Saltar ao contido

Administración estatal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

En España, a Administración Estatal ou Administración central é unha das tres administracións territoriais do Estado, que exerce as competencias do artigo 149.1 da Constitución española de 1978 sobre todo o Estado Español.

O seu ámbito territorial é, por tanto, todo o territorio nacional. O seu ámbito competencial exclusivo ven definido positivamente polo citado artigo 149.1 da constitución:

  • 1ª) A regulación das condicións básicas que garantan a igualdade de todos os españois no exercicio dos dereitos e no cumprimento dos deberes constitucionais.
  • 2ª) Nacionalidade, inmigración, emigración, estranxeiría e dereito de asilo.
  • 3ª) Relacións internacionais.
  • 4ª) Defensa e Forzas Armadas.
  • 5ª) Administración de Xustiza.
  • 6ª) Lexislación mercantil, penal e penitenciaria; lexislación procesual, sen prexuízo das necesarias especialidades que nesta orde se deriven das particularidades do dereito substantivo das Comunidades Autónomas.
  • 7ª) Lexislación laboral, sen prexuízo da súa execución polos órganos das Comunidades Autónomas.
  • 8ª) Lexislación civil, sen prexuízo da conservación, modificación e desenvolvemento polas Comunidades Autónomas dos dereitos civís, forais ou especiais, alí onde existan. En todo caso, as regras relativas á aplicación e eficacia das normas xurídicas, relacións xurídico-civís relativas ás formas de matrimonio, ordenación dos rexistros e instrumentos públicos, bases das obrigacións contractuais, normas para resolver os conflitos de leis e determinación das fontes do dereito, con respecto, neste último caso, ás normas de dereito foral ou especial.
  • 9ª) Lexislación sobre propiedade intelectual e industrial.
  • 10ª) Réxime aduaneiro e arancelario; comercio exterior.
  • 11ª) Sistema monetario: divisas, cambio e convertibilidade; bases da ordenación de crédito, banca e seguros.
  • 12ª) Lexislación sobre pesos e medidas, determinación da hora oficial.
  • 13ª) Bases e coordinación da planificación xeral da actividade económica.
  • 14ª) Facenda xeral e Débeda do Estado.
  • 15ª) Fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica.
  • 16ª) Sanidade exterior. Bases e coordinación xeral da sanidade. Lexislación sobre produtos farmacéuticos.
  • 17ª) Lexislación básica e réxime económico da Seguridade Social, sen prexuízo da execución dos seus servizos polas Comunidades Autónomas.
  • 18ª) As bases do réxime xurídico das Administracións públicas e do réxime estatutario dos funcionarios que, en todo caso, garantirán aos administrados un tratamento común ante elas; o procedemento administrativo común, sen prexuízo das especialidades derivadas da organización propia das Comunidades Autónomas; lexislación sobre expropiación forzosa; lexislación básica sobre contratos e concesións administrativas e o sistema de responsabilidade de todas as Administracións públicas.
  • 19ª) Pesca marítima, sen prexuízo das competencias que na ordenación do sector se atribúan ás Comunidades Autónomas.
  • 20ª) Mariña mercante e abandeiramento de buques; iluminación de costas e sinais marítimas; portos de interese xeral; aeroportos de interese xeral; control do espazo aéreo, tránsito e transporte aéreo, servizo meteorolóxico e matriculación de aeronaves.
  • 21ª) Ferrocarrís e transportes terrestres que transcorran polo territorio de máis dunha Comunidade Autónoma; réxime xeral de comunicacións; tráfico e circulación de vehículos a motor; correos e telecomunicacións; cables aéreos, submarinos e radiocomunicación.
  • 22ª) A lexislación, ordenación e concesión de recursos e aproveitamentos hidráulicos cando as augas discorran por máis dunha Comunidade Autónoma, e a autorización das instalacións eléctricas cando o seu aproveitamento afecte a outra Comunidade ou o transporte de enerxía saia do seu ámbito territorial.
  • 23ª) Lexislación básica sobre protección do medio ambiente, sen prexuízo das facultades das Comunidades Autónomas de establecer normas adicionais de protección. A lexislación básica sobre montes, aproveitamentos forestais e vías pecuarias.
  • 24ª) Obras públicas de interese xeral ou cuxa realización afecte a máis dunha Comunidade Autónoma.
  • 25ª) Bases do réxime mineiro e enerxético.
  • 26ª) Réxime de produción, comercio, tenza e uso de armas e explosivos.
  • 27ª) Normas básicas do réxime de prensa, radio e televisión e, en xeral, de todos os medios de comunicación social, sen prexuízo das facultades que no seu desenvolvemento e execución correspondan ás Comunidades Autónomas.
  • 28ª) Defensa do patrimonio cultural, artístico e monumental español contra a exportación e a espoliación; museos, bibliotecas e arquivos de titularidade estatal, sen prexuízo da súa xestión por parte das Comunidades Autónomas.
  • 29ª) Seguridade pública, sen prexuízo da posibilidade de creación de policías polas Comunidades Autónomas na forma que se estableza nos respectivos Estatutos no marco do que dispoña unha lei orgánica.
  • 30ª) Regulación das condicións de obtención, expedición e homologación de títulos académicos e profesionais e normas básicas para o desenvolvemento do artigo 27 da Constitución, a fin de garantir o cumprimento das obrigacións dos poderes públicos nesta materia.
  • 31ª) Estatística para fins estatais.
  • 32ª) Autorización para a convocatoria de consultas populares por vía de referendo.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]