Carlos Portela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Carlos Portela Orjales, nado en Vigo en 1967[1] é un guionista de banda deseñada e series de televisión galego, tamén é produtor de televisión e subdirector do festival Viñetas desde O Atlántico.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Carlos Portela iniciouse no mundo dos fanzines, autoeditándose Interlínea (1984) e colaborando con Coiote e Frente Comixario, amais do programa de radio Arte Alfa na emisora Radio ECCA en Vigo. Como profesional, escribiu as series Forest Hill (1988) e Guinsy (1988) con debuxos de Norberto Fernández e Víctor Rivas, respectivamente, para o xornal Atlántico Diario; tamén Canciones de amor con Santiago Sequeiros para Totem, el Comix en 1988.[2]

En 1994 comezou a traballar como guionista para Xabarín Club presentando ademais o Consultorio do Dr TNT, que o popularizou na pequena pantalla. Ao tempo, publicou para Camaleón Ediciones as series Impresiones de la Isla (1993), debuxada por Fernando Iglesias e Kami Seeds (1995), debuxada por Fernando Iglesias e Víctor Rivas. Novamente xunto a Fernando Iglesias realizou entre 1995 e 2000 a serie El Laberinto de Piedra para a revista Compostelán. En 1998 encargouse dos guións do relanzamento da serie Gorka debuxada por Sergi San Julián e unha vez máis por Fernando Iglesias.

Nos primeiros anos do século XXI, centrouse na escritura de series de televisión, como Rías Baixas (2000), Entre bateas (2002) ou Maridos e mulleres (2006-2008), pero sen deixar de lado a banda deseñada, realizando con Das Pastoras a serie fantástica Les Heresiarcas (2002) para Les Humanoides Associés. Tanteou ademais o mundo do cinema, escribindo os guións d' O ano da carracha (2004) e Hotel Tívoli (2005).

En 2005 comeza a colaborar con Purita Campos no relanzamento de Esther, que se converteu nun éxito de vendas. Colabora tamén con Sergi San Julian na novela gráfica A conta atrás (2008), onde narra cara atrás no tempo a catástrofe do Prestige e da que se publicou até agora só o primeiro de dous volumes. Segue escribindo novas series televisivas: Padre Casares, da que tamén é produtor; Gondar (2009), e Matalobos (2009).

Na actualidade traballa para a produtora Mandarina desenvolvendo unha serie de piratas que protagoniza Pilar Rubio.

Obra[editar | editar a fonte]

Audiovisual
Historietística

Galardóns e nomeamentos[editar | editar a fonte]

Premios Mestre Mateo[editar | editar a fonte]

Ano Categoría Filme Resultado
2008 Mellor guión Padre Casares Nomeado
2010 Mellor guión Padre Casares Nomeado
Mellor guión Matalobos Nomeado

Notas[editar | editar a fonte]

  1. «La última vez que hice recuento tenía 16.000 cómics», entrevista de B. R. Sotelino en La Voz de Galicia, 22 de xuño de 2008.
  2. Cuadrado (2000), p. 22.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]