Accidente de Múnic

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Placa conmemorativa en Old Trafford en homenaxe aos futbolistas do Manchester United e demais vítimas deste accidente.

O accidente de Múnic foi un sonado accidente de aviación que tivo lugar en Múnic (daquela RFA) o 6 de febreiro de 1958, e onde faleceron 24 persoas, entre elas a metade do cadro de xogadores do Manchester United.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

O 5 de febreiro de 1958 o Manchester United disputou en Belgrado o encontro de volta dos cuartos de final da Copa de Europa ante o Estrela Vermella (naquel tempo, o campión iugoslavo). Na ida, xogada en Manchester, os ingleses venceran 2-1, e en Belgrado o resultado final foi de 3-3, 5-4 no cómputo final da eliminatoria. O Manchester tiña que xogar un partido da copa inglesa dous días despois, e non tiñan moita marxe de tempo. Despois do precedente de decembro, cando un partido xogado en Praga lles impediu chegar a Inglaterra para xogar a copa contra o Everton FC, a directiva decidira prescindir das liñas comerciais regulares e fletar o propio voo chárter.

A rota prevista do avión era Belgrado-Manchester, cunha escala en Múnic para repostaxe, posto que o tamaño do avión non permitía realizar toda a viaxe dun só tirón. A saída de Belgrado retrasouse unha hora porque o xogador Johnny Berry non daba co pasaporte. O equipo, adestrado polo escocés Matt Busby, lideraba a liga inglesa. A súa cerna estaba composta por unha escolma de xogadores moi novos, chamados Busby Babes, que tiñan a Duncan Edwards e a Bobby Charlton como máximos representantes.

O avión[editar | editar a fonte]

Outro avión Airspeed AS.57 Ambassador

A aeronave era un pequeno Airspeed AS.57 Ambassador con capacidade para unha cincuentena de pasaxeiros, con 25 metros de eslora e uns 35 metros de envergadura. A compañía era a British European Airways (unha das antecesoras da actual British Airways). A matrícula era G-ALZU.

O voo era o 609.

O accidente[editar | editar a fonte]

A situación climatolóxica naquel momento en Múnic era un frío intenso, xeada, neve e vento lateral. O avión tentou despegar por tres veces. As dúas primeiras o despegue foi abortado polo piloto, o capitán James Thain, que sentiu ruídos que non era capaz de identificar. Ao terceiro intento, ás 3:04 da tarde, produciuse o despegue, pero o avión non colleu altura abonda e marchou contra un valado na proximidades do aeroporto, destruíndo despois un camión con combustible e logo unha casa deshabitada. O combustíbel do camión fixo estourar e arder a parte posterior da aeronave.

A razón de que non se dese erguido foi climatolóxica (auganeve ao final da pista de despegue), combinada co deseño da aeronave, que por ter o centro de gravidade retrasado, sufría dificultades para manter a velocidade en situacións como aquela.

Vítimas[editar | editar a fonte]

Faleceron 24 persoas, e 21 salvaron a vida. Entre os falecidos estaban:

Entre os sobrevivintes atopábanse os futbolistas Johnny Berry, Jackie Blanchflower, Dennis Viollet, Ray Wood, Bobby Charlton, Bill Foulkes, Harry Gregg, Kenny Morgans e Albert Scanlon, así como o adestrador Matt Busby, que recibiu por dúas veces a extrema unción e tardou en recuperarse meses. Aos tres días do accidente, algúns dos sobrevivintes e os suplentes derrotaban o Sheffield Wednesday nun partido da Copa por 3-0. O Manchester United perdeu a final da copa contra o Bolton Wanderers (2-0) e as semifinais da Copa de Europa ante o AC Milan. A xeración perdida do Manchester United foi denominada Busby Babes (os nenos de Busby), pola súa mocidade e pola cohesión que lles dera o adestrador.

O xuízo[editar | editar a fonte]

As primeiras investigacións sinalaron o piloto como culpábel do accidente. O goberno de Alemaña Occidental emprendeu accións legais contra el, acusándoo de responsábel directo. Como proba sinalábanse unhas fotografías, onde se intuía neve nas alas da aeronave, algo que podería impedir o voo, mais finalmente demostrouse que non era neve. Aínda que o xuízo, realizado sen testemuñas, rematou cunha sentenza de inocencia en 1968, Thain xa fora despedido e decidira manter unha granxa de pitos en Berkshire, onde morrería en 1975 dun infarto, con 53 anos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]