Alismataceae
Alismataceae | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Sagittaria latifolia | |||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||
| |||||||||||
Mapa de distribución.
| |||||||||||
Xéneros | |||||||||||
Ver texto. |
As alismatáceas (nome científico Alismataceae Vent.) son unha familia de plantas monocotiledóneas da orde Alismatales. É utilizada por sistemas de clasificación modernos como o sistema de clasificación APG III (2009) e o APWeb (2001 en diante).[2][3] A súa circunscrición cambiou nos últimos anos, o antigo APG II no 2003 definiuna de forma estrita, agora tanto o APG III como o APWeb defínena en forma ampla ("Alismataceae sensu lato") incluíndo os xéneros antes comprendidos en Limnocharitaceae, para que a familia se manteña monofilética.[4]
Como aquí definida comprende 15 xéneros amplamente distribuídos, especialmente en áreas tépedas do Hemisferio Norte. Son herbas perennes, palustres ou acuáticas, laticíferas. Posúen follas flotantes ou aéreas, pecioladas cunha vea media prominente, pero as especies son moitas veces dificultosas de determinar porque hai moita variación na morfoloxía da folla, que ten que ver con parámetros ambientais como a profundidade da auga, a súa composición química e o seu caudal, mesmo adoitan aparecer moitas morfoloxías de folla dentro dunha mesma planta (por exemplo, as follas mergulladas son usualmente lineais, mentres que as flotantes ou emerxentes son pecioladas). As flores son de monocotiledóneas, con sépalos e pétalos, os pétalos abigarrados no pimpollo.Cando os sexos están separados, as flores femininas teñen 6 ou máis carpelos, libres ou soldados na base, e as flores masculinas teñen moitas anteras extrorsas. Moitas veces as inflorescencias están constituídas por verticilos bracteados de flores. Nas sementes obsérvase claramente que o embrión está fortemente curvado.
Descrición
[editar | editar a fonte]Herbas perennes (raramente anuais), rizomatosas, acuáticas (entón flotantes ou emerxentes) ou de marismas, con laticíferos, o látex branco. Tecidos máis ou menos aerenquimatosos. O talo é un cormo ou rizoma, o último ás veces portando tubérculos.
Usualmente sen pelos.
Follas alternas, espirais ou dísticas, usualmente máis ou menos basais, simples, de marxe enteira, usualmente pecioladas (raramente sésiles), usualmente cunha lámina ben desenvolvida, con venación paralela, ou ás veces palmada segundo Judd 2007 (reticulada segundo Simpson 2005), envainadoras na base. Ás veces polimórficas, coas mergulladas máis angostas, e as flotantes ou emerxentes máis amplas, lineais a ovadas a triangulares saxitadas ou hastadas. Sen estípulas. Pequenas escamas presentes no nodo dentro da vaina da folla.
As especies moitas veces son difíciles de identificar debido á gran variación na morfoloxía da folla, que se correlaciona con parámetros ambientais como a intensidade da luz, a profundidade da auga, a química da auga, e o caudal (Adams e Godfrey 1961).[5] As follas mergulladas son usualmente lineais, mentres que as flotantes ou emerxentes son pecioladas con lámina elíptica a ovada cunha base aguda a saxitada. Moitas formas de follas diferentes poden aparecer na mesma planta.
Inflorescencias determinadas, pero moitas veces parecendo indeterminadas, con ramas ou flores moitas veces máis ou menos verticiladas, terminais, no ápice dun escapo, sendo un acio ou unha panícula (ás veces como unha umbela). Sen espata.
Flores bisexuais ou unisexuais (plantas entón monoicas), radiais, subsésiles a pediceladas, bracteadas, hipóginas, o receptáculo é chato ou expandido e convexo.
O perianto en dous verticilos e diferenciado en cáliz e corola ("diclamídeo"), trímero, sen hipanto.
3 sépalos, separados, imbricados.
3 pétalos, separados, imbricados e engurrados, usualmente brancos ou rosas, caducos.
Estames usualmente 6, 9, ou numerosos (raramente 3), filamentos separados, libres doutras partes da flor, nun verticilo ou en dous verticilos (moitas veces en pares). As anteras son lonxitudinais, de dehiscencia extrorsa ou latrorsa.
Pole usualmente de 2 a poliporado.
Carpelos 3, 6, ou numerosos, separados, ovario súpero, con placentación máis ou menos basal (raramente marxinal). 1 estilo e 1 estigma diminuto, os dous terminais. Óvulos poucos a máis comunmente 1 por carpelo (raramente numerosos), anátropos, bitégmicos.
Nectarios na base dos carpelos, estames, ou pezas do perianto.
O froito é un agregado de aquenios (ou folículos que se abren basalmente).
Sementes sen albumina. Embrión fortemente curvado, sen endosperma.
Ecoloxía
[editar | editar a fonte]Amplamente distribuídas, especialmente en rexións tépedas do Hemisferio Norte.
Plantas de marismas de auga doce, pantanos, lagos, ríos e correntes de auga.
As vistosas flores de Alismatacae son polinizadas por varios insectos colectores de pole (moitas veces abellas e moscas).
En Alisma e Echinodorus as flores son bisexuais, mentres que usualmente son unisexuais en Sagittaria.
Os aquenios son moitas veces dispersados por auga, flotan debido á presenza de tecido esponxoso e son resinosos na superficie exterior. Tamén son comidos e así dispersados por aves acuáticas.
Filoxenia
[editar | editar a fonte]Alismataceae defínese en sentido amplo (incluíndo Limnocharitaceae, ver Pichon 1946, Thorne 1992) e considérase monofilética sobre a base de caracteres morfolóxicos e de ADN (Dahlgren et al. 1985, Les e Haynes 1995, Soros e Lls 2002).[6][7][8][9][10] Os xéneros con aquenios e só un óvulo basal por carpelo (por exemplo Alisma, Sagittaria, e Echinodorus) poden formar un subgrupo monofilético (Chase et al. 1993, 1995b).[11][12]
Alismataceae (e Butomaceae) foron algunha vez consideradas monocotiledóneas primitivas (Cronquist 1981, Hutchinson 1973), debido ós seus estames separados e numerosos e os seus carpelos, en flores que son superficialmente como as de Ranunculaceae.[13][14] Con todo, os estudos do desenvolvemento e anatómicos indicaron que estes numerosos estames son en realidade un aumento secundario.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]A familia foi recoñecida polo APG III (2009), o Linear APG III (2009) asignoulle o número de familia 32.[2] A familia xa fora recoñecida polo APG II (2003).[4]
Sinónimos (segundo o APWeb[3]): Damasoniaceae Nakai, Limnocharitaceae Cronquist
15 xéneros, 100 especies. Os xéneros máis representados son Echinodorus (45 especies), e Sagittaria (35 especies). A lista de xéneros, a xaneiro de 2009:[15]
- Alisma L., Sp. Pl.: 342 (1753).
- Astonia S.W.L.Jacobs, Telopea 7: 140 (1997).
- Baldellia Parl., Nuov. Xene. Sp. Monocot.: 57 (1854).
- Burnatia Micheli en A.L.P.P.de Candolle & A.C.P.de Candolle, Monogr. Phan. 3: 81 (1881).
- Caldesia Parl., Fl. Ital. 3: 598 (1860).
- Damasonium Mill., Gard. Dict. Abr. ed. 4 (1754).
- Echinodorus Rich., Mém. Mus. Hist. Nat. 1: 365 (1815).
- Limnophyton Miq., Fl. Ned. Ind. 3: 242 (1856).
- Luronium Raf., Autik. Bot.: 63 (1840).
- Ranalisma Stapf, Hooker's Icon. Pl. 27: t. 2652 (1900).
- Sagittaria Rupp. ex L., Sp. Pl.: 993 (1753).
- Wiesneria Micheli en A.L.P.P.de Candolle & A.C.P.de Candolle, Monogr. Phan. 3: 82 (1881).
Xéneros de Limnocharitaceae, incluídos en Alismataceae sensu lato polo APWeb:[15]
- Butomopsis Kunth, Enum. Pl. 3: 164 (1841).
- Hydrocleys Rich., Mém. Mus. Hist. Nat. 1: 368 (1815). (nota: Hydrocleis é sinónimo)
- Limnocharis Humb. & Bonpl., Pl. Aequinoct. 1: 116 (1808).
Importancia económica
[editar | editar a fonte]Sagittaria, Alisma, Echinodorus e Hydrocleys proporcionan plantas ornamentais para estanques e acuarios.
Os rizomas de Sagittaria son comestibles.
Algúns taxóns desta familia son utilizados como alimento por pobos indíxenas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Elspeth Haston, James E. Richardson, Peter F. Stevens, Mark W. Chase, David J. Harris. The Linear Angiosperm Phylogeny Group (LAPG) III: a linear sequence of the families in APG III Botanical Journal of the Linnean Society, Vol. 161, No. 2. (2009), pp. 128-131. doi:10.1111/j.1095-8339.2009.01000.x Key: citeulike:6006207 pdf: http://onlinelibrary.wiley.com/doi/10.1111/j.1095-8339.2009.01000.x/pdf
- ↑ 2,0 2,1 The Angiosperm Phylogeny Group III ("APG III", en orde alfabética: Brigitta Bremer, Kåre Bremer, Mark W. Chase, Michael F. Fay, James L. Reveal, Douglas E. Soltis, Pamela S. Soltis y Peter F. Stevens, además colaboraron Arne A. Anderberg, Michael J. Moore, Richard G. Olmstead, Paula J. Rudall, Kenneth J. Sytsma, David C. Tank, Kenneth Wurdack, Jenny Q.-Y. Xiang y Sue Zmarzty) (2009). "An update of the Angiosperm Phylogeny Group classification for the orders and families of flowering plants: APG III.". Botanical Journal of the Linnean Society (161): 105–121. Arquivado dende o orixinal (pdf) o 25 de maio de 2017.
- ↑ 3,0 3,1 Stevens, P. F. (2001 en adiante). "Angiosperm Phylogeny Website (Versión 9, xuño de 2008, e actualizado dende entón)" (en inglés). Consultado o 12 de xaneiro de 2009.
- ↑ 4,0 4,1 [Ligazón morta]
- ↑ Adams, P.; Godfrey, R. K. (1961). "Observations on the Sagittaria subulata commplex.". Rhodora (63): 247-266. Consultado o 25 de febreiro de 2008.
- ↑ Pichon, M. (1946). "Sur les Alismatacées et les Butomaceés.". Not. Syst. (12): 170–183.
- ↑ Thorne, R. F. (1992). "Classification and geography of the flowering plants.". Bot. Rev. (58): 225–348.
- ↑ Dahlgren, R. M.; Clifford, H. T., Yeo, P. F. (1985). The families of the monocotyledons. (Springer-Verlag ed.). Berlín.
- ↑ Les, D. H.; Haynes, R. R. (1995). "Systematics of subclass Alismatidae: A synthesis of approaches.". En Rudall, P. J., Cribb, P. J., Cutler, D. F., y Humphries, C. J. Monocotyledons: Systematics and evolution. Vol. 2 (Royal Botanic Gardens ed.). Kew. pp. 353–377.
- ↑ Soros, C. L.; Les, D. H. (2002). "Phylogenetic relationships in the Alismataceae. Abstract.". Botany (2002): 152.
- ↑ Chase, M. W.; Soltis, D. E., Olmstead, R. G., Morgan, D., Les, D. H., Mishler, B. D., Duvall, M. R., Price, R. A., Hills, H. G., Qiu, Y.-L., Kron, K. A., Rettig, J. H., Conti, E., Palmer, J. D., Manhart, J. R., Sytsma, K. J., Michaels, H. J., Kress, W. J., Karol, K. G., Clark, W. D., Hedrén, M., Gaut, B. S., Jansen, R. K., Kim, K.-J., Wimpee, C. F., Smith, J. F., Furnier, G. R., Strauss, S. H., Xiang, Q.-Y., Plunkett, G. M., Soltis, P. S., Swensen, S. M., Williams, S. E., Gadek, P. A., Quinn, C. J., Eguiarte, L. E., Golenberg, E., Learn, G. H., Jr., Graham, S. W., Barrett, S. C. H., Dayanandan, S., y Albert, V. A. (1993). "Phylogenetics of seed plants: An analysis of nucleotide sequences from the plastid gene rbcL.". Ann. Missouri Bot. Gard. (80): 528–580. Consultado o 25 de febreiro de 2008.
- ↑ Chase, M. W.; Stevenson, D. W., Wilkin, P., y Rudall, P. J. (1995b). "Monocot systematics: A combined analysis.". En Rudall, P. J., Cribb, P. J., Cutler, D. F. Monocotyledons: Systematics and evolution. (Royal Botanic Gardens ed.). Kew. pp. 685–730.
- ↑ Cronquist, A. (1981). An integrated system of classification of flowering plants. Nova York: Columbia University Press.
- ↑ Hutchinson, J. (1973). The families of flowering plants. 3rd. ed. Oxford: Clarendon Press.
- ↑ 15,0 15,1 "Royal Botanic Gardens, Kew: World Checklist Series" (en inglés). Consultado o 15 de xaneiro de 2009.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Judd, W. S.; C. S. Campbell, E. A. Kellogg, P. F. Stevens, M. J. Donoghue (2007). "Alismataceae". Plant Systematics: A Phylogenetic Approach, Third edition. Sunderland, Massachusetts: Sinauer Associates. pp. 252–254. ISBN 978-0-87893-407-2.
- Simpson, Michael G. (2005). "Alismataceae". Plant Systematics. Elsevier Inc. pp. 160–163. ISBN 0-12-644460-9 ISBN 978-0-12-644460-5.
- Stevens, P. F. (2001 en adiante). "Angiosperm Phylogeny Website (Versión 9, xuño de 2008, e actualizado dende entón)" (en inglés). Consultado o 12 de xaneiro de 2009.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Watson, L.; Dallwitz, M. J. "Alismataceae". The families of flowering plants: descriptions, illustrations, identification, and information retrieval. Versión: 1 de xuño de 2007. (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 1 de febreiro de 2009. Consultado o 15 de xaneiro de 2009.
- Watson, L.; Dallwitz, M. J. "Limnocharitaceae". The families of flowering plants: descriptions, illustrations, identification, and information retrieval. Versión: 1 de xuño de 2007. (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 1 de febreiro de 2009. Consultado o 15 de xaneiro de 2009.