A plataforma presentouse oficialmente o 17 de xaneiro de 2024, baixo o lema "AGalega é moito máis" e nunha gala na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.[1] No momento do seu lanzamento, AGalega contaba con 1.400 contidos audiovisuais da Televisión de Galicia, incluíndo algúns contidos exclusivos da plataforma.[3] Ademais, AGalega conta con dúas aplicacións integradas que se poden descargar de forma individual. Para o público infantil e xuvenil, a plataforma do Xabarín (con máis de 1.400 contidos propios no momento do lanzamento)[1] e AGalega Audio, con todos os servizos da Radio Galega integrados (4.500 contidos de son dispoñibles no momento do lanzamento).[1]
AGalega conta tamén con todas as canles de directo de televisión e radio da CRTVG, polo que tamén se pode ver a televisión convencional a través da plataforma.[1] En febreiro estará dispoñible tamén nas televisións intelixentes, en Fire TV, LG e Samsung.[3]
En setembro de 2024, AGalega acadou a cifra de 1 millón de usuarios, logo de oito meses dende o seu lanzamento,[4] chegando a 200 países e manténdose no Top 20 das plataformas de contidos en España.