Xoán Bautista de La Salle

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Xoán Bautista de La Salle, nado o 30 de abril de 1651 en Reims, Francia e finado en Ruan o 7 de abril de 1719, foi o fundador da comunidade dos Irmáns das Escolas Cristiáns ou lasalianos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nado no seu dunha familia nobre, estudou teoloxía en París, foi canónico e presbítero. Sensibilizado coa situación da xuventude marxinal das capas máis baixas da poboación, repartiu os seus bens entre os necesitados e acolleu na súa casa a mestres pobres. Fundou unha comunidade de laicos non sacerdotes, aínda que co tempo foron asumindo os votos de pobreza e celibato para mellor cumprir o seu compromiso a prol da educación e promoción humana da xuventude das masas campesiñas esfameadas, dos fillos de artesáns depauperados e da primeira xuventude proletaria, para a que fundou escolas dominicais. Incidiu tamén na rehabilitación de mozos delincuentes.

Os seus métodos pedagóxicos foron innovadores: potenciación da lingua vernácula e materna fronte ao latín, clases en grupo para fomentar o compañeirismo e os valores de camaradería e axuda mutua, formación de mestres, así como o fincapé no reforzo positivo máis que na mera disciplina e a represión.

As súas iniciativas despertaron desconfianza na xerarquía eclesiástica e a oposición de nobres influentes. O carácter laical e gratuíto das escolas e centros de formación suscitou oposición e receo, pero isto non impediu a consolidación da súa orde, incluída na propia París e a súa expansión por toda Europa. En 1698, redacta a regra da Congregación.

Deixou escritas algunhas obras de espiritualidade e pedagoxía.

Significación[editar | editar a fonte]

Foi beatificado en 1888 e canonizado en 1900 por León XIII. Está considerado na Igrexa Católica como un dos patróns dos mestres e educadores ao igual que Xosé de Calasanz ou Xoán Bosco.

As súas experiencias pedagóxicas son o xermolo da escola primaria francesa. O número de rapaces e mozos labregos, artesáns e traballadores alfabetizados explica o éxito da difusión de panfletos propagandísticos dos ideais revolucionarios e a organización das capas máis desherdadas que foron a forza de choque utilizada pola burguesía para facer triunfar Revolución Francesa.

En Prusia durante o Kulturkrampf a orde lasaliana foi prohibida, reanudándose a súa presenza despois de 1918, para volver a ser prohibida polo nazismo.