Alberto Martínez Tíscar
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1895 Pontevedra, España |
Morte | 6 de setembro de 1936 (40/41 anos) Bueu, España |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Educación | Universidade de Madrid |
Actividade | |
Ocupación | avogado , político |
Lingua | Lingua castelá |
Alberto Martínez Tíscar, nado en Pontevedra cara a 1895 e finado en Bueu o 6 de setembro de 1936, foi un avogado e político galego.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Estudou Dereito na Universidade Central de Madrid.[1] Foi oficial da Deputación de Pontevedra e secretario da Xunta provincial de Beneficencia de Pontevedra. Foi elixido concelleiro monárquico de Pontevedra en 1931, evolucionou cara ao centrismo de Manuel Portela Valladares o que fixo aparecer rumores sobre a súa pertenza á masonería. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido a noite do 6 de setembro de 1936 na súa casa do Covelo (Samieira) por un grupo de gardas civís, falanxistas e cívicos, acusado de prestar axuda á esquerda nas eleccións de febreiro. Conducido a Pontevedra, foi introducido nunha camioneta con outros detidos; logo de ser torturados, foron paseados ás aforas de Bueu e fondeados no mar. O seu cadáver apareceu corenta días despois na beira do mar en P. do Muíño (Beluso). Ao día seguinte da súa desaparición, a familia obrigou os fillos a ir ao Instituto vestidos de falanxistas.[2]
Anos despois un seu irmán falanxista denunciou os feitos, e abriuse unha causa na que eran acusados o comandante da Garda Civil Joaquín Velarde, o gobernador civil Ricardo Macarrón Piudo e o deputado de Renovación Española e xefe da Garda Cívica Víctor Lis Quibén; entre os participantes directos na detención e feitos posteriores, noméanse varios falanxistas de Lalín e Vilaboa, ademais dos cívicos pontevedreses Borrajo, Mirón “O Cheira”, José Estévez “O Raña” e Avelino Fraga “O Chalán”. A causa foi sobresida.
Vida persoal[editar | editar a fonte]
Casou coa mestra Vicenta Hevia Marinas, irmá de Remigio Hevia Marinas, en 1919,[3] e foi pai de Vicente Martínez Hevia, que chegou a xeneral durante a ditadura franquista.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ El Progreso, 26-9-1914, p. 2.
- ↑ Jabois, M. (25 de outubro de 2009). "Aquí tuteamos a todo cristo". Diario de Pontevedra.
- ↑ El Progreso, 24-5-1919, p. 2.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Álvarez Castro, Xosé (2013). "Cunetas sembradas de muerte. La represión extrajudicial en la provincia de Pontevedra" (PDF). Memòria antifranquista del Baix Llobregat (13): 15–20. Consultado o 12 de abril de 2020.
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Alberto Martínez Tíscar na páxina web Nomes e Voces.