futuros comandantes que estudaron e admiraron a Gustavo II Adolfo foron Napoleón I de Francia e Carl von Clausewitz. Os seus avancesn en ciencia militar fixeron de Suecia a potencia dominante no mar Báltico durante os seguintes cen anos.

Gustavo Adolfo foi a principal figura responsable do éxito do exército sueco durante a guerra dos Trinta Anos e levou á súa nación a conseguir un gran prestixio. Como xeneral, Gustavo Adolfo é famoso por empregar artillería móbil no campo de batalla, ademais de por usar tácticas moi agresivas enfatizando o ataque sobre a defensa, e destacando a mobilidade e iniciativa da cabaleiría.

Rei de Suecia

Segue a:
Carlos IX
Gustavo II Adolfo de Suecia
Precede a:
Cristina
Vasa

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ahnlunds, Nils (1932). Gustav Adolf den store. 
  2. Fryxell, Anders (1894). Norstedts, ed. Gustaf II Adolf. Estocolmo. p. 435. 
  3. Lee, Stephen J. (1984). Routledge, ed. Aspects of European History 1494-1789 (2ª edición). pp. 109–114. ISBN 978-0415027847. 
  4. 4,0 4,1 "Gustav; 2. Gustav II Adolf". Svensk Uppslagsbok 5. 1950. 
  5. Dodge, Theodore Ayrault (1890). Da Capo Press Inc., ed. Gustavus Adolphus. Boston e Nova York. ISBN 978-0-306-80863-0. 
  6. Murray, Stuart (2009). Skyhorse Publishing, ed. The Library: An Illustrated History. p. 118. ISBN 978-1616084530. 
  7. Derry, T. K. (1979). History of Scandinavia: Norway, Sweden, Denmark, Finland, and Iceland. pp. 110–124. 
  8. Jorgensen (2001) p 228
  9. Love, Ronald S (1991). "'All the King's Horsemen': The Equestrian Army of Henri IV, 1585–1598". The sixteenth century journal. 
  10. Encyclopædia Britannica. 1979. p. 502. ISBN 0852293399.