Wikipedia:Xogar co sistema

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Xogar co sistema significa usar as políticas e normas da Wikipedia de mala fe, para de xeito deliberado frustrar os obxectivos da Wikipedia e o proceso de dirección editorial colectivo. Xogar co sistema é un abuso do procedemento prexudicial para o wiki. Relaciónase con isto o termo wikipreitear, ou sexa, seguir unha interpretación estrita da letra da lei para violar o seu espírito.

Un colaborador que xoga co sistema trata de usar as políticas de mala fe, e busca na súa redacción unha aparente xustificación para accións prexudiciais e para afirmar posturas contrarias ao propósito das políticas e defender o que estas non apoian. Facendo isto, o xogador arreda as políticas e normas do seu lexítimo sentido como produto do consenso da comunidade, e tenta usalas conforme o seu propósito persoal.

Ás veces xógase co sistema para apoiar un punto de vista. Outras, úsase nunha guerra de edicións, ou para impoñer un punto de vista non neutral. En todos eses casos xogar co sistema é un uso impropio das políticas e está prohibido. Apelar ás políticas cando non concorda co seu verdadeiro propósito e espírito, é un uso inapropiado delas.

O significado de 'xogar co sistema'[editar | editar a fonte]

Xogar co sistema é un procedemento de subversión. As políticas e normas da Wikipedia existen para recoller a visión da comunidade sobre como debe funcionar a Wikipedia e sobre os seus principios fundamentais. Xogar co sistema é servirse indebidamente das políticas para facer descamiñar os procedementos da Wikipedia, para reclamar apoio para un punto de vista que quebranta claramente esas políticas, ou para atacar unha posición correcta conforme esas mesmas políticas. "Xogar co sistema" é un xeito de edición daniño para o proxecto. Xogar co sistema inclúe:

  • Apelar a unha política ou reclamar o seu apoio para soster unha acción ou punto de vista, da que o usuario coñece que non reflicte o verdadeiro sentido ou espírito da política, ou
  • Interpretar interesadamente unha política dun xeito que o usuario sabe que danará a Wikipedia ou o seu ambiente de comunidade.

Nestes casos, a intencionalidade e o coñecemento son importantes. Usar mal das políticas, normas e prácticas da Wikipedia non é "xogar co sistema" se se produce por un erro real. A subversión inapropiada, de calquera tipo, debe ser bloqueada por un administrador. Violar o espírito das normas de comportamento da Wikipedia pode predeterminar a decisión dos administradores.

Exemplos[editar | editar a fonte]

Entre os exemplos de xogar co sistema inclúense, entre outros moitos:

  1. Wikipreitear de mala fe, discutindo sobre a letra da política en contra do espírito da política.
  2. Reclamar protección, xustificación ou apoio espurio do texto dunha política, para un punto de vista que en realidade contradí esa política a mantenta.
    Por exemplo, reclamar a necesidade dun consenso ou dun punto de vista neutral para impedir que saia adiante un debate lexítimo (xogar co consenso a través de monicreques crea un falso consenso).
  3. Empregar as políticas contra outras políticas.
    Un exemplo é sinalar que unha referencia controvertida non pode eliminarse ata que haxa un consenso editorial (neste caso, reclamar un consenso é incorrecto, porque non é ese o obxectivo do consenso).
  4. Amarrarse ao texto da política para defender unha acción que violou o espírito desa política.
    Na Wikipedia en inglés o exemplo canónico disto é a regra das tres reversións (en inglés) que limita os editores a facer tres reversións nun período de 24 horas. O propósito desta norma é apagar as guerras de edicións. Un editor que revirte os trocos tres veces nun período de 24 horas e unha vez máis inmediatamente ao día seguinte, tendo en conta o espírito da regra e o obxectivo de protexer a Wikipedia, debe ser tamén sancionado
  5. Malinterpretar as accións doutros editores co obxectivo de que estas parezan irrazoables ou impropias.
    Un exemplo é non dar fontes ou referencias concretas dunha cita, ou dalos de forma vaga, e logo acusar outro editor de actuar contra as normas por preguntar por esas fontes varias veces. Neste caso, cualificar de contraria ás normas unha petición reiterada de información é unha malinterpretación, posto que as citas se colocan precisamente para que sexan verificables por calquera outro editor.
  6. Aplicar escollidamente unhas políticas e esquecer outras, ou un fragmento dunha política e esquecer o resto, para apoiar un punto de vista contrario á política.
    Un exemplo deste andar a escoller regras é pedir apoio para unha edición porque é verificable e porque se referencia, pero agochar que está baseada en fontes non fiábeis ou que representan con claridade puntos de vista non neutrais.
  7. Tentar impoñer unha interpretación interesada dunha política, ou impoñer un punto de vista persoal sobre os estándares e non aqueles que fixou a comunidade.
    Un exemplo é descualificar unha fonte porque non cumpre determinados estándares científicos, cando en realidade non é que non cumpra os estándares científicos da comunidade, senón os estándares científicos dese editor. A fiabilidade das fontes debe ser determinada con neutralidade. O obxectivo da política de fontes é clarificar a fiabilidade das distintas fontes, non apoiar as peticións de exclusión das fontes só porque algún editor as considera non fiábeis.
  8. Entorpecer: activar repetidamente as mesmas discusións ou regresar a elas sen xeito nin maneira despois de que xa fosen resoltas, co obxectivo de non rematar ningún debate ou atacar a política que resultou desa discusión.
  9. Xogar co límite: camiñar polo límite do cumprimento das políticas ou cumprilas só daquela maneira, para que sexa máis difícil de probar unha conduta malintencionada.

Xogar co sistema coincide ás veces con outros ataques ás políticas.

  • Tamén pode cualificarse de "xogo co sistema" usar incorrectamente os procedementos da Wikipedia para colocar a outros editores en posicións incómodas, para demostrar unha opinión, ou para facer xogo revolto nunha discusión. Porén, normalmente estas accións considéranse como uso da Wikipedia para apoiar un punto de vista ou abuso do procedemento.
  • Usar políticas e normas para demostrar falsamente que un usuario está actuando de mala fe, cando isto mesmo é en si unha interpretación, realizada de mala fe, sobre a acción dos outros editores. Habitualmente categorízase como un incumprimento da política da boa fe e, en particular, facelo varias veces pode supoñer un caso de incivismo.
  • Se o xogo co sistema se usa para impugnar a outro editor ou para falar mal del acusándoo de actuar con mala fe, pode violar tamén a política de non aos ataques persoais.

Andar con legalismos[editar | editar a fonte]

Como a Wikipedia non é un xulgado, moitos termos e procedementos legais non teñen nada que ver coa Wikipedia. Deste xeito, quen wikipreitea ponse a manexar argumentos, recursos ou probas da mesma maneira que se estivese nun tribunal, a miúdo con fundamentos legais erróneos. Ás veces, wikipreitear pode presentar cuestións lexítimas, e mesmo xustas, pero a miúdo serve para evitar un debate ou para obstruír a creación dunha solución posible. Por exemplo, como en moitos casos é imposible determinar qué usuario real que se agocha detrás dun grupo de monicreques, non vale como defensa o argumento de que os monicreques que se descubriron finalmente non foran nominados na denuncia no taboleiro dos administradores.

Abuso de procedemento[editar | editar a fonte]

O abuso do procedemento está relacionado co xogo co sistema. Consiste en usar os procedementos acordados pola comunidade para conseguir un propósito para o que non foron creados e aprobados. O abuso do procedemento é entorpecedor, e depende das distintas circunstancias para que sexa considerado xogar co sistema, ataque persoal ou mal uso para impoñer un punto de vista.