Atlas lingüístico ETLEN

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estudiu de la Transición Llingüística na Zona Eo-Navia, Asturias (ETLEN)
Atles llingüísticu dialectográficu - horiométricu - dialectométricu
Portada do atlas lingüístico ETLEN
Autor/aRamón d'Andrés Díaz (dir.), Fernando Álvarez-Balbuena García, Xosé Miguel Suárez Fernández e Miguel Rodríguez Monteavaro
OrixeEspaña
LinguaAsturiano
Xénero(s)Atlas lingüístico
EditorialEdiciones Trabe / Universidá d'Uviéu
Data de pub.2017
Páxinas1.088
editar datos en Wikidata ]

O atlas ETLEN (Estudiu de la transición llingüística na zona Eo-Navia, Asturies), publicado no 2017 en idioma asturiano, é un completo estudo de xeografía lingüística da zona Eo-Navia, que corresponde á fronteira dialectal entre os dominios galego-portugués (galego) e asturleonés (asturiano) na parte estremeira occidental do Principado de Asturias. Trátase da zona do denominado galego de Asturias, galego-asturiano ou eonaviego.

O atlas ETLEN é froito dun proxecto de investigación de campo feito, en fases sucesivas, entre o ano 2000 e o 2014, por un equipo da Universidade de Oviedo / Uviéu formado por Ramón d’Andrés Díaz (director), Fernando Álvarez-Balbuena García, Xosé Miguel Suárez Fernández e Miguel Rodríguez Monteavaro, ademais doutros colaboradores. O obxectivo é obter un avance relevante no coñecemento do feixe de isoglosas que conforman a fronteira lingüística entre o galego-portugués e o asturleonés na devandita zona de Asturias.

Puntos de enquisa[editar | editar a fonte]

Enquisáronse 40 localidades da zona, incluíndo algunhas da provincia limítrofe de Lugo. As localidades son as seguintes, indicando entre parénteses o concello ao que pertencen:

  • Localidades de Asturias de fala asturiana occidental: Buḷḷacente (Tinéu), Ḷḷandelfornu (Villayón), Monesteriu (Cangas del Narcea), Prada (Ayande), El Reboḷḷal (Degaña) e Riumayor (Valdés).

Cuestionario[editar | editar a fonte]

O cuestionario lingüístico constituírono 368 fenómenos contrastivos entre o galego-portugués e o asturleonés, divididos ao mesmo tempo en 3 bloques: un bloque de 111 fenómenos fonético-fonolóxicos; outro de 162 fenómenos de morfosintaxe nominal; e un último bloque de 95 fenómenos de morfosintaxe verbal. Xa que cada fenómeno se ilustrou con varios ítems (exemplos, palabras ou expresións concretas), obtivéronse 531 respostas lingüísticas en cada localidade.

Seccións do atlas[editar | editar a fonte]

O atlas ETLEN consta de 3 seccións que representan tres xeitos de enfocar o estudo lingüístico da zona:

  1. Sección dialectográfica: amósanse os datos lingüísticos nunha colección de 531 mapas dialectais, formando un atlas lingüístico de feitura clásica.
  2. Sección horiométrica: aplícase unha metodoloxía estatística creada expresamente polo equipo investigador (a horiometría) para a medición da fronteira lingüística. Cada trazo diferencial detectado en cada localidade ten catro adscricións xeolectais de acordo coa súa distribución xeográfica no nivel do dominio lingüístico: trazos "occidentais" (galego-portugueses); trazos "orientais" (asturleoneses); trazos "axiais" (exclusivos da zona de fronteira, que non se poden adscribir aos devanditos espazos xeolectais); e trazos "comúns" a todos os espazos xeolectais.
  3. Sección dialectométrica: sométense os datos lingüísticos ás diversas operacións propias da dialectometría, metodoloxía baseada na análise matemático-estatística das semellanzas e diferenzas lingüísticas entre as falas de todas as localidades estudadas. O atlas ETLEN segue os procedementos da Escola Dialectométrica de Salzburgo, dirixida polo romanista austríaco Hans Goebl.

Cada sección está precedida de amplas introducións sobre o estado dos coñecementos lingüísticos da zona, sobre a horiometría e sobre a dialectometría como técnicas de estudo dialectolóxico.

Número de mapas[editar | editar a fonte]

O atlas lingüístico ETLEN está formado por un conxunto de 643 mapas, dos que 531 (o 83%) son dialectográficos, 35 son horiométricos e 77 son dialectométricos. (Na imaxe, un dos mapas dialectométricos do atlas ETLEN).

Resultados[editar | editar a fonte]

O atlas ETLEN ofrece un completo estudo xeolingüístico da zona Eo-Navia, que corresponde ao chamado galego de Asturias, galego-asturiano ou eonaviego. Trátase dun conxunto de falas tradicionalmente clasificadas dentro do dominio galego-portugués, se ben cun número apreciable de trazos que as achegan ao asturleonés, podéndose tipificar como falas galegas de transición ao asturiano.[1] Os seus 531 mapas dialectográficos constitúen unha fonte considerable de datos lingüísticos, moitos deles pouco coñecidos.

Do punto de vista da análise horiométrica, as falas eonaviegas resultan caracterizadas pola presenza maioritaria de trazos de tipo occidental (grosso modo galego-portugués). Por esta razón, a horiometría do ETLEN vén a confirmar a tipificación xa coñecida desde a dialectoloxía tradicional,[2] mais aportando moitos detalles acerca de como se configura cuantitativamente a transición entre ambos os dous dominios lingüísticos.

Un dos mapas dialectométricos do atlas lingüístico ETLEN
Un dos mapas dialectométricos do atlas lingüístico ETLEN

Do punto de vista da dialectometría, as diversas análises revelan, entre outros feitos: a existencia de áreas xeolectais de similitude no sentido norte-sur; a existencia de certos nós dialectais ou acumulacións de similitudes en certas zonas do territorio estudado; a configuración típica dunha zona de fronteira lingüística; os treitos de maior nitidez da fronteira lingüística (treito meridional) fronte ao seu carácter máis difuso (treito setentrional con maior espallamento do feixe de isoglosas). Na análise aglomerativa ou de clústers, revélase unha partición binaria que divide unha zona oriental doutra occidental que na práctica coincide case totalmente coa fronteira lingüística xa coñecida polos estudos dialectolóxicos tradicionais.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Alonso, Dámaso (1943): "Etimologías hispánicas", Revista de Filología Española, 27, pp. 30-47: "[U]na región políticamente asturiana, lingüísticamente gallega, con influjo asturiano decreciente, según se avanza hacia el Eo. Designo esta modalidad lingüística con la palabra gallego-asturiano" (p. 36)
  2. Babarro González, Xoán (2003): Galego de Asturias (2 vols). Vol. 1. Delimitación, caracterización e situación sociolingüística, A Coruña : Biblioteca Filolóxica Galega, Instituto da Lingua Galega; Fernández Rei, Francisco, 1990: Dialectoloxía da lingua galega, Vigo : Edicións Xerais de Galicia); Atlas Lingüístico Galego, [1]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Andrés Díaz, Ramón d’ (dir.); Álvarez-Balbuena García, Fernando; Suárez Fernández, Xosé Miguel & Rodríguez Monteavaro, Miguel (2017): Estudiu de la transición llingüística na zona Eo-Navia, Asturies (ETLEN). Atles llingüísticu dialectográficu - horiométricu - dialectométricu, Uviéu : Trabe / Universidá d'Uviéu. Páxinas: 1.088. ISBN: 978-84-8053-892-3.
  • Andrés Díaz, Ramón de; Fernando Álvarez-Balbuena García; María Cueto Fernández & Xosé Miguel Suárez Fernández (2012): "Frontières linguistiques et horiométrie. La transition linguistique de l’interfluve Eo-Navia (Asturies) et le projet ETLEN", en Álvarez Pérez, Xosé Afonso; Ernestina Carrilho & Catarina Magro (eds.) (2012), Proceedings of the International Symposium on Limits and Areas in Dialectology (LimiAr). Lisbon, 2011, Lisboa : Centro de Linguística da Universidade de Lisboa, pp. 1-21. [2]
  • Andrés Díaz, Ramón d’ (2017): "La frontera xeográfica del asturianu pel occidente", en Ramón d'Andrés Díaz (coord.), Los estudios filolóxicos asturianos, güei / Los estudios filológicos asturianos, hoy, Oviedo : Real Instituto de Estudios Asturianos, pp. 49-81.
  • Andrés Díaz, Ramón de & Fernando Álvarez-Balbuena García (2018): "Projecte ETLEN de mesurament de la frontera entre els dominis asturlleonès i galaicoportuguès", en Germà Colón Domènech & Lluís Gimeno Betí (eds.), Noves tendències en la dialectologia contemporània, Castelló de la Plana : Universitat Jaume I, pp. 205-232.
  • Andrés Díaz, Ramón de (2019): "Atlas lingüístico ETLEN sobre la frontera entre el gallegoportugués y el asturleonés en Asturias", en Madrygal. Revista de Estudios Gallegos 22, pp. 51-62.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]