Antonio Pexegueiro
| Nome orixinal | Antonio Pexegueiro Riveiro |
|---|---|
| Biografía | |
| Altura | 1,70 m. |
| Actividade | |
| Ocupación | futbolista |
| Deporte | fútbol |
| Posición de xogo | Centrocampista |
Antonio Pexegueiro Riveiro, máis coñecido como Vavá, nado no Porriño o 18 de agosto de 1949, é un exfutbolista ex-adestrador galego, que xogaba de centrocampista. Desenvolveu a maior parte da súa carreira no Pontevedra, co que disputo 205 encontros, anotando 75 goles, sendo o terceiro máximo goleador da súa historia, só por detrás de Charles e Couto. Militou tamén no Compostela e no Celta de Vigo, debutando con este último na Primeira División.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Comezou a xogar ao fútbol na súa vila natal, onde recibiu o alcume de Vavá, en referencia ao futbolista brasileiro Vavá. Xogou no Porriño Industrial e en xuño de 1968 asinou co Atlético Pontevedrés, o filial do Pontevedra CF que militaba na Terceira División.[1][2]
Despois de dúas tempadas e media no filial, o 6 de xaneiro de 1971 debutou co primeiro equipo da man do adestrador Biosca, nun partido da Copa do Xeneralísimo contra o Ourense no que entrou na segunda parte como substituto de Neme.[3] Catro días despois disputou o seu primeiro partido na Segunda División, contra o Langreo en Pasarón. Entrou tralo descanso, no lugar de Huerta, e cinco minutos despois marcou o primeiro dos dous goles do seu equipo (2-0).[4] Xogou un total de seis partidos co primeiro equipo esa tempada, e na seguinte saíu cedido ao Compostela, da Terceira División.[1]
Regresou ao Pontevedra para a tempada 1972/73, na que foi titular no centro do campo, e acabou como máximo goleador do equipo, con 12 goles. Con todo, o equipo descendeu á Terceira División. Foi de novo o máximo goleador do equipo nas seguintes tres campañas na categoría de bronce, e en 1976 regresou á Segunda División. Disputou case todos os encontros da 1976/77 con Lalo no banco, e marcou sete goles, pero o Pontevedra volveu descender, esta vez á Segunda División B. Xogou 205 partidos oficias co Pontevedra, nos que anotou 75 goles, sendo no momento da súa marcha o máximo goleador da historia do club.
En 1977 fichou polo Celta de Vigo, sendo titular na maioría de partidos na súa primeira tempada, e a pesar de ter unhas cifras goleadoras máis baixas do esperado por mor dunhas molestias físicas, o equipo acabou logrando o ascenso á Primeira División.[5] Debutou na máxima categoría na terceira xornada da tempada 1978/79, na vitoria por 1-0 contra a Real Sociedad en Balaídos, e marcou o seu primeiro gol na 13, facendo o terceiro e definitivo gol da vitoria contra o Burgos. O Celta descendeu a Segunda esa tempada, e a Segunda B na seguinte, momento no que Vavá deixou o club.
En 1980 fichou de novo polo Porriño, de Terceira División, no que xogou ata a tempada 1982/83, cando colgou as botas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Vavá: "Intentaré marcar"". La Voz de Galicia (en castelán). 29 de setembro de 1974. p. 41.
- ↑ "Descanso a los jugadores del Pontevedra". El Pueblo Gallego (en castelán). 5 de xuño de 1968. Consultado o 7 de outubro de 2021.
- ↑ "En Orense ganó el Pontevedra". El Pueblo Gallego (en castelán). 7 de xaneiro de 1971. p. 15. Consultado o 7 de outubro de 2021.
- ↑ "2-0: Después del descanso se doblegó al Langreo". El Pueblo Gallego (en castelán). 12 de xaneiro de 1971. p. 14. Consultado o 7 de outubro de 2021.
- ↑ "Vavá quiere recuperar su puesto". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de febreiro de 1978. p. 32.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Datos do xogador en BDFutbol (en castelán).