Código de Comercio de 1885

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O Código de Comercio de 1885 é o código de dereito mercantil vixente en España desde o 22 de agosto de 1885.[1]

Antecedentes históricos[editar | editar a fonte]

O proceso de codificación do Dereito mercantil en España xorde no século XIX, por influencia do Código de Comercio de Napoleón Bonaparte.[2] Con anterioridade creouse unha xurisdición especial durante a Baixa Idade Media, no século XII, mediante a cal os tribunais de comercio eran os encargados de levar os asuntos relacionados con este dereito e as súas decisións comezaron a recollerse por escrito. As ordenanzas dos municipios tamén foron moi importantes para a regulación do dereito mercantil, destacando o Libro do Consulado do Mar de Barcelona, que regulaba a actividade comercial e marítima da zona e mantívose vixente durante varios séculos afectando non só a Barcelona senón ao resto da Península Ibérica e países estremeiros do mar Mediterráneo.[3][4]

Ademais a idea da codificación do Dereito mercantil xa estivera presente na España de Carlos III cando o ministro da Coroa, Pedro Rodríguez de Campomanes propuxera ao rei a promulgación como lei xeral mercantil para todos os territorios da Coroa, as Ordenanzas de Bilbao de 1737.[5] A idea volveu a xurdir no reinado de Carlos IV e posteriormente coa Constitución de Cádiz de 1812, que no seu artigo 257 dicía:[5]

O Código civil, o criminal e o de comercio serán uns mesmos para toda a Monarquía, sen prexuízo das variacións que por particulares circunstancias poderán facer as Cortes.

Tralo fracaso de elaborar un Código que recollera as leis mercantís, finalmente logrouse elaborar o Código de Comercio de 1829[6] Este proceso codificador naceu grazas ao impulso do ministro de Fernando VII, Luis López Ballesteros. Mediante a Real Orde de 11 de xaneiro de 1828, designouse unha comisión para a redacción do Código que foi encabezada por Pedro Sáinz de Andino.[5] O Código de Comercio foi publicado mediante Real Decreto o 30 de maio de 1829[7]

O Código de 1885[editar | editar a fonte]

O Código de Comercio de 1829 tivo gran importancia no seu momento e en algúns aspectos mellorou ao Código de Comercio francés de 1807. Porén, aínda que recolleu nos seus artigos gran parte da normativa vixente, deixaba de lado algunhas materias importantes en Dereito mercantil, polo que foi necesario comezar co proceso de creación dun novo código.

Para a elaboración deste novo Código de Comercio, chegaron a constituírse ata sete comisións especializadas na materia e finalmente, reinando Afonso XII, publicouse o Real Decreto de 22 de agosto de 1885,[1] polo que entraba en vigor o novo Código de Comercio.

Estrutura[editar | editar a fonte]

O novo Código de Comercio quedou dividido en catro libros cun total de 955 artigos:[1]

  • Libro Primeiro (artigos 1 ata 115). Dos comerciantes e comercio en xeral.
  • Libro Segundo (artigos 116 ata 572). Dos contratos especiais de comercio.
  • Libro Terceiro (artigos 573 ata 869). Comercio marítimo.
  • Libro Cuarto (artigos 870 ata 955). Suspensión de pagos, quebras e prescricións.

Este Código de Comercio sufriu varias modificacións desde a súa entrada en vigor atendendo as necesidades do momento. Por mor disto, asistimos a un proceso de descodificación que propiciou a aparición de leis que suplen algúns artigos do Código. Desde xeito, no ano 2014 derogouse o Libro Terceiro sobre o Comercio marítimo coa aprobación da Lei de Navegación Marítima.[8].

O mesmo sucedeu anteriormente no 2003 coa aprobación da lei Concursal, que regula o procedemento para o concurso de acredores. Esta lei derogou parte do Libro Cuarto deixando só en vigor a parte relativa ás prescricións.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Gaceta de Madrid - Código de Comercio" (PDF). 16 de outubro de 1885. Consultado o 11 de marzo de 2016. 
  2. "Código de Comercio de 1807" (en castelán). Consultado o 11 de marzo de 2016. 
  3. Code maritime. Avant-propos[Ligazón morta]
  4. Maritime law history
  5. 5,0 5,1 5,2 Javier Divar Garteiz-Aurrecoa. "Las Ordenanzas de Bilbao como antecedente de la Codificación Mercantil en España" (PDF) (en castelán). Consultado o 11 de marzo de 2016. 
  6. "El Código de Comercio de 1829" (en castelán). Consultado o 11 de marzo de 2016. 
  7. Código de Comercio de 1829 (PDF) (en castelán). Consultado o 11 de marzo de 2016. 
  8. "Ley de Navegación Marítima" (en castelán). 25 de xullo de 2014. Consultado o 11 de marzo de 2016. 
  9. "Ley Concursal 2003" (en castelán). 10 de xullo de 2003. Consultado o 11 de marzo de 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]