Carlos Bergantiños

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaCarlos Bergantiños
Biografía
Nacemento1955 Editar o valor em Wikidata (68/69 anos)
Parga, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña
Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de Nova York Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónmarchante de arte , galerista Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua galega e lingua inglesa Editar o valor em Wikidata

José Carlos Bergantiños Díaz, nado en Parga (Guitiriz) en 1955, é un emprendedor, marchante e galerista galego, coñecido por estar envolto nunha trama de falsificación de obras de arte en Nova York[1].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Alcumado o Maletilla, e fillo de Isolina do Capataz[1], comezou de neno a traballar no balneario de Guitiriz. De alí marchou de camareiro a Madrid e despois, como mozo axudante dun toureiro, a México. En Guanajuato enfermou de disentería e no hospital coñeceu a enfermeira Glafira Rosales, con quen emparellou. Ao recuperarse, marcharon aos Estados Unidos, país onde entraron de xeiro ilegal cruzando o río Grande.

Nos Estados Unidos, Bergantiños comezou a traballar ilegalmente na hostalaría en Nuevo Laredo, Houston, logo en Nova York e finalmente nunha empresa de subministracións de peixe que facía a viaxe entre a costa de Maine e Nova York. Para poder facer as entregas máis rápido mercou unha ambulancia de segunda man[1].

Tamén en Nova York comezou a traballar como asistente dunha parente de Gertrude Stein e empezaron os seus contactos co negocio da arte[1]. Coñece o pintor e médico Osvaldo Gomáriz, que ten unha galería de arte de moda[2]. Fixo un curso de emprendemento en negocios artísticos na Universidade de Nova York e en 1986, cos aforros do peixe, abriu unha pequena galería de arte, a King’s Fine Arts, no barrio de Chelsea.

Foi neses anos tamén cando coñeceu o artista Pei Shen Qian, que vivía de debuxar con xiz no chan. Aconsellado artisticamente pola muller, e segundo as pescudas da policía, convenceu a Qian de imitar obras de pintores de arte contemporánea. En 1993 vendéronlle un cadro de Mark Rhotko á galerista Ann Freedman (da galería Knoedler), que foi o primeiro dunha serie de obras que atopaban perdidas e que atribuían a pintores contemporáneos[1]. A prosperidade do negocio levounos a progresar rapidamente: mudaron a unha mansión de Long Island, mercaron cadros de Basquiat ou Warhol, e empezaron a relacionarse coa alta sociedade estadounidense[1]. Tamén venderon sete obras de Maruxa Mallo que, segundo eles, atoparan na cidade[1].

O progreso de Bergantiños continuou ata 2011: abriu unha fundación benéfica na República Dominicana[1], participou activamente e sobre o terreo nos programas de axuda no Haití logo do tremor de terra de 2010, e seguiu vivindo nas capas máis altas da sociedade estadounidense. Porén as acusacións de falsidade xa comezaran. En 2003, un executivo de Goldman Sachs denunciou a Freedman porque un Rothko que lle vendera non fora recoñecido por auténtico por unha terceira parte. En 2009 Freedman dimitiu da galería e dous anos máis tarde a súa galería Knoedler pechaba por sorpresa: catro días despois o financeiro belga Pierre Lagrange denunciaba a Freedman por venderlle un Jackson Pollock falso.

A rede desmantelouse mentres comezaban as pescudas. Rosales foi detida en Nova York e condeada en 2017 a pagar 81 millóns de dólares aos seus demandantes[1], que sufragou en parte coa arte e as propiedades do matrimonio. Bergantiños, que xa se separara de Rosales pero continuaba a facer negocios con ela, fuxiu a España, onde foi detido en Sevilla, en 2014[1]. O seu irmán Jesús Ángel Bergantiños foi detido uns días despois en Madrid[3]. Pei Shen Qian trasladou o seu negocio artístico á China.

Rosales e Bergantiños acusáronse mutuamente de seren os artelladores da trama. Sobre Bergantiños abríronse dúas ordes de extradición aos Estados Unidos: a primeira fracasou por defecto de forma e a segunda por motivos de saúde, pois Bergantiños estaba a se recuperar dun ictus. O FBI pedía para Bergantiños un total de 114 anos de prisión por once delitos entre os que se atopaban estafa, evasión fiscal, falsidade documental, asociación ilícita e lavado de diñeiro[1]. Ademais, na República Dominicana está acusado de ser un dos responsables da creba do banco Peravia de Santo Domingo, do que era directivo, e de evadir fondos da entidade a paraísos fiscais[1]. A xustiza estadounidense considera que 33 millóns de dólares dos negocios de Bergantiños chegaron a España e reclámanllelos a el e mais ao irmán[4][3].

Vida posterior[editar | editar a fonte]

Bergantiños vive en Lugo.

Participou en dous documentais sobre os casos e a súa vida: Made you look: a true story about fake art (2020), de Barry Arvich, e Driven to abstraction (2019), de Daria Price[1].

Notas[editar | editar a fonte]