Saltar ao contido

A Igrexa greco-católica no Imperio Ruso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A presenza da Igrexa greco-católica no Imperio Ruso ten a súa orixe logo das sucesivas particións de Polonia, cando a maioría das estruturas da metrópole greco-católica de Kíiv-Galicia e toda a Rus pasaron a estar baixo dominio ruso. Antes da primeira partición a metrópole estaba organizada en oito dioceses: Kíiv, Lutsk, Lviv, Polack, Przemyśl, Chełm, Pinsk-Turaŭ e Volodymyr-Brest. En total, os greco-católicos tiñan 9.452 templos;[1] arredor do 60% destes edificios pasaron a estar en territorio ruso logo das particións.[2]

Os gobernantes rusos tiveron unha actitude negativa respecto aos greco-católicos, considerándoos como ortodoxos que, baixo coacción, aceptaran a xurisdición papal, e que renunciarían á Unión de Brest á menor oportunidade. Durante o goberno de Catarina II se realizou unha actividade importante para a conversión dos greco-católicos de Belarús e Lituania á ortodoxia. Logo da pausa que supuxeron os reinados de Paulo I e Alexandre I, o tsar Nicolao I retomou a loita contra a Unión. A supresión administrativa da Igrexa greco-católica foi precedida por unha longa campaña para asemellar os seus ritos aos da Igrexa ortodoxa rusa, que foi coordinada polo bispo Yosyf Semashko. En 1839 o sínodo de Polack proclamou a abolición da Unión en Lituania e Belarús; só sobreviviu a eparquía de Chełm, posteriormente suprimida en 1875. As autoridades empregaron medidas coercitivas contra a poboación para forzar a súa conversión; en lugares como Pratulin e Drelów houbo varias vítimas mortais entre os greco-católicos. Malia o recoñecemento administrativo de todos os greco-católicos como ortodoxos, arredor de 100.000 persoas nunca obedeceron as ordes tsaristas, boicoteando as parroquias da Igrexa ortodoxa rusa. Esta política contraria á Unión por parte dos sucesivos tsares estaba relacionada coa política de rusificación das terras capturadas como resultado das particións de Polonia.

A política dos tsares

[editar | editar a fonte]

Reinado de Catarina II

[editar | editar a fonte]

Inmediatamente logo da anexión ao Imperio Ruso dos territorios onde os greco-católicos constituían a maioría da poboación, a tsarina Catarina II declarou a súa tolerancia cara a poboación católica de "ambos os dous ritos", e asegurou que a súa situación non variaría en comparación coa que viviran na República das Dúas Nacións.[3] Porén, na realidade, o goberno ruso tratou aos greco-católicos como rusos ortodoxos que se viran obrigados cambiar de relixión, e que só era cuestión de tempo a súa conversión á ortodoxia.[3] O 2 de setembro de 1780 Catarina II enviou un rescrito ao gobernador de Polotsk e Mogilev Chernyshev, no que permitía que o clero ortodoxo se apoderara das igrexas greco-católicas se a freguesía o desexaba.[4] Chernyshev e o bispo ortodoxo de Mogilev Georgii Konisskii aplicaron unha interpretación bastante ampla do rescrito, o que levou á entrada na Igrexa ortodoxa rusa de 112.573 fieis, 35 sacerdotes, e 95 igrexas parroquiais; todas estas actuacións foron realizadas malia as protestas da xerarquía greco-católica.[4] Ao mesmo tempo, Catarina II promoveu o nomeamento dun bispo auxiliar para a eparquía de Kíiv, Viktor Sadkovskii, quen ía repetir as accións do bispo de Mogilev nos territorios da Ucraína do Dniéper, Volinia e Podolia.[4] Despois da segunda partición de Polonia, Sadkovskii pasou a ser o bispo ortodoxo de Minsk. Unha das súas primeiras accións foi publicar unha carta pastoral na que informaba que todos os greco-católicos que desexaran pasar á ortodoxa tan só debían informarlle, e que o metropolita Teodosii Rostotskyi unicamente tiña que tomar nota da conversión.[5] A propia Catarina II apoiou xenerosamente as actividades do bispo Sadkovskii e dos seus sacerdotes.[6] En outubro de 1794 o xerarca informou ao Sínodo da Igrexa ortodoxa rusa da adquisición de 721 parroquias greco-católicas, e ao ano seguinte doutras 1607 adicionais.[6] En contraposición, as estatísticas de 1802 recollidas polo bispo greco-católico Mykhailo Levytskyi, indican que naquel momento os greco-católicos só conservaban 176 igrexas.[6]

Catarina II tamén utilizou aos greco-católicos como moeda de cambio nas súas negociacións coa Santa Sé relacionadas coa aprobación dos cambios feitos pola tsarina na estrutura administrativa da Igrexa latina en Rusia. A conversión de arredor de 100.000 persoas entre os anos 1780 e 1783 forzou á Igrexa católica a aceptar os cambios, coa esperanza de deter o proceso de destrución da Unión.[7]

A estrutura administrativa da Igrexa ortodoxa rusa foi desenvolvida a expensas dos greco-católicos. En 1806, das estruturas greco-católicas en territorio ruso, só quedaba a arquieparquía de Polack dirixida polo bispo Iraklij Lisoŭski, quen era de total confianza da tsarina. A eparquía ortodoxa rusa de Podolia-Bratslav foi estabelecida principalmente a costa dos centros tomados dos greco-católicos.[8] As propiedades dos bispos greco-católicos foron tomadas polo estado, e parcialmente asignadas a remuneracións para os militares e funcionarios distinguidos na difusión da ortodoxia.[9]

Reinado de Paulo I

[editar | editar a fonte]

Logo da chegada de Paulo I ao poder, a actitude das autoridades respecto aos greco-católicos mudou. O novo tsar era reticente a eles (malia ser favorable ao catolicismo latino), pero a súa política foi de contradicir programaticamente as accións da súa nai.[9] Paulo I aceptou a restauración das tres dioceses greco-católicas e ordenou que parasen as actividades proselitistas da xerarquía ortodoxa. Os greco-católicos pasaron a estar subordinados ao Colexio do Clero encabezado polo arcebispo de Mogilev.[9]

Reinado de Alexandre I

[editar | editar a fonte]
Jazafat Bulhak

Alexandre I mantivo unha política tolerante cara aos greco-católicos. Durante o seu reinado, se estima que 1.398.478 fieis, 91 mosteiros, e 1.388 parroquias permaneceron como católicos bizantinos. Ao mesmo tempo, durante a época de Paulo I e Alexandre I, aproximadamente 200.000 fieis pasaron á Igrexa latina, como forma de protexerse da conversión forzada á ortodoxia. Este movemento foi recibido con protestas por parte dos bispos greco-católicos.[10]

Co propósito de deter a vaga de transicións ao rito latino, Alexandre I creou unha sección greco-católica no Colexio Eclesiástico Católico en 1804, nomeando ao bispo Jazafat Bulhak como o seu presidente. Isto foi apoiado pola xerarquía greco-católica, xa que o percibiu como unha oportuinidade para evitar a latinización do rito. En 1805 o Colexio foi dividido en días seccións, e Iraklij Lisoŭski pasou a dirixir a sección greco-católica; cría na posibilidade dunha unificación completa das igrexas, polo que levou a cabo unha reforma litúrxica durante a súa administración, eliminando elementos introducidos no culto por influencia latina, e introducindo outros típicos da Igrexa ortodoxa rusa.[10]

Reinado de Nicolao I

[editar | editar a fonte]

Dende o comezo do seu reinado, Nicolao I levou a cabo varias accións decisivas para loitar contra a Igrexa greco-católica. O 11 de agosto de 1829 recibiu en audiencia ao seus representantes, e declarou que a súa intención era a de "organizar" a Igrexa greco-católica, e eliminar todas as influencias latinas nela. Porén, o goberno ruso non aboliu a Unión de forma inmediata, mais desenvolveu un plan a longo prazo baseado na asunción de que a maior similitude entre o ritual greco-católico e o ortodoxo levaría a unha unión natural entre ambas as dúas Igrexas.[11] O principal impulsor e executor deste enfoque foi o bispo de Mscisłaŭ Yosyf Semashko. Cautivado pola ortodoxia rusa, que coñecera en San Petersburgo, se consideraba el mesmo ruso, e preparou un plan para debilitar a Unión; o bispo presentou o plan ao tsar, e obtivo a súa aprobación.[11]

De acordo co proxecto de Semashko, en 1828 as funcións das seccións latina e grega do Colexio Eclesiástico foron totalmente separadas, creando na práctica un Colexio Greco-Católico dirixido por Jazafat Bulhak. Posteriormente foi reestruturada a administración da Igrexa greco-católica, dividíndoa entre unha arquidiocese belarusa (dirixida por Bulhak) e unha diocese lituana, dirixida polo propio Semashko.[11] Logo do Alzamento de Novembro, as autoridades rusas aboliron a metade dos 95 mosteiros basilianos que seguían a existir; nesta ocasión foi cando a Igrexa ortodoxa tomou a Laura de Pochaiv.[12] En 1835 prohibiuse aos católicos pasar do rito bizantino ao rito romano.[12]

En 1834 as autoridades rusas comezaron unha intensa campaña de cambios litúrxicos na Igrexa greco-católica. Os libros litúrxicos en uso polos greco-católicos foron substituídos por edicións rusas, e das igrexas se eliminaron bancos e órganos, alleos á tradición ortodoxa, así como as imaxes de santos católicos non recoñecidos pola Igrexa ortodoxa rusa. A partir de 1837 todos os asuntos relativos ao funcionamento da Igrexa greco-católica pasaron a estar suxeitos do Sínodo da Igrexa ortodoxa rusa.[12]

Logo do pasamento de Jazafat Bulhak en 1838, o episcopado greco-católico do Imperio Ruso pasou a estar composto só por partidarios da disolución da Igrexa greco-católica na Igrexa ortodoxa rusa (o propio Yosyf Semashko, Antonij Zubko e Vasiĺ Lužynski). O 12 de febreiro de 1839 foi finalmente aprobada a disolución da Igrexa greco-católica no sínodo de Polack.[12] Despois destes acontecementos, a única institución greco-católica existente baixo goberno ruso pasou a ser a eparquía de Chełm.[13]

Reinado de Alexandre II

[editar | editar a fonte]

Os pasos para eliminar a última eparquía greco-católica do Imperio Ruso comezaron logo do Alzamento de Xaneiro e foron parte dunha campaña máis ampla de rusificación do país de Chełm. A adopción da ortodoxia por parte dos greco-católicos era ao mesmo tempo unha forma de absorbelos na cultura e nación rusas. Os principais impulsores desta solución foron o secretario de estado para Polonia, Nikolai Miliutin, e o director xeral para asuntos internos e o clero do Reino de Polonia, Vladimir Cherkasskii. A intención era seguir o mesmo procedemento utilizado antes do sínodo de Polack, sen ter en conta que na rexión de Chełm a adherencia ao catolicismo de rito bizantino era moito maior entre a poboación que nas terras de Belarús e Lituania.[14]

Os Mártires de Pratulin, obra de Walery Eljasz-Radzikowski.

En 1864 as autoridades tsaristas disolveron os mosteiros basilianos de Lublin, Chełm, Biała Podlaska e Zamość, trasladando aos monxes a un convento en Varsovia. En 1866 foi abolido o dereito de padroado, dando á nobreza polaca control sobre o clero parroquial. O clero greco-católico comezou a recibir salarios do goberno. As autoridades rusas comezaron tamén a recrutar sacerdotes greco-católicos de Galicia dispostos a traballar na rexión de Chełm, con posturas rusófilas e involucrados en eliminar elementos latinos do rito greco-católico. Ademais, prohibiuse aos greco-católicos pasar ao rito latino.[14] A pesar de que parte da xerarquía ortodoxa (entre eles o arcebispo Ioannikii Gorskii) se opoñía á supresión da Unión a través da represión, favoreciendo un traballo a longo prazo entre a poboación, o goberno tsarista decidiu de forma inmediata abolit a Igrexa greco-católica.[15] De acordo cun comité segredo, o administrador da eparquía de Chełm Markell Popel ordenou que os actos de culto foran celebrados segundo o rito sinodal da Igrexa ortodoxa rusa. Isto resultou en protestas dos greco-católicos, suprimidas en Drelów e Pratulin por medios militares, que causaron varias mortes (mártires de Drelów e mártires de Pratulin). En 1875 foi proclamada a liquidación completa da Unión de Brest na rexión de Chełm, e a unión da eparquía á Igrexa ortodoxa rusa. Arredor de 29.000 persoas non aceptaron esta decisión, e un grupo maior, oficialmente ortodoxos, seguiron a se considerar greco-católicos. O bispo ortodoxo de Chełm en 1905, Evlogii Georgievskii, estimaba o seu número en 100.000 persoas.[15] Describindo a situción relixiosa da rexión, escribiu:[16]

A Unión foi oficialmente abolida por unha lei estatal en 1875, mais a fe nas almas humanas non pode ser abolida pola lei; nalgúns lugarees as igrexas ortodoxas estaban baleiras, as persoas non se achegaron aos "santos varóns" para celebrar os seus ritos. Había parroquias onde ata o 90% da poboación boicoteaba as igrexas ortodoxas, e sen as súas [igrexas] greco-católicas, foron deixados sen igrexas.
Igrexa clasicista de Drohiczyn, con cúpulas de estilo ortodoxo ruso engadidas despois de 1839.

No territorio da antiga eparquía de Chełm todos os símbolos da Unión foron eliminados, identificados cun dominio estranxeiro en terra "eternamente rusa" (rutena). As iconas percibidas como non canónicas, e os libros e utensilios litúrxicos greco-católicos foron destruídos; as cruces de termo e figuras, consideradas como "demostracións externas de fe caracteristicamente latinas" foron eliminadas. Tamén fixéronse cambios na arquitectura das igrexas, facéndoas máis similares ás igrexas construídas en Rusia.[17]

  1. Radwan 2004, p. 21.
  2. Radwan 2004, p. 23.
  3. 3,0 3,1 Osadczy 2007, p. 347.
  4. 4,0 4,1 4,2 Radwan 2004, pp. 24-25.
  5. Radwan 2004, p. 27.
  6. 6,0 6,1 6,2 Radwan 2004, pp. 28-29.
  7. Osadczy 2007, p. 348.
  8. Radwan 2004, pp. 32-33.
  9. 9,0 9,1 9,2 Osadczy 2007, p. 349.
  10. 10,0 10,1 Osadczy 2007, pp. 350-351.
  11. 11,0 11,1 11,2 Osadczy 2007, pp. 351-353.
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 Osadczy 2007, p. 355.
  13. Osadczy 2007, p. 356.
  14. 14,0 14,1 Osadczy 2007, p. 357.
  15. 15,0 15,1 Osadczy 2007, pp. 358-359.
  16. Osadczy, Włodzimierz (2007). Święta Ruś. Rozwój i oddziaływanie idei prawosławia w Galicji [A Santa Rutenia. Desenvolvemento e impacto da idea da ortodoxia en Galicia] (en polaco). Lublin: Wydawnictwo Uniwersytetu Marii Curie-Skłodowskiej. p. 359. ISBN 9788322726723. Urzędowo unia została skasowana ustawą państwową w 1875 r., lecz wiarę w ludzkich duszach prawo znieść nie mogło, w niektórych miejscowościach świątynie prawosławne świeciły pustką, lud nie zwracał się do świaszczenników o sprawowanie obrzędów. Były parafie, gdzie nawet 90 procent ludności bojkotowało cerkwie prawosławne, a nie mając swoich unickich, pozostawało bez świątyń. 
  17. Osadczy 2007, pp. 360-361.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Osadczy, Włodzimierz (2007). Święta Ruś. Rozwój i oddziaływanie idei prawosławia w Galicji [A Santa Rutenia. Desenvolvemento e impacto da idea da ortodoxia en Galicia] (en polaco). Lublin: Wydawnictwo Uniwersytetu Marii Curie-Skłodowskiej. ISBN 9788322726723. 
  • Radwan, Marian (2004). Carat wobec Kościoła greckokatolickiego w zaborze rosyjskim 1796-1839 [O réxime tsarista cara a Igrexa greco-católica na partición rusa de 1796-1839] (en polaco). Lublin: Instytut Europy Środkowo-Wschodniej. ISBN 9788391761557.