Saltar ao contido

Asociación de Mulleres de Moaña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Asociación de Mulleres de Moaña
Tipoasociación de mulleres
Data de fundación1978
SedeMoaña
PaísGalicia
editar datos en Wikidata ]

A Asociación de Mulleres de Moaña naceu no ano 1992. Ten a súa orixe na celebración dun curso de alfabetización na Escola de Adultos de Moaña ao que acudiron moitas mulleres, as cales sacaron o graduado escolar e continuaron coa súa formación académica. Estas mulleres decatáronse da importancia de seguir unidas e decidiron asociarse. Para poder crear a asociación marcáronse uns obxectivos: defender os dereitos das mulleres e defender a lingua e a cultura galega. A acta fundacional data do 6 de agosto de 1992.

Nela chégase aos seguintes acordos:

  1. Constituír en Moaña unha asociación de mulleres denominada “Asociación de Mulleres de Moaña”
  2. A finalidade principal da asociación sería conseguir melloras culturais e sociais no ámbito persoal e colectivo.
  3. Redactar uns estatutos para a súa aprobación nunha posterior asemblea.
  4. Formar unha xunta xestora para a axilización de tódolos trámites para a legalización da Asociación de acordo coa lei de Asociacións e Real Decreto 397/88 do 22 de abril.

A primeira xunta xestora quedou constituída da seguinte maneira: presidenta María Boubeta Pena, vicepresidenta Carmen Villaverde, secretaria Ruty Marcos Paz, tesoureira Hortensia Iglesias e vogais Carmen Santomé Santomé, Heleodora Sequeiros López, Josefa Fernández e Emma Fervenza Parada.

Nun comezo eran 60 socias, pero enseguida pasaron a 180, despois a 500, ata a actualidade que son 2141 asociadas[cando?]. Grazas a esta iniciativa todas as mulleres teñen un lugar de reunión e poden relacionarse.

A parte administrativa está levada neste momento pola presidenta Concha Ramos e as vogais Concha Trigo, Teresa Rivas e Mucha López, aínda que o traballo faise entre todas. As xuntanzas normalmente teñen unha periodicidade mensual, variando en función dos temas a tratar. O local posúe un amplo horario de atención ao público. As asociadas reciben unha carta trimestral onde se lles indican as actividades e horarios.

Aínda que a asociación está pensada para Moaña, tamén poden acudir mulleres doutros lugares así como os fillos e fillas das asociadas para así asistir ás diversas actividades que se ofertan. Poden asistir de pleno dereito a partir dos 18 anos ou antes coa autorización dos titores e sempre e cando a nai sexa socia.

As actividades que se ofertan son, entre outras: obradoiros de encaixe de bolillos, de gancho e calceta, de patchwork, de bailes de salón, baile galego, danza latina, zumba, ioga, pilates, costura, corte e confección, técnica vocal, venres culturais, curso de inglés de diferentes niveis, de francés, de aprendizaxe básica e cultura, de benestar e autoestima; ximnasia hipopresiva. Tamén teñen un grupo de teatro propio e un coro (Chorima)

Existe ademais unha aula de cultura xeral e autoestima, á que asisten  mulleres de todas as idades. É un espazo no que se pode aprender moito. Está dirixida por Elisa de la Peña, a cal faino de xeito gratuíto ao igual que outras mestras que tamén colaboran impartindo diferentes cursos.

No ano 2017, con motivo do Día das Letras Galegas, dedicouse un tempo especial a conmemorar a figura de Carlos Casares cunha xuntanza dos seus antigos alumnos os cales lle fixeron unha homenaxe e presentouse un libro sobre a súa figura elaborado por Henrique Monteagudo,

Unha das celebracións que cobra maior importancia é o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Neste día fanse exposicións e presentación de libros. Na Oliveira de Moaña celébrase un acto simbólico para recordar ás mulleres vítimas de violencia de xénero; faise unha análise das estatísticas elaboradas e inténtase realizar un labor de concienciación sobre este grave problema.

A outra data é o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, na que se realizan diversos actos en colaboración co Concello. As propias integrantes da asociación afirman que a idea que hai que reivindicar non é ser iguais aos homes, senón ter os mesmos dereitos e oportunidades. Este día a asociación celebra unha festa, neste caso, exclusiva para as mulleres.

Unha festa que xa ten unha gran tradición e que mobiliza a moita xente é a Festa do Mexilón de Moaña. Para organizala contan coa colaboración da Asociación de mexilloeiros que doan o mexillón mentres as mulleres o preparan para a súa degustación. Grazas ao recadado nesta festa obtense unha axuda económica importante.

Tamén se organizan moitas viaxes, tanto dentro como fóra do país. Algunha das viaxes realizadas foron a Asturias, Santander, Cuenca, Sevilla, Granada, Toledo, Córdoba, Cádiz, Marrocos, Istambul, París e Italia.

Xunto a este carácter lúdico e cultural, hai tamén un transfundo de solidariedade como ben o demostraron coa súa axuda na catástrofe do Prestige ou unha concentración contra a guerra de Iraq.

Esta asociación é un gran piar para Moaña. A asociación mantén relacións con outras asociacións, sobre todo, coa asociación de Domaio  Poza da Moura e coa de Redondela.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]