Camelia Cociña de Llansó

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Camelia Cociña de Llansó
Nacemento1847
 Córdoba
Falecementoséculo XX
NacionalidadeEspaña
Relixióncatolicismo
Ocupaciónescritora
PaiVicente Manuel Cociña Vizoso
CónxuxeJoaquín Llansó
editar datos en Wikidata ]

Luisa Purificación Camelia Cociña de Llansó, de solteira María de la Purificación Camelia Cociña de Riveira,[1] nada en Córdoba en 1847,[2] foi unha escritora galega. Empregou o pseudónimo de Cecilia.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Filla de Vicente Manuel Cociña, tras a morte deste en 1854 foi vivir coa súa familia a Galicia, á casa do avó materno. Asistiu a unha escola en Viveiro, onde tivo por compañeiro a Alfredo García Dóriga.[1] A súa nai morreu cando ela tiña trece anos, e quedou co seu avó, xa que a súa irmá maior estaba casada e lonxe, e o seu irmán estudaba fóra. Formou parte da pequena burguesía ilustrada do funcionariado, co que tivo acceso á lectura e escritura. Despois de casar con Joaquín Llansó (foi entón cando adoptou o nome de Llansó) viviu en Cáceres, Barcelona e outras cidades da costa mediterránea. En abril de 1914 estaba viúva. Viviu polo menos até 1927, xa que se conserva correspondencia desta época. En 1873 tivo un fillo, Luís Llansó Cociña, que estivo nas Filipinas.

En 1882 participou no Certame Literario convocado en Alba de Tormes co gallo do terceiro centenario do nacemento de Tareixa de Ávila. Acadou un premio, un floreiro de prata dos duques de Alba, por unha composición poética sobre a santa. En 1883 presentouse a un certame convocado en Pamplona, e acadou o segundo premio (unha rosa de ouro) co poema "La tradición de San Fermín", sobre "Conversión al cristianismo, Santas predicaciones y gloriosa muerte del excelso Patrono de Pamplona". Tamén participou noutros concursos de ámbito local, como os do Ateneo de Igualada ou a Asociación Literaria de Girona (1885, primeiro accésit).

A súa obra aparece en diversas escolmas, como a da Asociación Literaria de Gerona (poemas "Epístola", 1887 e "La primera conquista", 1885). Outros poemas seus son "El Talismán", "Literatura", "Amor de madre" (La Unión Gallega, 1883), "A Galicia" (Galicia Moderna, 1888) ou "La guerra del Riff" (Vida Gallega, 1909). Recibiu tamén un premio polo drama nun acto, La Joya de más valía.

Foi socia de honor do Centro Gallego de Buenos Aires, membro correspondente da Academia Malacitana, socia de mérito do Ateneo Igualadino e de varias academias francesas, como a de Mont-Real de Toulouse, por traballos en prosa nun concurso internacional. A Real Academia de Córdoba nomeouna correspondente o 28 de marzo de 1914.

Colaborou en publicacións de España e de América, como La Ilustración de Barcelona, La Asociación Literaria de Girona, El Eco de Galicia de Buenos Aires, Revista de Extremadura, El Correo de la Moda, La Moda Elegante Ilustrada ou o Diario de Córdoba.

Foi redactora en El Sacerdocio de la Mujer (Barcelona) canda a Esperanza de Belmar, Berenice, Amparo e Elisa Gutiérrez.

Intercambiou correspondencia con José Sinisterra, Orti Belmonte e Ricardo de Montis.

Asinou algunhas veces co pseudónimo Garci-Hernández.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Marco López 2007, p. 110.
  2. Pilar Bartolomé (16/7/2017). "La poetisa cordobesa olvidada". El Día de Córdoba (en castelán). 
  3. Marco López 2007, p. 111.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]