Antonimia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Antónimo")

A antonimia é a relación entre dúas palabras que teñen significados opostos, como grande ou pequeno.

Os campos semánticos organízanse mediante diversos tipos de relacións entre os significados dos lexemas. Dentro dos tipos de relacións coas que se organizan (relacións de incompatibilidade, relacións de inclusión e relacións entre significantes e significados), á hora de definir antonimia interésanos a primeira: relacións de incompatibilidade.

Entendemos por incompatibilidade a relación establecida entre significados lingüísticos pola cal un termo supón a exclusión do outro.

Non hai que confundir a incompatibilidade co significado diferente, así:

alto e rubio son compatibles: un neno rubio alto.
alto e baixo son incompatibles: *un neno alto baixo.

Hai cinco clases de relacións de incompatibilidade, destas, as tres primeiras considéranse antonimia:

  1. Privativas ou complementarias: Establécese entre dous lexemas cando un deles presenta un ou varios semas distintivos significativos e o outro mostra precisamente esa carencia: falar / calar
  2. Graduais: Entre os lexemas hai gradación, hai vocábulos que representan puntos intermedios nunha escala: alto / baixo, fermoso / feo, longo / curto.
  3. De inversión: Son relacións de reciprocidade: nai / filla, compra / venda, doar / recibir.
  4. Equipolentes: É unha relación múltiple entre máis de dous membros. Cada un dos lexemas é incompatible con todos e cada un dos lexemas que manteñen este tipo de relación, pero todos teñen un trazo significativo común: Instrumento (trazo común) / guitarra, piano, trompeta (vocábulos equipolentes)
  5. A neutralización: As oposicións léxicas poden neutralizarse, é dicir, en determinados contextos ou situacións, unha distinción, que normalmente é funcional, pode quedar suspendida e un dos seus termos, o caracterizado ou 'marcado positivamente' inclúese no 'non marcado'
  • día (non marcado), período con luz
  • noite (marcado), período sen luz
  • día (neutro), período de 24 horas (día + noite)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]