Anselmo López García

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaAnselmo López García
Biografía
Nacemento19 de maio de 1896 Editar o valor em Wikidata
A Habana, Cuba Editar o valor em Wikidata
Morte1983 Editar o valor em Wikidata (86/87 anos)
Ourense, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónmilitar , político Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Anselmo López García, nado na Habana o 19 de maio de 1896 e finado en Ourense en 1983, foi un militar e avogado galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Capitán de Infantaría destinado ao Batallón de Cazadores de Montaña de Ourense. Estudou dereito na Universidade de Santiago de Compostela licenciándose en 1931.[1] Significado republicano, coa proclamación da República en Ourense foi levantado nos ombros e aplaudido.[2] Retirado coa lei Azaña, foi xuíz municipal de Ourense no primeiro bienio. Foi candidato polo Partido Republicano Radical Socialista da candidatura Republicano-Radical-Socialista-Nacionalista nas eleccións a Cortes constituíntes de 1931,[3] pero non foi elixido. Foi vogal da directiva do PRRS de Ourense en decembro de 1931,[4] e despois presidente da agrupación local; integrouse en Izquierda Republicana. Formou parte de sociedades recreativas e culturais como a Deportiva Fluvial.

Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 trasladouse a Tui o 25 de agosto aconsellado polo gobernador civil Manuel Quiroga Macía, porque "estaba ameazado de ser agredido na rúa". Actuou como defensor en varias causas incoadas aos defensores de Tui, chegando a manifestar a súa protesta diante dun Tribunal por atoparse con sentenzas xa ditadas previamente que facían inútil o seu labor como defensor. Despois pasou a residir en Vigo. A principios de novembro foi trasladado a Asturias por orde do responsable da VIII División onde permaneceu tres meses desmpeñando varias comisións. Procesado no sumario 598/36, foi xulgado en consello de guerra presidido por Ambrosio Feijoo Pardiñas no que actuou como fiscal Joaquín Otero Goyanes o 23 de marzo de 1937, con Marcial García Barros, Marcelino Otaduy Vázquez, Manuel Suárez Castro, Eduardo París Villar, Antonio Taboada Nóvoa e Higinio López Barrio.[5] Foi condenado a cadea perpetua. Foi dado de baixa no exército en setembro de 1937.[6] Cumpriu condena no Castelo de San Filipe de Ferrol. Abríronlle expediente de incautación de bens en maio de 1938. No franquismo exerceu como avogado en Ourense.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou en Miño con María Joaquina Morais García, filla de Ricardo Morais Arines, en 1923,[7] e foi pai de Anselmo, Ricardo, José Javier, Antonio José Joaquín, María del Carmen e Concepción López Morais.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. El Ideal Gallego, 21-2-1931, p. 5.
  2. El Pueblo Gallego, 16-4-1931, p. 8.
  3. La Zarpa, 24-6-1931, p. 1.
  4. Vida Gallega, 30-12-1931, p. 51.
  5. La Región, 24-3-1937, p. 3.
  6. BOE, 6-9-1937, p. 3221.
  7. La Región, 27-9-1923, p. 1.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]