Avel·lí Artís-Gener

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Avel·lí Artís-Gener
Tísner.JPG
Nacemento28 de maio de 1912
 Barcelona
Falecemento7 de maio de 2000
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónxornalista, escritor, tradutor e escenógrafo
PremiosCreu de Sant Jordi e Prêmio de Honor de las Letras Catalanas
editar datos en Wikidata ]

Avel·lí Artís i Gener, coñecido tamén polo pseudónimo Tísner, nado en Barcelona o 28 de maio de 1912 e finado o 7 de maio de 2000, foi un xornalista, escritor, pintor, escenógrafo, tradutor e director artístico de publicidade catalán. Era fillo de Avel·lí Artís i Balaguer e neto de Andreu-Avel·lí Artís i Tomàs.

Os inicios profesionais[editar | editar a fonte]

Avel·lí Artís-Gener iniciase no mundo do xornalismo en 1928, á idade de 16 anos. Fai caricaturas e pásaas por baixo da porta da redacción do semanario Papitu, que as comeza a publicar. Un ano máis tarde segue o mesmo procedemento cos seus primeiros escritos, no xornal Mirador. En 1931 consolídase como debuxante no semanario El be negre, referente satírico da época. En 1932 colabora regularmente no Diario Mercantil e, durante a segunda república, faino en L’Opinio, La Rambla, Esport i ciutadania e La Publicitat. En 1936, canda Pere Calders, pasa a ser director do semanario humorístico L’esquella de la Torratxa.

A Guerra Civil[editar | editar a fonte]

Xusto despois do inicio da Guerra Civil, foxe a París, ameazado de morte pola FAI. Axiña, porén, se decata de que ten que volver e alístase como voluntario no exército republicano, do cal chega a ser tenente coronel. Entre 1936 e 1939 dirixe as publicacións Meridià, Amic e Vèncer, destinadas aos combatentes.

Artís-Gener pasa toda a guerra encadrado na 60 división do Exército da República, loitando na fronte de Aragón e na do Ebro, destinado no Servizo Cartográfico do Exército Popular, onde fai, en colaboración cun equipo de debuxantes, os mapas militares dos que carecía este exército.

Ao pasar a Francia e antes do exilio, pasa un tempo no campo de concentración do Coll d’Ares.

O exilio mexicano[editar | editar a fonte]

Ao finalizar a guerra exíliase a México, onde pasará 25 anos. Alá, identifícase e adáptase profundamente á realidade mexicana sen deixar de ser catalán e catalanista. É nesta época cando xorde a súa paixón pola cultura precolombiana, que frutificará na súa novela máis coñecida, Paraules d’Opòton el Vell, considerada unha das mellores obras da literatura catalá do século XX.

En México traballou na radio e na televisión como escenógrafo, onde realizou máis de 26.000 decorados[1]. Tamén puido vivir da pintura, alén de levar a cabo outras tarefas como a corrección de textos ou a dirección artística de publicidade... Colabora como debuxante nas publicacións Full Català (comezos dos 40), Quaderns de l'Exili, Revista de Refugiats d'Amèrica, Lletres, Pont Blau e Tele-revista (entre 1943 e 47), La Nostra Revista (1946-1954). En 1955 creou La Nova Revista (1955-1958), herdeira da anterior, que fundara o seu pai.

O retorno a Cataluña[editar | editar a fonte]

En 1965 volve a Cataluña e chega a Barcelona, canda a súa muller e mais os tres fillos pequenos, o 31 de decembro. Inicialmente non lle conceden o carné de xornalista, mais grazas aos contactos persoais consegue comezar a publicar no xornal El Correo Catalán, e, grazas a intercesión do seu curmán Sempronio, director de Tele/eXpres, pasa a ser subdirector do semanario en catalán Tele/Estel. Nesta época comeza a entrar en contacto coas novas xeracións de escritores cataláns.

En 1970 traduciu ao catalán a obra de Gabriel García Márquez, de quen era amigo persoal, Cien años de soledad. Durante esta década participa na revitalización do PEN catalán e na creación, no ano 1977, da Associació d'Escriptors en Llengua Catalana, da que foi presidente entre 1990 e 1994.

Rematado o franquismo, colabora como articulista e debuxante en multitude de medios: AvuiEl PeriódicoCatalunya InformacióL'AvençSerra d'Or, Canigó, Cultura, El TriangleEl MónPresènciaEspais mediterranis, entre outros. Entre 1984 e 1990 realiza os encrucillados para La Vanguardia, que fará en El País a principios dos anos 90.

En 1982 preséntase como candidato a senador por Nacionalistes d'Esquerra ás eleccións xerais de España, sen chegar a ser escollido. En 1993 incorpórase a Esquerra Republicana de Catalunya.

En 1988 recibe a Creu de Sant Jordi e, en 1990, os premios Ciutat de Barcelona de Narrativa Catalana e mais o Crítica Serra d'Or de biografías e memorias polo primeiro tomo das súas memorias, tituladas Viure i veure. En 1997 recibe o Premi d'Honor de les Lletres Catalanes.

Avel·lí Artís-Gener morre en Barcelona o 7 de maio do ano 2000 por mor dun infartio de miocardio. En 1993 doara a súa biblioteca persoal e parte da súa correspondencia á Biblioteca de Catalunya.

Obra[editar | editar a fonte]

  • 556 Brigada Mixta (1945)
  • Les dues funcions del circ (1966)
  • Guia inútil de Barcelona
  • Paraules d'Opòton el Vell (1968)
  • Prohibida l'evasió (Premio Prudenci Bertrana 1969)
  • Al cap de vint-i-sis anys
  • L'Enquesta del Canal 4 (Premio Sant Jordi 1972)
  • El pla de la calma (1974)
  • Història en historieta de Catalunya
  • Les nostres coses
  • Festes populars a Catalunya
  • Lluminosa, acolorida Barceloneta
  • Mèxic: una radiografia i un munt de diapositives (1981)
  • Els gossos d'Acteó (1983)
  • L'invent més gran del segle vint (1984)
  • L'arriscada expedició dels pitecàntrops del Montgrony (1985)
  • Trenquem-nos una mica la closca? (1985)
  • El boà taronja (1986)
  • Viure i veure (memorias en catro volumes: 1989, 1990, 1991 i 1996)
  • Vicenç Riera Llorca: fent memòria.
  • Els mots encreuats de Tísner.
  • Ciris trencats (La Campana, 1997)
  • Més ciris trencats (La Campana, 1998)

Traducións ao catalán feitas polo autor[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  1. Sílvia Cóppulo entrevista Avel·lí Artís Gener no programa "Personal" de Catalunya Ràdio (Catalunya Ràdio) (en catalán). 24/07/1993.