A verba viva

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A verba viva
Ficha técnica
Título orixinalA verba viva. Ribeira Sacra. Paisaxe cultural e patrimonio lingüístico
DirectorLorena Gallardo e Humberto Novoa
ProdutorChantada Comunicación S.L.
GuiónLorena Gallardo
FotografíaHumberto Novoa
Duración77 minutos
OrixeGalicia Galicia
Xénerodocumental

A verba viva. Ribeira Sacra. Paisaxe cultural e patrimonio lingüístico é un documental de 2021, producido por Chantada Comunicación S.L. e realizado por Lorena Gallardo e Humberto Novoa.

É unha viaxe pola fala, a paisaxe e a cultura da Ribeira Sacra galega.

Estrea do documental en Chantada no Cinema Palleiriso en outubro de 2021

Características[editar | editar a fonte]

Foi unha iniciativa realizada ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia dentro da Rede de Dinamización Lingüística.[1]

Faise unha viaxe pola paisaxe cultural da Ribeira Sacra na que os ribeiraos e ribeirás van achegando o léxico, os traballos, a cultura das ribeiras do Sil e do Miño. A paisaxe das muras ou socalcos en pendente, a cultura arredor do cultivo das viñas e a elaboración do viño e a augardente, a olaría, a carpintería, as barcas típicas vanse achegando aos ollos do espectador ao longo do filme.[2] Segundo o Portal da Lingua Galega "A verba viva pretende, ademais de entreter e guiar o espectador, promocionar a Ribeira Sacra e afondar no seu patrimonio lingüístico co obxectivo de recoller, recuperar e divulgar a lingua e os termos propios do xeito de vida da ribeira: artesáns e artesás, viticultores ou viticultoras con herdanza familiar e amantes do río e da terra".[1]

Para o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García:

A Ribeira Sacra é un dos nichos naturais, paisaxísticos, monumentais, turísticos e lingüísticos de Galicia e precisamente niso se quere incidir neste documental, que percorre os seus espazos máis emblemáticos, centrándose especialmente nos seus valores culturais e lingüísticos.[3]

Baixo a dirección de Lorena Gallardo e Humberto Novoa, con produción Chantada Comunicación, seguindo o guión de Lorena Gallardo e a fotografía de Humberto Novoa foi gravado no inverno de 2021 en diferentes concellos da Ribeira Sacra, nas provincias de Lugo e de Ourense.

Colaboraron no documental:

  • O filólogo e profesor Anxo González Guerra.
  • O divulgador e contacontos ambientalista Anxo Moure.
  • Os artesáns Elías de Gundivós (oleiro), Fernando Ibarra (carpinteiro), Manuel Gómez (Manolete: alambiqueiro).
  • O viticultor Primitivo Lareu.
  • A guía do Ecomuseo do Pazo de Arxeriz (O Saviñao) Sonia Faria.
  • A veciña da Ribeira Sacra Ana Cortiñas.
  • A música, en directo, de Searas e do grupo Gancho Sanches nos créditos.

O documental foi presentado en agosto de 2021 en Santiago por Valentín García, Lorena Gallardo, Humberto Novoa e Mercedes Vázquez (Chantada Comunicación) facendo constar desde Política Lingúística:

que o filme ten por finalidade recoller «unha boa parte das verbas singulares que definiron e definen a vida en forte pendente, o patrimonio, a paisaxe, a viticultura e as tradicións» e tamén «recuperar e divulgar a lingua e os termos propios do xeito de vida da ribeira» que son conservados por viticultores, artesáns e outros veciños deste territorio.[4]

Foi estreado no Festival de Cinema e Ecoloxía no Palleiriso (Cinema Palleiriso, Chantada) en outubro de 2021.[5]

O documental pode verse en aberto no Portal da Lingua Galega e na canle Youtube.[6]

No remate dedícase o filme:

A quen coidou a paisaxe, o patrimonio e as palabras. A quen estamos chamadas e chamados a conservar o que nos deixaron: a lingua e a cultura, que nos contan que somos e que serán legado para os nosos fillos e as nosas fillas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "A verba viva. Ribeira Sacra. Paisaxe cultural e patrimonio lingüístico - O Portal da Lingua Galega". www.lingua.gal. Consultado o 2022-05-02. 
  2. "O valor cultural e tamén lingüístico da Ribeira Sacra, en ‘A Verba Viva’". www.elcorreogallego.es. Consultado o 2022-05-02. 
  3. Lugo, El Progreso de (2021-08-05). "'A verba viva', un documental que recorre la Ribeira Sacra desde su núcleo". El Progreso de Lugo (en castelán). Consultado o 2022-05-02. 
  4. "Dedican un documental a divulgar o patrimonio lingüístico da Ribeira Sacra". La Voz de Galicia. 2021-08-05. Consultado o 2022-05-02. 
  5. "Festival de Cinema e Ecoloxía no Palleiriso". Canle Ribeira Sacra. Consultado o 2022-05-02. 
  6. Efe (2021-08-06). "O documental “A verba viva” ofrece un percorrido pola Ribeira Sacra". Faro de Vigo. Consultado o 2022-05-02. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]