Ágata
Ágata | |
---|---|
Fórmula química | SiO2 |
Clase | minerais óxidos |
Subclase | 4.DA.05 - variedade de cuarzo |
Sistema cristalino | trigonal |
Cor | múltiples cores |
Dureza | 6,5-7 |
Fractura | concoidea |
Exfoliación | non |
Raia | da cor que sexa o mineral |
Densidade | 2,6 |
A ágata é un conxunto de variedades microcristalinas de cuarzo, concretamente variedades de calcedonia que presenta vetas de diferentes cores que aparecen porque en cada zona a estrutura e as inclusións na calcedonia varía.[1][2]
A ágata atópase en rochas volcánicas e algunhas metamórficas o seu tamaño pode variar desde milímetros ata varios metros.[3] Caracterízase por presentar unha serie de bandas concéntricas de cores similares, opacos e translúcidos, que lembran o corte dun tronco de árbore en sentido circular. Pode adoptar diversas formas e presentarse en moitas variedades. É unha rocha dura e resistente aos reactivos químicos.
Existen algunhas variedades, que en realidade son calcedonias con distintas inclusións, como ágata dendrítica, ágata musgosa, ágata de paisaxe, ónix, ágata de fogo sardónix ou sardónica, ónix negro, ágata azul acivro, entre outras. Reciben estes nomes polas cores e debuxos que forman as súas bandas.[4]
Os xacementos máis importantes de ágatas encóntranse nos Estados Unidos, o Brasil, o Uruguai, a Arxentina, a India e Madagascar.
Formación
[editar | editar a fonte]O magma é expulsado desde o interior da Terra ata a superficie por medio dos volcáns. Ao tomar contacto co aire combina os seus elementos químicos e perde gases, pasando a denominarse lava. Esta, sobre a superficie terrestre xera calor e a súa superficie arrefría máis rapidamente que o seu interior. No seu interior presenta burbullas de gas. Co paulatino arrefriamento da lava, os distintos gases presentes nas burbullas van arrefriando e combinando ata arrefriar totalmente e formarse as pedras. Se a burbulla presenta pouco volume de gases formarase unha ágata, e en caso contrario producirase unha ametista.
A ágata fórmase nas cavidades das rochas volcánicas, por onde se filtran e depositan por capas as solucións quentes ricas en sílice. As variacións na solución ou nas condicións en que se deposita son as que provocan as variacións nas sucesivas capas (co que ás veces a calcedonia alterna co cuarzo cristalino).
A primeira capa que se deposita adoita ser unha substancia agrisada escura, que provén da descomposición de certos minerais presentes na rocha na que se vai formar a ágata. Ademais, cando a ágata se desprende da súa matriz, esta capa queda rugosa e basta. Todo isto dálle a este mineral un aspecto exterior de pedra vulgar.
Moitas ágatas son ocas, xa que a miúdo non se deposita a cantidade suficiente de solución silícea como para encher toda a cavidade. Nestes casos, a última deposición adoita ser cuarzo ou ametista, e prodúcese de forma tal que os cristais apuntan ao interior do oco. Dise entón que se formou unha xeoda.
Cando a rocha que a contén se desintegra, a ágata, que é extremadamente resistente á erosión, permanece como grava na terra ou nas ribeiras dos ríos.
Etimoloxía e historia
[editar | editar a fonte]O nome "ágata" crese que llo deu Teofrasto e provén do río Achates, actualmente río Dirillo, ao sur de Sicilia, en Italia, onde se di que se encontrou a primeira destas pedras.[5][6]
Hai restos arqueolóxicos de obxectos de ágata en Knossos, Creta, que ilustran o seu papel na cultura minoica da idade de bronce.[7] A ágata foi moi venerada polos antigos e era considerada como a pedra da ciencia. Críase que a ágata da India era o mellor remedio para as enfermidades dos ollos, e que a ágata exipcia era moi efectiva contra as picaduras de arañas e de escorpións.
As ágatas de Aleppo, en Arabia, recibiron o nome de “ágatas de ollo”, debido a que parecían pupilas rodeadas do iris. Eran moi estimadas e usábanse como ollos nas imaxes dos deuses. Tamén se atoparon nas cuncas oculares das momias do Antigo Exipto.
No islam as ágatas tamén son pedras moi prezadas. Segundo a tradición, un anel de ágata, por exemplo, protexe o seu portador de certos males e garántelle a lonxevidade, entre outros beneficios.
A miúdo, para comercializalas, as ágatas tínguense para resaltar o debuxo que forman as súas bandas. Desta maneira, obtéñense cores moito máis vivas.
Aplicacións artísticas
[editar | editar a fonte]A ágata e as súas variedades subministraron as pedras duras máis axeitadas para o gravado. Un dos máis notables e ao mesmo tempo unha das maiores pedras desta especie representa a Alexandre Magno. A cabeza ten un relevo moi particular e a pedra está montada magnificamente engarzada con ouro esmaltado.
Outra figura en ágata calcedonia representa o touro dionisíaco, co corpo cinguido cunha grilanda de hedra, a cabeza baixa e o tirso aos seus pés. Arriba, no campo, lese a sinatura do famoso gravador Hillo. Célebre pola beleza do seu traballo, este camafeo é un dos monumentos de primeira orde que nos legou a antigüidade.
Aplicacións industriais
[editar | editar a fonte]Industrialmente utilízase principalmente para realizar ornamentos de distintos tipos: pins, broches, calcapapeis etc. Ademais, debido á súa dureza e resistencia aos ácidos utilízase na realización de morteiros destinados á mestura de reactivos químicos. Debido ás súas características físicas tamén é óptima para o acabado de materiais de coiro.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ THE NOMENCLATURE OF SILICA (en inglés)
- ↑ Ágata - Usos y propiedades | MINERALES DEL MUNDO (en castelán)
- ↑ Donald W. Hyndman, David D. Alt (2002). Roadside Geology of Oregon (18th ed.). Missoula, Montana: Mountain Press Publishing Company. p. 286. ISBN 0-87842-063-0.
- ↑ "Cuarzo o sílice criptocristalino". Crista-Mine. Arquivado dende o orixinal o 20 de novembro de 2011. Consultado o 19 de maio de 2012. Arquivado 20 de novembro de 2011 en Wayback Machine.
- ↑ "Agate Creek Agate". Arquivado dende o orixinal o 16 de xullo de 2007. Consultado o 2007-07-01. Arquivado 16 de xullo de 2007 en Wayback Machine.
- ↑ "Achates". Consultado o 19 de setembro de 2014.
- ↑ C. Michael Hogan. 2007. Knossos fieldnotes, Modern Antiquarian
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ágata |