Kalandraka

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Barraca da editorial Kalandraka na feira do libro de Madrid de 2008.

Kalandraka é unha editorial pontevedresa especializada na edición de libros infantís. Naceu no ano 1998, baixo a inspiración dun grupo de persoas ligadas ao mundo do ensino e da literatura infantil nas súas vertentes de animadores, autores, ou difusores.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezos[editar | editar a fonte]

Iniciouse con dúas coleccións:

  • Demademora pretendía recoller a obra dos escritores e autores actuais.
  • Os Contos do Trasno Comodín acollía as adaptacións dos contos clásicos ou a versión dos contos populares de diferentes culturas.

Ao longo destes anos foi diversificando a súa produción con novas coleccións:

  • Tras os Montes, para recoller obras xa publicadas no estranxeiro,
  • Seteleguas e Tiramillas, para lectores de entre 8 e 10 anos, e 10 a 12, respectivamente.

Outros mercados[editar | editar a fonte]

Pouco despois da súa fundación ábrense ao mercado en castelán, éuscaro, catalán e portugués. Foi a primeira editorial galega que que comezou a editar cunha certa sistematicidade en linguas diferentes do galego e do castelán.

Moitos ilustradores iniciaron nesta editorial a súa andaina polo mundo da literatura infantil e pouco tempo tardaron en chegar os recoñecementos en forma de Premios Nacionais:

  • Óscar Villán con O coelliño branco foi Premio Nacional de Ilustración no ano 1999.
  • Federico Fernández no 2001 con Onde perdeu Lúa a risa?.
  • Artefactes, recibiu o premio ó libro mellor editado do ano 2003.
  • Pancho 2º Premio Nacional de Ilustración no ano 2003.
  • Un lugar en el bosque foi Premio Nacional de Literatura infantil no Uruguai no ano 2004.
  • Smara foi Premio Isaac Díaz Pardo ao libro mellor ilustrado do ano 2006.
  • Pucho o habitador dos tellados recibiu o Premio Nacional de Edición no ano 2007.

A estes habería que engadir outros premios como o Llibreter, o Daniel Gil en varias edicións ou o Junceda.

A filosofía desta editorial está definida pola importancia que lle dá á ilustración e o coidado que pon na impresión e na edición das súas obras. Moitos dos seus libros foron traducidos a outras linguas, coma o xaponés, o coreano, o grego ou o hebreo entre outros.

Premios[editar | editar a fonte]

En 2012 obtivo o Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial Cultural do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte polo "seu compromiso coa literatura infantil".

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]