Éire

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Imaxe de satélite en cor natural de Irlanda, coñecida en irlandés como Eire.

Éire é o nome irlandés para denominar a illa de Irlanda e o país soberano con ese mesmo nome.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Ériu, Erin, Hibernia e Iverni.

A palabra do irlandés moderno Éire evolúe da palabra Ériu do irlandés antigo e dá nome a unha deusa gaélica. Segundo a crenza xeral, Ériu foi a deusa patroa de Irlanda, deusa da soberanía ou da terra. A orixe de Ériu remóntase á reconstrución do protocéltico *Φīwerjon- (nominativo singular Φīwerjū < preprotocéltico -jō).,[1] o que suxire que provén da reconstrución do protoindoeuropeo *piHwerjon-, relacionada probabelmente coa raíz adxectival *piHwer- (cf. Sánscrito pīvan, pīvarī e pīvara, que significan 'gordo', 'cheo' e 'abundante'). Esta etimoloxía suxire o significado de 'terra abundante'.

A protocéltica pasou a ser Īweriū ou Īveriū en protogoidélico.[2] É moi probábel que os exploradores tomasen este termo e o modificasen. Piteas, durante a exploración do noroeste de Europa (c. 320 a. C.), denominou a illa Ierne (escrito Ἰέρνη). Por outra banda, Tolomeo referiuse á illa como Iouernia (escrito Ἰουερνία) no seu libro Geographia (c. 150). Baseándose neses testemuños históricos, o Imperio Romano denominou a illa Hibernia.

Deste xeito, a evolución da palabra pode representarse da seguinte maneira:

Outra posíbel etimoloxía provén do gaélico:

  • ì (‘illa’) + thairr (‘oeste’) + fónn (‘terra’), cuxa unión forma ì-iar-fhónn ou 'illa da terra do oeste'[3]

Este significado é parecido ao do nome nórdico "homes do oeste" que denomina o pobo irlandés, e que posteriormente deu nome ás Illas Vestman, un grupo de illas de Islandia.

Diferenzas entre Éire e Erin[editar | editar a fonte]

Éire é simplemente o nome en lingua irlandesa para Irlanda, e ás veces utilízase en inglés. Erin, en cambio, é un nome poético común para referirse a Irlanda, como na frase Erin go bragh ('Irlanda por sempre'). A distinción entre os dous termos baséase nunha das diferenzas entre os casos dos substantivos en irlandés. Éire é o caso nominativo: o caso que, nas linguas gaélicas modernas, se utiliza para os substantivos que constitúen o suxeito dunha oración, é dicir, o nome que está a levar a cabo a acción, así como o complemento directo dunha oración. Erin deriva de Éirinn, o caso dativo irlandés de Éire, que substituíu ao caso nominativo irlandés en déise (e nalgúns subdialectos non estandarizados doutros lugares), en gaélico escocés (onde a palabra utilizada habitualmente para Irlanda é Èirinn) e en manés (un tipo de gaélico), onde a palabra se escribe Nerin. Probablemente a n- inicial era, na súa orixe, unha fosilización da preposición in/an "en" (cf. irlandés in Éirinn, escocés an Èirinn/ann an Èirinn 'en Irlanda'). O caso xenitivo Éireann utilízase nas formas gaélicas dos nomes das empresas e institucións de Irlanda, por exemplo, en Iarnród Éireann (sistema ferroviario irlandés), Dáil Éireann (Parlamento irlandés) ou Poblacht na hÉireann (a República de Irlanda).

Éire como nome de Estado[editar | editar a fonte]

O Irish Oak torpedeado no Atlántico Central coas letras "EIRE" (pintura de Kenneth King)

O Artigo 4 da Constitución de Irlanda aprobada en 1937 establece que Éire é o nome do Estado, excepto en lingua inglesa, que é Ireland.[4] O preámbulo da constitución en lingua inglesa tamén describiu á poboación como "Nós, o pobo de Éire". Aínda que o Artigo 8 estableceu que o irlandés era a lingua nacional e a primeira lingua oficial, na práctica era o inglés a lingua primeira de uso oficial e social, e a forma irlandesa Éire desapareceu, en boa medida, das conversacións cotiás e da literatura en inglés.

O nome Éire utilizouse nos selos postais irlandeses desde 1922, en todas as moedas irlandesas (incluídas as moedas de euro de Irlanda) e xunto con Ireland nos pasaportes e outros documentos oficiais do estado publicados desde 1937. Éire tamén se utiliza no selo do presidente de Irlanda. Antes da Constitución de 1937, usábase de maneira xeneralizada Saorstát Éireann (o nome irlandés para referirse ao Estado Libre Irlandés).

Durante a 'Emerxencia' (nome utilizado para referirse á Segunda Guerra Mundial), os barcos irlandeses tiñan a palabra EIRE (e a bandeira de Irlanda) pintada nos dous lados e na cuberta de maneira moi visible, para seren identificados como "neutrais".

Entre 1922 e 1938, a placa internacional dos coches irlandeses era SE. Desde 1938 até 1962 foi EIR, as tres primeiras letras de Éire. En 1961, o instrumento lexislativo núm. 269 permitiu o uso de "IRL", e cara ao 1962 adoptouse "IRL".[5] O político irlandés TD Bernard Commons suxeriu ao Dáil Éireann en 1950 que o goberno examinase "a placa identificadora de turistas coas letras EIR (...) con vistas á adopción de letras identificadoras que puidesen ser asociadas máis facilmente a este país polos estranxeiros".[6] EIR tamén se mostra noutras leis, como o instrumento lexislativo do seguro do coche nº 383 de 1952 e nº 82 de 1958.[7][8]

Baseándose no Convenio sobre Aviación Civil Internacional de 1947, as aeronaves matriculadas irlandesas levaron unha marca de matrícula que empezaba por EI, de Éire.

Desde xaneiro de 2007, nas reunións da Unión Europea, as placas indicadoras do goberno irlandés teñen amosado tanto Éire como Irlanda, a consecuencia da adopción do idioma irlandés como lingua de traballo da Unión Europea.

Constitución de 1937

Uso de Eire en Gran Bretaña e nos Estados Unidos[editar | editar a fonte]

En 1938, na lei do parlamento Eire (Confirmation of Agreements) Act 1938, o goberno británico contemplou que, desde ese momento, a lexislación británica puidese referirse ao Estado Libre Irlandés, como Eire (pero non como Éire). A lei de 1938 foi revogada en 1981, e hoxe este termo apenas se utiliza en inglés británico moderno. En 2011, aínda podía verse nalgunha sinalización de aeroporto, por exemplo o Aeroporto John Lennon de Liverpool dispón dunha zona de chegadas para "Eire and Channel Islands".

En xeral, aos falantes de irlandés non lles gusta o termo Eire, en parte porque contén unha falta de ortografía e porque eire tamén pode significar ‘carga’, ‘peso’ ou ‘estorbo’, o que lle achega un matiz un tanto pexorativo ao nome da illa e/ou ao estado.[9]

En 1937, fundouse a "Eire Society of Boston", un influente grupo irlandés estadounidense.[10]

Outros usos[editar | editar a fonte]

Éire tamén se introduciu nos nomes de entidades comerciais e sociais irlandesas, como Eircom Group plc (anteriormente chamada "Telecom Éireann") e a súa antiga rede de telefonía móbil, Eircell.[11] En 2006 a rede eléctrica irlandesa delegouse a EirGrid. A compañía "BetEire Flow" (eFlow), cuxo nome é un calembur de better (‘mellor’), é un consorcio francés que xestiona un sistema de peaxe electrónica na ponte de West-Link, no oeste de Dublín.[12] Segundo o rexistro de empresas irlandés (Irish Companies Registration Office) de Dublín, en 2008, uns 500 nomes de compañías incluían a palabra Éire dun modo ou outro.[13]

En ocasións, estas incorporacións queren dar un toque humorístico ou irónico, como a banda de pop chamada ScaryÉire, ou "Éirvana", un artigo de Cormac Ó Gráda do 2007 acerca da economía do Tigre Celta[14][15]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Proto-Celtic—English lexicon
  2. Mallory, J.P. and D.Q. Adams, ed. Encyclopedia of Indo-European Culture. Londres: Fitzroy Dearborn Pub., 1997, p. 194
  3. John Forbes (1848). The principles of Gaelic grammar (en English). 
  4. "Constitution of Ireland". Office of the Houses of the Oireachtas. Consultado o 14 de marzo 2007
  5. SI 269 of 1961:"...the letters EIR are used to indicate the name of the State but the letters IRL may be substituted therefor."
  6. "Dáil Éireann – Volume 119 - 22 de marzo de 1950 – Ceisteanna—Questions. Oral Answers. – Motor Identification Letters". Historical-debates.oireachtas.ie. 22 de marzo de 1950. Arquivado dende o orixinal o 7 de xuño de 2011. Consultado o 26 de marzo de 2010. 
  7. "SI 82 of 1958 text". Irishstatutebook.ie. 31 de decembro de 1959. Consultado o 26 de marzo de 2010. 
  8. "SI 383 of 1952". Irishstatutebook.ie. Consultado o 26 de marzo de 2010. 
  9. McBain A., An Etymological Dictionary of the Gaelic Language; Clark Constable, Edinburgh (1982) ISBN 0-901771-68-6; seen online 20 Aug 2011
  10. The Eire Society of Boston's history page on-line (consultado o 25 de agosto de 2011)
  11. "eircom homepage". Eircom.ie. 29 de novembro de 2006. Consultado o 26 de marzo de 2010. 
  12. "National Roads Authority statement 2007". Nra.ie. Arquivado dende o orixinal o 23 de agosto de 2010. Consultado o 26 de marzo de 2010. 
  13. "CRO search page". Cro.ie. Consultado o 26 de marzo de 2010. 
  14. "Some recent social changes are not easily linked with the Tiger per se" (PDF). Consultado o 26 de marzo de 2010. 
  15. Comment on ScaryÉire

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Noel Browne, Against the Tide
  • Constitution of Ireland (1937)
  • Stephen Collins, The Cosgrave Legacy
  • Tim Pat Coogan, De Valera (Hutchinson, 1993)
  • F.S.L. Lyons, Ireland since the Famine
  • David Gwynn Morgan, Constitutional Law of Ireland
  • Tim Murphy and Patrick Twomey (eds.) Ireland's Evolving Constitution: 1937–1997 Collected Essays (Hart, 1998) ISBN 1-901362-17-5
  • Alan J. Ward, The Irish Constitutional Tradition: Responsible Government and Modern Ireland 1782–1992 (Irish Academic Press, 1994) ISBN 0-7165-2528-3

Outros artigos[editar | editar a fonte]