Os adultos teñen patas curtas amarelas e un bico fino, escuro con base amarela, de tamaño medio. O corpo é escuro na parte superior con lixeiros tons púrpura e pola parte inferior é principalmente branco. O peito está manchado de gris e a parte traseira é negra. Mide de 20 a 22cm de lonxitude e 42 a 46cm de envergadura, e pesa de 50 a 105g.[1]
O seu hábitat de reprodución é a tundra ártica das illas do norte do Canadá e as áreas costeiras de Groenlandia e noroeste de Europa. Aniñan no chan en rochas elevadas ou en lugares baixos húmidos. O macho escava varias depresións; a femia escolle unha e pon de 3 a 4 ovos. O macho asume a principal responsabilidade durante a incubación e ocúpase dos pitos. As crías aliméntanse por si mesmas.
Reprodúcense nas costas árticas dende o Canadá ao noroeste de Europa. Son migrantes tardíos e móvense ás costas rochosas atlánticas libres de xeo en inverno, pero a maioría non van máis ao sur que Carolina do Norte (na parte americana) e norte de Portugal (na parte europea). Pode verse nas costas cantábricas galegas en inverno. Son bastante gregarios, forman pequenas bandadas, a miúdo con virapedras (Arenaria interpres). Esta especie é domesticable e accesible.