École de Barbizon

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
As espigadoras. Jean-François Millet, (1857), Museo de Orsay, París.

A Escola de Barbizon de pintura (aprox. 18301870) foi o conxunto de pintores franceses reunidos en torno á aldea de Barbizon, próximo ao bosque de Fontainebleau, onde os artistas deste círculo chegaron a establecerse.

O feito de que os pintores de Barbizon deixasen París para refuxiarse nun pequeno pobo xa é unha actitude de aberta oposición ao sistema vixente, non só no ámbito plástico, senón tamén na orde social.

Os pintores de Barbizon foron parte do Realismo pictórico francés, que xurdiu en reacción ao máis formalista Romanticismo de Gericault ou Delacroix.

Orixes e fundación[editar | editar a fonte]

Ao principio do século XIX, os criterios artísticos viraban ao redor da tradición neoclásica, seguindo ao pintor Jacques-Louis David. Á marxe deste academicismo, o Romanticismo formalizado por Géricault, Bonington ou Delacroix crecía.

En 1824, o Salón de París exhibiu unha exposición de John Constable. As súas escenas rurais influenciaron a algúns artistas novos, facendo que abandonasen o formalismo e academicismo para buscar a súa inspiración directamente na Natureza. As escenas naturais foron a temática máis recorrente, como elemento protagonista da súa pintura e non como mero pano de fondo de feitos dramáticos ou escenas mitológicas.

Durante as revolucións burguesas de 1848, un grupo de artistas comezou a reunirse na vila de Barbizon para seguir as ideas de Constable sobre a pintura e o naturalismo.

Os integrantes fundadores da escola de Barbizon foron Théodore Rousseau, Jean-Baptiste Camille Corot, Jean-François Millet e Charles-François Daubigny. Outros membros foron Jules Dupré, Narcisso Virgilio Díaz de la Peña, Henri Harpignies, Félix Ziem, Alexandre DeFaux, Constant Troyon e Jules Jacques Veyrassat.

Estilo de Barbizon[editar | editar a fonte]

A ponte de Mantes, obra de Corot (1868-70), Museo do Louvre.

Manteñen un estilo realista, pero de entonación lixeiramente romántica, que se caracteriza pola súa especialización case en exclusiva no paisaxe e o seu estudo directo do natural. Isto influirá no resto da pintura francesa do século XIX, en especial no Impresionismo. Usualmente tomarán os seus apuntamentos ao aire libre para realizar as súas obras definitivas nos seus estudos

Renunciaron á estampa pintoresca da vida campestre e lanzáronse a analizar dun modo case escrupuloso a Natureza. Esta observación do natural produce efectos sentimentais na alma do pintor, polo que as súas paisaxes adquiren unha calidade dramática bastante perceptible.

Millet, máis aló de Barbizon[editar | editar a fonte]

Un deles, Millet, foi máis aló da idea orixinal, incluíndo figuras nas súas paisaxes, como estampas da vida campesiña e o seu traballo no campo. Para el era máis importante o home que o escenario natural.

Exemplo disto témolo no cadro As espigadoras onde o mestre francés plasma unha escena da colleita do trigo. A diferenza doutras escenas do realismo, nesta non hai dramatismo, nin intención de denuncia social, senón simplemente a constatación da realidade.