Alcaldes de Ferrol

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O alcalde de Ferrol é a máxima autoridade política do Concello de Ferrol. De acordo coa "Lei Orgánica 5/1985", de 19 de xuño, do "Réxime Electoral Xeral" (actualmente en vigor) o alcalde é elixido pola corporación municipal de concelleiros, que á súa vez son elixidos por sufraxio universal polos cidadáns e cidadás de Ferrol con dereito a voto, mediante eleccións municipais celebradas cada catro anos. Na mesma sesión de constitución da corporación procédese á elección do alcalde, podendo ser candidatos todos os concelleiros que encabezan as correspondentes listas. É proclamado electo o candidato que obtén a maioría absoluta dos votos. Se ningún deles obtén esta maioría é proclamado alcalde o concelleiro que encabeza a lista máis votada.

A actual corporación municipal ferrolá está composta por 25 concelleiros e o alcalde da cidade, desde o 15 de xuño de 2019 é Ángel Mato do PSdeG-PSOE, quen resultando o segundo candidato máis votado nas urnas, accedeu á alcaldía ao contar co apoio na investidura dos seus 8 concelleiros, 3 de Ferrol en Común e 2 do BNG.

Lista de alcaldes de Ferrol durante o período democrático[editar | editar a fonte]

Esta é a lista de alcaldes da cidade desde a celebración das eleccións municipais españolas de 1979 até a actualidade:

Ano inicio Ano fin Nome Partido Notas
1979 1983 Xaime Quintanilla Ulla PSdeG-PSOE Pacto PSdeG-PSOE+PCG+UG
1983 1987 Xaime Quintanilla Ulla PSdeG-PSOE Pacto PSdeG-PSOE+PCG
1987 1989 Alfonso Couce Doce AP Substituído polo seu primo Manuel Couce Pereiro en moción de censura
1989 1991 Manuel Couce Pereiro PSdeG-PSOE Accedeu mediante moción de censura ao seu primo Alfonso Couce Doce
1991 1991 Mario Villaamil Pérez PPdeG 89 días no cargo. Substituído mediante moción de censura por Manuel Couce Pereiro
1991 1995 Manuel Couce Pereiro PSdeG-PSOE Accedeu mediante moción de censura a Mario Villaamil Pérez. Pacto PSdeG-PSOE+EU
1995 1999 Juan Blanco Rouco PPdeG Pacto PPdeG+IF
1999 2003 Xaime Bello Costa BNG Pacto BNG+PSdeG-PSOE. O PPdeG foi a lista máis votada
2003 2007 Juan Manuel Juncal Rodríguez PPdeG Pacto PPdeG+IF
2007 2011 Vicente Luís Irisarri Castro PSdeG-PSOE Pacto PSdeG-PSOE+EU
2011 2015 José Manuel Rey Varela PPdeG Primeiro alcalde con maioría absoluta
2015 2019 Jorge Suárez Fernández Ferrol en Común Pacto Ferrol en Común+PSdeG-PSOE, con apoio do BNG. O PPdeG foi a lista máis votada.
2019 actualidade Ángel Manuel Mato Escalona PSdeG Pacto PSdeG-PSOE+Ferrol en Común+BNG. O PPdeG foi de novo a lista máis votada.