Cariátide
A cariátide (grego antigo Καρυάτις, plural: Καρυάτιδες) é unha figura feminina esculpida, con función de columna ou pilastra, cun entaboamento que descansa sobre a súa cabeza. O máis típico dos exemplos é a Tribuna das Cariátides no Erecteion, un dos templos da Acrópole ateniense.
O seu nome quere dicir habitantes da cidade de Caria (Καρυές), na Laconia, e vén, segundo é dito, de que sendo esta cidade aliada dos persas durante as Guerras Médicas, os seus habitantes foron exterminados polos outros gregos e as súas mulleres foron convertidas en escravas, e condenadas a levar as máis pesadas cargas, sendo estas representadas como tales nas columnas dos edificios.
En 1550, Jean Goujon (arquitecto e escultor do rei Henrique II de Francia) tallou unhas cariátides no Louvre, que sosteñen a plataforma dos músicos na sala dos gardas suízos (actualmente chamada das Cariátides). Goujon só coñecera as cariátides do Erecteion mediante inscricións e nunca vira as orixinais.
Cando a figura empregada como columna é masculina, chámase atlante ou telamón.