Saltar ao contido

Serie de televisión

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Series de televisión»)

Unha serie de televisión é unha obra audiovisual que se difunde en emisións televisivas sucesivas, mantendo cada unha delas unha unidade argumental en si mesma e con continuidade, polo menos temática, entre os diferentes episodios que a integran. Aínda que o termo emprégase popularmente para designar á ficción seriada, outros xéneros son susceptibles de ofrecerse en serie, como o documental (por exemplo, Walking with Dinosaurs, Camiñando entre dinosauros).

Series de ficción

[editar | editar a fonte]

Estrutura narrativa

[editar | editar a fonte]

O trazo principal que define a unha serie de ficción é que os seus capítulos constitúen unha unidade narrativa independente en si mesmos, lográndose a continuidade entre un e outro a través dos personaxes, os escenarios ou os temas. A diferenza dos seriais, que deixan abertas as tramas dun episodio para outro, nas series estas resólvense dentro do propio capítulo.

Con todo, existen producións que non cumpren este requisito e, a pesar diso, son consideradas como series, pola súa factura, proceso de produción e forma de programación. É o caso de Lost (Perdidos).

Produción e programación

[editar | editar a fonte]

Por norma xeral, as series de ficción son producións moito máis custosas que os seriais. Iso débese a que adoitan exporse para cubrir os horarios de maior consumo televisivo ou prime time, mentres que os últimos destínanse ás bandas diúrnas ou daytime, onde os niveis de audiencia son menores.

Debido ao seu considerable custo, prográmanse unha vez á semana (ocasionalmente, dous ou tres) e case nunca en tira diaria (en inglés, strip), que é como adoitan emitirse os seriais.

Unha serie adoita concibirse de forma pechada, con final previsto, pero deixando aberta a posibilidade de ampliar a produción, en función dos resultados de audiencia. O máis habitual é que se realice unha primeira quenda de trece episodios e, se o éxito acompaña, é moi probable que a serie regrese con novas entregas.

Tipoloxía

[editar | editar a fonte]
  • Sitcoms ou comedias situacionais. Desde o punto de vista da produción e a programación, defínense por unha duración entre 20 e 30 minutos, polos seus limitados escenarios (un ou dous e case sempre interiores) e porque se gravan coa asistencia de público.
  • Teleseries ou series de longo percorrido. Cada capítulo dura entre 50 e 60 minutos, aínda que, nalgúns países, como España, as metraxes poden ser moi superiores. Posúen diferentes escenarios, tanto interiores como exteriores. Distínguense entre dramas, comedias e dramedias.
  • Antoloxía. Trátase dun tipo de serie que, en cada capítulo, cambia de personaxes, de escenarios e, ata, de equipo de produción. A continuidade entre un e outro conséguese mediante o tema, o mesmo para todos os episodios. Un exemplo é a produción española A pegada do crime, que, en cada entrega, abordaba un caso criminal distinto, baseado en feitos reais.
  • Miniserie. É un tipo de produción a medio camiño entre as teleseries e os telefilmes. Nos Estados Unidos adoitan exporse para polo menos tres episodios, cunha duración, cada un deles, de aproximadamente 90 minutos.

Series documentais

[editar | editar a fonte]

O xénero do documental pode ser obxecto dunha emisión seriada en televisión, así como as súas distintas variantes, xurdidas a partir dun proceso de incorporación de técnicas características doutros xéneros. É o caso dos docudramas, nos que se aborda a realidade con recursos narrativos propios da series de ficción, como a guionización a partir de tramas e, ata, personaxes. Un exemplo de docudrama seriado é a produción española Vivir cada día, emitida por TVE1 entre 1978 e 1988.

Outra variante do documental é o docu-soap (docu, de documental; soap, de soap opera), aínda que, neste caso, as técnicas narrativas utilizadas non proceden das series de ficción, senón dos seriais televisivos. Como nestes, as tramas quedan abertas dun capítulo a outro. A produción española Bellvitge Hospital, ofrecida pola televisión autonómica catalá TV3, é un exemplo de docu-soap.