Beef (hip hop)
Beef (do inglés beef: carne de tenreira, queixa, insatisfacción) na cultura hip hop significa inimizade ou conflito entre dous dos seus representantes, moitas veces apoiados por outros artistas no seu selo discográfico, que se realiza abertamente a través dos medios de comunicación e en particular a través dos lanzamentos musicais das dúas partes.[1]
Os beefs e as súas características xunto coas regras de conduta non escritas son un compoñente importante da cultura hip hop. Os beefs máis famosos son entre rapeiros, pero tamén son posibles entre outros representantes da cultura hip hop: disc-jóckeis, b-boys ou escritores. Os motivos dos beefs adoitan ser denuncias de plaxio, afirmacións de liderado no xénero, diferenzas creativas irreconciliables, afiliación a discográficas competidoras e mesmo insultos ocasionais. Na práctica, os conflitos exprésanse en pistas especialmente gravadas chamadas disses (diss de disrespect, faltar ao respecto) e en entrevistas, con menos frecuencia en pelexas e tiroteos, que nalgúns casos remataron en asasinatos.
Estes conflitos xeneran gran espectación por parte do público, o beef máis notorio foi o chamado a "guerra das costas", que se cobrou a vida de Tupac Shakur e Notorious BIG na década de 1990,[2] ademais dos numerosos beefs de 50 Cent na década de 2000. O álbum de Notorious BIG Life After Death, que saíu quince días despois da súa morte, chegou ao número un nas listas americanas, converténdose no álbum de hip hop máis vendido con 28 millóns de discos. En España, nos últimos anos tiveron sona os beefs de C. Tangana, sobre todo contra Los Chicos del Maíz e, por exemplo, entre Kase O e Metro, membro do grupo Geronación, no 2001.[3] En Galiza, o beef máis sonado foi o de SonDaRúa e Boyanka Kostova, estes últimos envíaronlle aos primeiros unha gravación chamada "Infelicce" criticando o grupo que acabara de anunciar o seu último concerto, e Hugo Guezeta, principal voz de SonDaRúa, repondeu cunha canción subida a Youtube: “A derradeira lección do mestre”.[4][5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Peckham, Aaron (2005). Urban dictionary: fullious street slang defined. Andrews McMeel Publishing. p. 34. ISBN 0-7407-5143-3.
- ↑ "The Short Life of a Rap Star, Shadowed by Many Troubles". nytimes.com. Consultado o 2010.
- ↑ "Los 6 beefs más sonados de la historia del trap y el rap en español". rtve.es. Consultado o 2023.
- ↑ "A regueifa frustrada do ano". nosdiario.gal. Consultado o 2023.
- ↑ "Así es el último ‘beef’ viral que enfrenta a artistas de Ponteareas y Compostela". metropolitano.gal. Consultado o 2023.