Saltar ao contido

Agrupación Deportiva A Pinguela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Agrupación Deportiva A Pinguela foi un equipo de voleibol galego, da vila de Monforte de Lemos. O club foi creado en 1987 e desapareceu en 2013 por falta de recursos económicos e xogadoras locais.[1] Nos últimos anos da historia do club, o seu patrocinador principal foi a Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

A AD A Pinguela foi creada en 1987 adicándose á promoción e á práctica do voleibol, e no seu segundo ano de existencia o club conseguiu presentar un equipo sénior que competiu en Segunda división, e logo de dúas tempadas conseguiu o ascenso á Superliga.[2] O seu maior éxito chegou na tempada 1996-97, cando o seu equipo sénior conseguiu o ascenso á Superliga, a máxima categoría do voleibol español e na que permaneceu ata a tempada 2006-07, cando descendeu á segunda categoría, a Superliga 2.

Na tempada 1999-00 conseguiu o campionato de España en categoría cadete no torneo celebrado en Murcia e finaliza no terceiro posto no campionato celebrado en Madrid. Na tempada 2000-2001 conseguiu o campionato de España xuvenil celebrado ante a súa afección en Monforte de Lemos. En febreiro do 2004 organizou a XXIX edición da Copa da Raíña,[3] aínda que finalmente o título foi ás mans do Tenerife Marichal na mesma tempada na que logrou o campionato de Europa. Con todo, na tempada 2006-07 o equipo monfortino descendía á Superliga 2 logo de perder na súa casa fronte ao Menorca ante un milleiro de persoas nas bancadas.[4]

No 2009 o equipo sénior conseguiu chegar á final da Copa da Princesa disputada no seu pavillón, mais caeu fronte ao PDR Miranda por 3 a 2. Aínda que o gran logro desa tempada foi o retorno á máxima categoría, a Superliga, logo de proclamarse campión da Superliga 2 e conseguindo o ascenso matemático unha xornada antes da finalización da liga logo de derrotar precisamente ao PDR Miranda en Miranda de Ebro.[5] En 2010 o club monfortino organizou a XXXV edición da Copa da Raíña e estivo a un só punto de disputar a final,[6] na que o título foi para as vitrinas do C.A.V. Murcia 2005.

No verán de 2012 o club presentou a súa candidatura para disputar a Superliga na tempada 2012-13 malia non ter conseguido o ascenso.[7] Finalmente o equipo sénior disputou a máxima categoría do voleibol feminino español, finalizando na oitava posición da táboa con 13 puntos, por diante dos canarios Aguere e Tenerife.[8] En 2013 a directiva do club decidiu disolver o primeiro equipo por falta de recursos e xogadoras locais, pasando a adicarse unicamente ao traballo coa canteira.[1]

Patrocinadores

[editar | editar a fonte]

Palmarés

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 Conde, Luís (14 de xullo de 2013). "Adeus a un histórico do volei". La Voz de Galicia. Consultado o 19/11/2020. 
  2. Piñeiro, Miguel (9 de outubro de 2017). ""Promocionamos a comarca da Ribeira Sacra en España a través do voleibol", di Martínez". El Progreso. Consultado o 18 de decembro de 2017. 
  3. "A Área de Deportes da Deputación homenaxea o Club Voleibol Ribeira Sacra tras proclamarse Campión da Superliga Feminina 2" (en castelán). Deputación de Lugo. 2 de decembro de 2008. Arquivado dende o orixinal o 22 de decembro de 2011. Consultado o 18 de decembro de 2017. 
  4. Conde, Luís (24 de marzo de 2007). "El Ribeira Sacra perdió ante Menorca y consuma su descenso de categoría". La Voz de Galicia (en castelán). 
  5. "A Pinguela vuelve a lo más alto". El Progreso (en castelán). 14 de marzo de 2009. Consultado o 17 de decembro de 2017. 
  6. Conde Carnero, Luis. "O deporte monfortino cumpriu con nota" (PDF). Consultado o 18 de decembro de 2017. 
  7. "A Pinguela puede volver a la Superliga femenina 1". El Progreso (en castelán). 15 de xullo de 2012. Consultado o 18 de decembro de 2017. 
  8. "Clasificación" (en castelán). Real Federación Española de Voleibol. Arquivado dende o orixinal o 03 de abril de 2014. Consultado o 18 de decembro de 2017.