Atlas (foguete)
Atlas é o nome dunha familia de foguetes espaciais estadounidenses que ten súa orixe no mísil do mesmo nome desenvolvido a finais da década de 1950.[1][2]
Historia
[editar | editar a fonte]O Atlas orixinal foi un mísil balístico intercontinental (ICBM polas súas siglas en inglés) que foi usado como base para toda unha familia de lanzadores espaciais de capacidade media. Diferentes versións do Atlas lanzaron os primeiros astronautas estadounidenses, os primeiros satélites espía, os primeiros orbitadores e aterrizadores luares dos Estados Unidos e as primeiras sondas a Venus, Mercurio, Xúpiter e Saturno.[1]
A orixe dos Atlas está nunha petición de propostas feita en outubro de 1945 por parte da Forza Aérea para un deseño de mísil de longo alcance. En xaneiro de 1946 os enxeñeiros de Consolidated-Vultee, baixo as ordes de Karel Bossart, remitiron a súa proposta, consistente en dous tipos de mísiles: un subsónico, con ás e propulsado a chorro, cun alcance de 6000 millas náuticas; e un supersónico, balístico e propulsado por un motor foguete. As novas tecnoloxías a empregar no mísil balístico incluían o uso de tanques monocasco de aceiro e dunha soa parede, mantidos ríxidos pola presión interna, para minimiza-lo peso; motores movidos por xuntas cardán; unha oxiva separable; e o uso do concepto de "etapa e media" mediante a exección dos motores durante o ascenso, achegándoo ó rendemento dun lanzador capaz de poñer cargas en órbita cunha soa etapa.[1]
O 19 de abril de 1946, Convair recibiu un contrato de 1 983 000 dólares para fabricar e probar dez mísiles MX-774 Hiroc cos que verificar os novedosos conceptos de Bossart. As probas realizaríanse a partir de 1947, en San Diego (California). Finalmente Consolidated Vultee perdeu o concurso para mísil de cruceiro subsónico e os cortes en defensa puxeron fin ás probas cos mísiles MX-774 en xullo de 1947, só tres meses antes do primeiro voo programado. Os fondos restantes permitiron probar tres MX-774 no campo de probas de White Sands entre xullo e decembro de 1947. A guerra de Corea e o comezo da guerra fría relanzaron os presupostos. Convair recibiu un novo contrato en setembro de 1951 para o deseño dun mísil balístico coas características xa validadas dos MX-774.[1]
A principios dos anos 1950 o fallo na ignición dos motores de propelente líquido era maior do 50%, o cal supuña un problema que se resolveu co concepto de "etapa e media": tódolos motores do foguete acendíanse xusto antes da engalaxe e algúns deles exectábanse durante o voo, permitindo por un lado verificar antes da engalaxe que tódolos motores funcionaban e por outro alixeirar peso durante as etapas avanzados do voo, con menos necesidade de pulo. O deseño do Atlas veu o visto e prace en xaneiro de 1955, coa orde Weapon System WS107A-l. Internamente, en Convair o proxecto foi coñecido como Modelo 7.[1]
Tras informes que indicaban un gran progreso da Unión Soviética no seu primeiro mísil intercontinental, o proxecto recibiu a máxima prioridade. As primeiras probas co sistema de propulsión e outros compoñentes tiveron lugar en xuño de 1956 e os primeiros mísiles de proba estiveron listos para finais dese mesmo ano. O primeiro Atlas (Atlas A) voou o 11 de xuño de 1957.[1]
O Atlas, como mísil, quedou rapidamente obsoleto, pechándose as liñas de produción en 1966. As unidades sobrantes foron almacenadas e reusadas como vehículos de lanzamento espacial. O primeiro mísil operacional (o Atlas D), por exemplo, serviu como base para os foguetes que lanzaron as cápsulas do proxecto Mercury. En combinación coas etapas Agena e Centaur, seviron como lanzadores de capacidade media. O último Atlas cunha etapa Agena voou en 1978, mentres que a etapa Centaur converteuse na etapa superior estándar dos foguetes Atlas.[1]
As últimas versións operativas dos foguetes Atlas son os Atlas V.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Atlas |