Botryllus schlosseri
Botryllus schlosseri | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Botryllus schlosseri (Pallas, 1766) [1] | |||||||||||||||||
Sinonimia [1] | |||||||||||||||||
|
Botryllus schlosseri[2] é un tunicado ascidiáceo colonial, que crece en obxectos mergullados, de movementos lentos, plantas e animais en ambientes de auga salgada próximos á costa.
Descrición
[editar | editar a fonte]Os zooides individuais poden crecer ata os 3 mm, e as colonias chegan a ser de 50 mm de longo.[3]

Esta especie pode distinguirse de Botrylloides sp. polo padrón de crecemento dos zooides. Os zooides de B. schlosseri emanan do centro como se fosen os brazos dunha estrela. Ademais , xeralmente hai menos zooides por agrupamento (de 5 a 8 en B. schlosseri e 10 ou máis en Botrylloides). A especie pode presentarse en diversas cores, que van do laranxa, ao azul e gris. Unha colonia pode ser separada doadamente do corpo principal para formar unha colonia independente xeralmente chamado subclón. Dúas colonias poden tamén fusionarse se comparten alelos comúns para o historrecoñecemento.[4]
Distribución
[editar | editar a fonte]A área de distribución nativa de Botryllus schlosseri é o nordés do océano Atlántico, o mar Mediterráneo e o mar do Norte.[1] Porén, a súa área estendeuse durante os últimos 100 anos ata abranguer case por todo o mundo. Nalgunhas zonas, como a costa oeste do Atlántico en Norteamérica, considérase unha especie invasora, que se converteu no "tunicado colonial máis común de Norteamérica".[5]
Bioloxía
[editar | editar a fonte]Botryllus schlosseri utilízase como organismo modelo. Os clons mantivéronse en cultivos de laboratorio continuos durante varias décadas, nos que os novos adultos se desenvolven a partir de xemas que se forman na parede corporal dos adultos existentes. Baixo as condicións de cultivo típicas, a reprodución asexual ten lugar en aproximadamente un ciclo de dúas semanas, durante os cales crece unha nova xema e empeza a alimentarse activamente, mentres que os adultos dos cales emerxeron sofren regresión e son finalmente reabsorbidos.[6]
Cando son sexualmente produtivos, estes Botryllus producen, "larvas con forma de cágado brancas amareladas ou laranxas claras" que mostran un perfil oval.[7]
Os tunicados coloniais son os únicos cordados que teñen a capacidade de reproducirse tanto sexualmente coma asexualmente. B. schlosseri é un hermafrodita secuencial (protoxino), e nunha colonia, os ovos son expulsados uns dous días antes do pico de emisión de esperma.[8] Así evítase a autofecundación e favorécese a fecundación cruzada. Aínda que sexa evitada, a autofecundación segue sendo posible en B. schlosseri. Os ovos autofecundados desenvólvense cunha frecuencia de anomalías substancialmente máis alta durante a segmentación que a dos ovos resultantes de fecundacións cruzadas (23,1% fronte a 1,6%).[8] Ademais, unha porcentaxe significativamente menor de larvas derivadas de ovos autofecundados sofren metamorfose (51,5% fonte a 87,2%), e o crecemento das colonias derivadas da súa metamorfose é significativamente máis lenta. Estas observacións suxiren que a autofecundación orixina unha depresión por endogamia asociada con déficits de desenvolvemento orixinados probablemente pola expresión de mutacións recesivas deletéreas.[9]
Xenoma
[editar | editar a fonte]O xenoma desta especie foi secuenciado.[10] Ten unha lonxitude de 580 megabases e está organizado en 16 cromosomas. Comprende case 14 000 xenes preditos que conteñen intróns e 13 500 xenes preditos sen intróns. Os datos tamén confirmaron que os Tunicata son os invertebrados máis próximos relacionados cos vertebrados, e, por tanto, co Homo sapiens.[11]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Claude Monniot (2009). "Botryllus schlosseri (Pallas, 1766)". World Register of Marine Species. Consultado o 20 de xaneiro de 2010.
- ↑ "Star ascidian (Botryllus schlosseri)". ARKive. Arquivado dende o orixinal o 13 de xullo de 2010. Consultado o 20 de xaneiro de 2010.
- ↑ M. J. de Kluijver & S. S. Ingalsuo. "Botryllus schlosseri". Macrobenthos of the North Sea: Tunicata. Universiteit van Amsterdam. Arquivado dende o orixinal o 01 de setembro de 2010. Consultado o 20 de xaneiro de 2010.
- ↑ Irving L. Weissman, Yasunori Saito & Baruch Rinkevich (1990). "Allorecognition histocompatibility in a protochordate species: is the relationship to MHC somatic or structural?". Immunology Review 113: 227–241. PMID 2180808. doi:10.1111/j.1600-065X.1990.tb00043.x.
- ↑ Andrew J. Martinez & Candace Storm Martinez (2003). Marine Life of the North Atlantic: Canada to New England. Aqua Quest Publications. pp. 272. ISBN 978-1-881652-32-8.
- ↑ Manni, L.; Zaniolo, G.; Cima, F.; Burighel, P.; Ballarin, L. (1 de febreiro de 2007). "Botryllus schlosseri: A model ascidian for the study of asexual reproduction". Developmental Dynamics 236 (2): 335–352. doi:10.1002/dvdy.21037.
- ↑ Heather C. Boyd; Weissman, I. L.; Saito, Y. (1990). "Morphologic and genetic verification that Monterey Botryllus and Woods Hole Botryllus are the same species". The Biological Bulletin 178 (3): 239–250. JSTOR 1541825. doi:10.2307/1541825. Arquivado dende o orixinal o 25 de xullo de 2011. Consultado o 17 de marzo de 2018.
- ↑ 8,0 8,1 Gasparini F, Manni L, Cima F, Zaniolo G, Burighel P, Caicci F, Franchi N, Schiavon F, Rigon F, Campagna D, Ballarin L (July 2014). "Sexual and asexual reproduction in the colonial ascidian Botryllus schlosseri". Genesis 53 (1): 105–20. PMID 25044771. doi:10.1002/dvg.22802.
- ↑ Bernstein, H; Hopf, FA; Michod, RE (1987). "The molecular basis of the evolution of sex". Adv Genet. Advances in Genetics 24: 323–70. ISBN 9780120176243. PMID 3324702. doi:10.1016/S0065-2660(08)60012-7.
- ↑ Voskoboynik A, Neff NF, Sahoo D, Newman AM, Pushkarev D, Koh W, Passarelli B, Fan HC, Mantalas GL, Palmeri KJ, Ishizuka KJ, Gissi C, Griggio F, Ben-Shlomo R, Corey DM, Penland L, White RA, Weissman IL, Quake SR (2013) The genome sequence of the colonial chordate, Botryllus schlosseri. Elife 2:e00569. doi 10.7554/eLife.00569
- ↑ http://phys.org/news/2013-08-scientists-sequence-genome-human-closest.html
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Botryllus schlosseri |