Altiplano de Siberia Central

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Altiplano de Siberia Central
Vista do río Nizhnyaya Tunguska no altiplano de Siberia Central
Localización
Continente/sAsia
País/esRusia Rusia
Coordenadas64°N 103°L / 64, -103Coordenadas: 64°N 103°L / 64, -103
Datos
Cota1678[1] msnm
Superficie3 500 000
Lonxitude2000
Ancho2000

O altiplano de Siberia Central (en ruso: Среднесиби́рское плоского́рье, en iacut: Орто Сибиир хаптал хайалаах сирэ) é unha rexión xeográfica siberiana formada por un conxunto de mesetas pouco elevadas que se atopan entre os ríos Ienisei e Lena.[2] Cobre dous terzos de Siberia.[3]

Ten unha extensión de máis de 3 500 000 km² e a parte máis elevada é a meseta de Putorana que chega ata os 1700 m. É unha rexión cun clima hostil, continental e frío e, aínda que posúe unha considerable riqueza mineral, mantívose practicamente deshabitada.

A maior parte do territorio está cuberto por bosques de coníferas. O río máis importante do altiplano é o río Tunguska Inferior. O clima é continental, con veráns curtos e cálidos e longos invernos moi fríos.

Administrativamente, pertence á Federación Rusa, concretamente á república de Sakha, o óblast de Irkutsk e o krai de Krasnoiarsk.

Xeografía[editar | editar a fonte]

O altiplano de Siberia Central está limitado, ao norte pola chaira de Siberia Setentrional en que se atopa a chaira pantanosa Taimyr; ao sur polos diferentes macizos montañosos de Siberia meridional, como os montes Saian e as montañas Baikal que bordean o lago Baikal; ao oeste polo río Ienisei, que a separa da chaira de Siberia Occidental; ao leste, pola chaira de Iacutia Central, pola que discorre o curso baixo do río Lena. Ao leste do río sitúase a cordilleira Verkhoiansk, que pertence ás montañas de Siberia Oriental.

Está constituída principalmente por mesetas e cadeas montañosas claramente separadas, cunha altitude media de entre 500 e 700 m, pero con algúns subconxuntos que superan os 1000 m. O altiplano culmina na súa parte central a 1044 m, no suroeste aos 1104 m (dentro das montañas do Ienisei) e ao nordés na meseta do Viliui, que separa as concas do río Oleniok e do río Lena, a 962 m. O punto máis alto do altiplano está localizado no noroeste dos montes Putorana (1701 m).

Xeoloxía[editar | editar a fonte]

O altiplano forma parte da Traps Siberianas, rexión xeolóxica creada por unha importante erupción volcánica hai uns 500 millóns de anos entre os períodos Pérmico e Triásico. O altiplano é rico en recursos minerais e enerxéticos: ouro, diamantes, ferro, carbón, petróleo e gas natural.

Flora[editar | editar a fonte]

O altiplano está cuberto principalmente pola taiga, que cara ao norte vai sendo substituída pola tundra e a tundra boscosa. Esta última caracterízase pola vexetación a nivel do chan de musgos, fieitos e arbustos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Russia. Topographic map R-45,46; M 1: 1 000 000
  2. Среднесибирское плоскогорье (Central Siberian Plateau) Arquivado 27 de xullo de 2020 en Wayback Machine. / Great Russian Encyclopedia; in 35 vol.] / Ch. ed. Yu.S. Osipov . - M .: Great Russian Encyclopedia, 2004—2017.
  3. "The Central Siberian Plateau". Encyclopædia Britannica. Consultado o 13-07-2007. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]