Benito Losada Astray

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Bieito Losada»)
Infotaula de personaBenito Losada Astray

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento19 de novembro de 1824 Editar o valor em Wikidata
Santiago de Compostela, España Editar o valor em Wikidata
Morte11 de setembro de 1891 Editar o valor em Wikidata (66 anos)
San Mamede de Ribadulla, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónmédico , militar , escritor Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Benito Ramón Hipólito Losada Astray, nado en Santiago de Compostela o 19 de novembro de 1824 e finado en San Mamede de Ribadulla o 11 de setembro de 1891, foi un médico, militar e escritor galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Benito Álvarez-Losada Pardo, catedrático de Dereito Penal, e Teresa Astray-Caneda Calvelo. Licenciouse en Medicina e ingresou no Corpo de Sanidade Militar. Exerceu de médico militar no País Vasco durante a guerra carlista e máis tarde en Cuba. Convencido anticlerical, interesouse na política liberal, afiliándose ao partido republicano, o que o levou a participar no levantamento de Solís de 1846. Colaborador de diversas publicacións, como El Heraldo Gallego e Revista Gallega, pódese adscribir á xeración provincialista, polo que forma parte da nómina de poetas tardíos do Rexurdimento.

Casou en Cuba con Adelaida Ferrant Ajuria; non tiveron fillos.

Traxectoria literaria[editar | editar a fonte]

Unha vez xubilado do seu posto de xeneral médico militar, comezou a dedicarse á creación literaria. Tras o falecemento da súa muller, sumiuse nunha gran tristura que reflectiu nos versos "Recordos".

No manuscrito inédito "Os que ensinan a orella" arremete implacablemente contra o clero polo seu desexo de exclusividade no ensino público e que lle valeu unha forte campaña de desprestixio por parte dun mozo director dun xornal compostelán, pero ao que veu a darlle a razón o Real Decreto sobre o ensino libre do Ministerio de Fomento, presidido por Pidal.

A lenda "Afronta, daga e vieira" incluída en Soazes d´un vello é un fermoso relato en tempo medieval na que aparecen castelos e paraxes da bisbarra do Ulla, nobres violentos e sufridas heroínas, na que está presente encontros, amores secretos, fuxida fracasada, xuramento, anagnórises, arrepentimento e múltiple desenlace infausto. Polo que é máis coñecido Benito Losada é pola trintena de poemas soltos Contiños (1888) de signo costumista e polos seus epigramas. Estas composicións, posúen un marcado carácter picaresco, cheas de alusións maliciosas, o cal motivou algunhas críticas, entre elas de Pardo Bazán, por considerar que resultaban chocarreras e de mal gusto.

Foi Benito Losada un poeta áxil e solto que coñecía ben o galego. Negábase a ser fotografado, como ben recorda o seu amigo Enrique Labarta Pose en versos que escribe na revista da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago. Só se coñecía a súa imaxe a través do debuxo que figura na portada do número 6 da revista La Pequeña Patria. Finalmente atopouse unha fotografía escrita no reverso que di: "Lector se o nome saber lle agrada direino ao momento Benito Losada".

En 1922 Aubrey Fitz Gerald Bell dedicoulle un apéndice de Portuguese Litarature ao renacemento literario galego onde salienta sobre todo o seu populismo porque presenta cadros coloridos, íntimos e interesantes da vida de campo en Galicia. Hai un amplo e detallado estudo biográfico e bibliográfico de Benito Losada Astray de Antonio Couceiro Freijomil (1952) e de Ricardo Carballo Calero (1975). En 1991, con motivo do centenario do seu falecemento, José Filgueira Valverde, dedicoulle un artigo en Faro de Vigo.

Obra[editar | editar a fonte]

La Pequeña Patria, Santiago, 30 de decembro de 1890, n.º 6.
  • Poesías (1878). É o seu libro máis romántico. Bilingüe.
  • Soazes d’un vello (1886) premio literario de La Voz de Galicia e publicado por esta editorial (Biblioteca Gallega). Comeza coa lenda "Afrenta, daga e venera", premiada nun certame en Vigo en 1883. Segue un grupo de composicións e remata con "Contiños da terra", 19 epigramas.
  • Contiños (1888). Inclúe os "Contiños da terra" e engade outros novos. Poemas breves de contido burlesco moi criticados por Emilia Pardo Bazán.
  • Por un retrato. Novela curta por entregas publicada na revista Galicia da Coruña.

Inéditos[editar | editar a fonte]

  • Mario. Manuscrito en castelán dun relato tráxico romántico
  • Lola. Novela en castelán
  • Votos Eternos. Novela en castelán de estilo romántico.
  • Paca (1883). Novela que narra minuciosamente as longas xornadas dunha viaxe en dilixencia de Santiago a Madrid a mediados do XIX.
  • Os que ensinan a orella. Manuscrito en galego.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]